Un equipo de Santiago xa estuda as alteracións do ciclo menstrual a causa da vacinación

Os cambios na regra parecen ser transitorios e pouco preocupantes, confirmándose como efectos adversos leves e sen repercusión na saúde

A dor era máis intensa ca nunca e os analxésicos non facían efecto. Sudoración, perda da vista, calafríos, malestar e vómitos. Os síntomas xa eran coñecidos. A intensidade, non. “Sempre tiven unhas regras terribles, que foron a máis despois de poñer a vacina contra o coronavirus”, di Noa Souto, de 25 anos. A primeira vez que tivo a menstruación despois da inxección tivo que chamar a urxencias. “Dixéronme que reforzase a medicación porque o máis probable é que fose un efecto secundario da vacina“, explica a rapaza. Aínda que xa pasaron varios meses, ela segue a notar cambios na duración da regra e nas perdas. Pero non é a única. O Hospital Universitario de Santiago (CHUS) xa está recollendo datos que expliquen que está pasando. “Parece un efecto secundario leve que, de momento, non ten ningún tipo de repercusión na saúde da muller”, di a xinecóloga Cristina González Cea.

Polo momento non existe unha evidencia científica clara. Pero dende hai meses, un equipo do CHUS comezou a notar que as alteracións na menstruación eran frecuentes en moitas pacientes. Mulleres que, xusto despois de vacinarse, comezaron a experimentar cambios nas súas regras, sen que elas se decatasen de que podía existir unha asociación. “Cando se empezou a vacinar con AstraZeneca en marzo de 2021, un colectivo de farmacéuticas de Santiago notaron que, despois da vacina, experimentaban menstruacións moito máis abundantes en contía e duración“, explica González Cea. Conforme foi aumentando a cobertura vacinal, cada vez eran máis as mulleres que o percibían. Incluso aquelas que xa estaban na menopausia empezaron a sangrar de novo. Iso foi un dos aspectos que máis chamou a atención dos profesionais sanitarios do CHUS, que iniciaron unha recollida de datos e un seguimento a un amplo grupo de pacientes.

Cambio na duración e nas perdas

“O único do que podemos falar por agora baseáse na observación. De momento, non inflúe o tipo de vacina que se inocule. Sexa Pfizer, Moderna ou AstraZeneca”, detalla a xinecóloga do CHUS. O “sangrado post-vacina” parece comezar entre o día 5 e o día 25 e ten un carácter moi variable. Mulleres que estaban coa regra cando se vacinaron e prolongóuselles máis do previsto, outras que non estaban coa menstruación e tiveron un sangrado intercíclico dun par de días que se confudía coa regra ou mesmo aquelas que experimentaron cambios notables na cantidade e na duración. Algo que lle aconteceu a Noa Souto, que prefire empregar un nome ficticio. “Sempre perdín moito durante os cinco primeiros días. Dende que me vacinei, os dous ou tres primeiros mancho moitísimo. Despois diminúe o sangrado, pero alongóuseme moito máis no tempo”, relata a rapaza.

Moitas mulleres experimentaron cambios notables na cantidade e duración dos seus sangrados

De todas formas, González Cea cre que non hai motivos para a alarma. Levan seis meses recollendo datos e facendo probas, incluíndo biopsias ás mulleres menopaúsicas. Os resultados revelan que probablemente o virus, mediante algún tipo de mecanismo descoñecido, poida estimular unha liberación hormonal que favorece eses cambios ou alteracións nas menstruacións, sangrados intercíclicos e na menopausia. “Por como se produce o sangrado, sobre todo en mulleres xa menopaúsicas, parece que é algún tipo de mecanismo do virus o que estimula a segregación da hormona, e non a vacina”, recalca a xinecóloga. Ao parecer, estes cambios na menstruación non están sendo exclusivos das mulleres que recibiron a inxección; tamén aparecen en aquelas que pasaron a infección de maneira natural. “Estamos estudándoo e manténdonos á espera de confirmacións. Ata que non teñamos datos estatísticos non podemos publicar nada”, puntualiza González Cea.

Efecto adverso leve

A xinecóloga tamén afirma que o máis importante é non crear alarma. “Non é un efecto adverso grave nin importante. Se se debese a un estímulo hormonal, en principio non debería de alarmar porque sería transitorio e son hormanas que forman parte dos nosos órganos e tecidos. De feito, a profesional do CHUS recalca que, ata o momento, só rexistraron pacientes con cambios mentruais que duraron dous ou tres meses, pero sobre todo alteracións na menstruación seguinte á vacina. É dicir, algo puntal e transitorio.

Ao tempo, insiste en que aínda queda moito por estudar arredor do SARS-CoV-2 e que, segundo a observación, todo apunta a que é un efecto do propio virus e non da vacina. “As pacientes que tiveron Covid-19 tamén tiveron desordes hormonais”, enfatiza a xinecóloga do CHUS. E insiste en que se os cambios na menstruación destas mulleres fosen prexudiciais ou preocupantes, o persoal sanitario sería o primeiro en dar a voz de alarma. “Hai que dar explicacións e non alimentar as teorías conspiranoicas. Pode que o propio virus produza este efecto, pero nin sequera o fará en todas as pacientes”, sinala.

Todo apunta a que as alteracións nos ciclos menstruais débense ao propio virus e non á vacina

Os efectos secundarios do coronavirus e das vacinas correspondentes están, aínda, estudándose. E os servizos de xinecoloxía non son os únicos que se están ocupando desta realidade. “Queda moito por investigar porque é un virus moi novo, tamén para nós. O único claro é que, baseándome nas probas que realizamos, os resultados non son alarmantes. É máis, hai que seguir vacinándose“, di González Cea. Amais disto, a xinécologa indica que dende a Atención Primaