Coñecida tamén como influenza aviaria, a gripe aviaria é unha enfermidade vírica, semellante á gripe humana, que afecta a diversas especies de aves, especialmente ás silvestres migratorias. Dentro destas, os estudos epidemiolóxicos sinalan o papel das aves acuáticas na transmisión da enfermidade a outras especies, tanto silvestres como domésticas. Agora, após a detección de focos de gripe aviaria en varios países da Unión Europea e o consecuente aumento da situación de alerta en España, a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia prohibiu a cría ao aire libre de aves de corral en 34 localidades do territorio galego para conter a transmisión intraespecífica das novas cepas en circulación.
Os influenzavirus A, os virus da gripe
Con múltiples tipos e subtipos, dentro do virus influenza atópanse os influenzavirus A, os máis perigosos e únicos responsábeis da gripe aviaria. Amais, poden ser os axentes causais tanto das gripes porcina e equina, como da gripe común que afecta os humanos. “De feito, a gripe humana sempre tivo orixe en animais, especialmente as aves”, explica Gonzalo Fernández Rodríguez, decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela. “Cada corenta ou cincuenta anos detéctase unha transmisión a humanos e, despois, ese virus que vén dos animais convértese no virus normal da gripe”.
O virus influenza da gripe posúe unha alta taxa de mutación, “incluso máis que o coronavirus”. Porén, o maior risco provén dun fenómeno coñecido como recombinación xenética que lle permite, ao ter o ARN segmentado, xerar moitas combinacións distintas. “Por exemplo, se un espécime se infecta cunha cepa de gripe aviaria e unha cepa humana, é posible que se poidan combinar e apareza un novo virus, con parte das características da cepa animal e parte das da humana”. Unha mestura que podería facer que o virus fose máis facilmente transmisible entre persoas, e que hai que tentar evitar que se produza. “Por iso se toman as medidas, para que nin sequera haxa posibilidade de contaxio a animais domésticos”.
Un mesmo virus, varias cepas
Así mesmo, e no que respecta exclusivamente á influenza aviaria, existen varias cepas do virus. Dunha banda, as clasificadas como influenza aviaria de baixa patoxenicidade (IABP), que adoita provocar un período de enfermidade leve, chegando mesmo a pasar desapercibida e sen presentar sintomatoloxía. Porén, no caso da influenza aviaria altamente patóxena (IAAP), esta non só se propaga con moita máis rapidez. Tamén presenta un cadro clínico máis grave e altas taxas de mortalidade na meirande parte das especies de aves de curral, chegando a ser de até o 100% en menos de 48 horas.
O H5N1, de orixe asiática, ten unha alta capacidade de contaxio e mortalidade entre as aves
Incluído neste último grupo está o virus da influenza aviar H5N1 de orixe asiática, cunha alta capacidade non só de contaxio, senón de mortalidade entre as aves de curral. O pasado novembro, as autoridades alemás informaban da detección dun gromo desta cepa nunha granxa de 39.000 patos no estado estado de Baixa Saxonia. Un mes despois, o H5N1 acababa con máis de 5.000 grúas migratorias en la Reserva Natural de Hula e, aos poucos días, o Laboratorio Central de Veterinaria (LCV) de Algete reportaba a detección do virus de IAAP en varias aves silvestres no río Segre, na provincia de Lleida.
Un risco zoonótico limitado, pero alta mortalidade
“É a gripe. Todos sabemos que é facil de contaxiar”, apunta Fernández Rodríguez. Porén, moitas das cepas que afectan ás aves domésticas, após a trasmisión das migratorias, non adoitan ser moi contaxiosas ás persoas. Así, e segundo apunta a Xunta de Galicia, até o momento non existen evidencias de que o serotipo H5N1 en circulación teña a capacidade de trasmitirse aos humanos.
Igual que con outras cepas, as infeccións humanas por mor do virus da gripe aviar teñen sido pouco comúns, e acostuman producirse entre as persoas que están en contacto moi directo con aves infectadas, tanto vivas como mortas. Pero pode haber mutacións, que dependen do número de animais que se infecten. “Non é que sexa sinxelo que, no momento no que se infecta unha ave doméstica, llo pase á persoa. Pero claro, se ocorre moitas veces, a probabilidade é máis alta. Por iso é importante que o risco sexa o mínimo”.
“non existen evidencias de que o serotipo H5N1 en circulación teña capacidade de transmitirse aos humanos”
Porque, cando a transmisión si que se produce, a taxa de mortalidade é elevada, posto que a inmunidade da poboación contra este tipo de virus é baixa: “Por exemplo, o H5N2, que afectou a Asia durante anos, chegou a ter unha mortalidade do 50% en persoas. O que pasa é que é un virus que non se transmite facilmente entre persoas. Non é moi contaxioso, pero as persoas que se infectan si teñen unha alta probabilidade”, explica do decano. Nesta liña, o goberno galego precisa que, como no caso de calquera outra patoloxía animal, debe minimizarse o contacto innecesario con aqueles espécimes que aparezan enfermos, feridos ou mortos.
Baixo potencial pandémico
Porén, Fernández Rodríguez sinala que o risco dunha pandemia de gripe aviar é baixo. Polo menos, en Europa ou naqueles países onde se realizan controis de forma rutineira. “Isto que está pasando agora xa pasou moitas veces en Europa, está pasando constantemente. Pero como as medidas son tan efectivas, non ocorre”, apunta. Así, primeiro minimízase o risco de contaxio entre aves, controlando as zonas migratorias e, no caso de que unha granxa se infectase, procédese á súa inmediata eliminación.
Os lugares máis conflitivos serían aqueles territorios menos desenvoltos, onde as medidas de bioseguridade son escasas e a xente convive cos animais. “Historicamente, o maior risco é que ocorra en países onde non hai estas medidas. Por exemplo, o que pasou en México ou o que adoita acontecer en Asia, porque moita xente vive coas aves dentro do mesmo habitáculo. E se a xente convive cos animais, non hai medidas de bioseguridade, e despois non hai medidas de policía sanitaria, no sentido de que hai un caso e non se actúa rapidamente, pois aumenta a posibilidade de transmisión ás persoas”.
“O maior risco é que ocorra en países onde non hai estas medidas”
Nesa liña, o decano sinala novamente a problemática das mutacións e recombinacións nestes países de risco —semellante ao que acontece coas variantes do coronavirus— e en especial á cepa H5N2, que estivo a funcionar durante moito tempo no continente asiático: “A veces estamos pendentes da sorte que teñamos. Esa en particular estivo xogando a lotaría, pero non chegou a haber unha recombinación vírica que facilitase o contaxio entre humanos”.
Zonas de risco en Galicia
Porén, as aves silvestres migratorias non entenden de distincións territoriais humanas e, nas súas travesías, pasan por diferentes zonas, onde tamén paran a descansar. Zonas nas que existe a posibilidade de que esas aves, potencialmente portadoras do virus, entren en contacto con aves domésticas e que se estableceron como de risco. Algo que facilita non só a prevención senón, no momento no que se detecta algunha cepa, establecer medidas de seguridade e que a administración poida establecer o control das explotacións afectadas.
As aves silvestres migratorias, nas súas travesías, poden entrar en contacto coas aves domésticas
No Estado español, e actualizadas por mor da últimas vagas epidémicas, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) distingue entre aqueles concellos con risco alto de introdución da gripe aviar, incluídos na zona de especial risco (ZER), e aqueles cun risco moderado, pertencentes á zona de especial vixiancia (ZEV). En Galicia, a ZER está delimitada á provincia de Pontevedra, sendo constituída polos concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa. No caso da ZEV, esta abarca concellos ao longo de todo o territorio galego: A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo e Zas, na da Coruña; Ribadeo e Trabada, na lucense; Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, na de Ourense. E dicir: os 34 afectados pola prohibición.
Medidas de prevención
Previr e mellor que curar. Ou que sacrificar. Porque, ao seren normalmente casos puntuais, unha granxa infectada non xustifica o desenvolvemento dunha vacina. Deste xeito, e amais dunha vixilancia para detectar o impacto dos gromos e actuar rapidamente, nas zonas de maior maior risco apóstase primeiro por medidas de bioseguridade, para evitar que as aves silvestres teñan contacto con animais domésticos.
Así, e malia non ter detectado casos en Galicia, todos os propietarios das localidades incluídas deben manter as súas aves en instalacións pechadas e a cuberto. De non ser posíbel por falta de instalacións axeitadas, permitirase manter as aves no exterior, sempre que se conte con dispositivos que impidan o acceso de aves silvestres, evitando tamén o contacto destas coa auga e os alimentos destinados ás domésticas. Así, non estará autorizado dar ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais ou outras fontes aos que puidesen ter acceso as silvestres, a non ser que pase por un tratamento de hixienización previo.
Doutra banda, queda prohibido o uso de aves do tipo anátidas —patos ou semellantes— e charadriiformes —gaivotas e similares— como reclamos de caza. Tamén se prohibe a cría de patos, ocas e gansos xunto con outras aves de curral, así como as concentracións de aves de calquera tipo. Finalmente, é obrigatoria a inscrición dos currais familiares no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural.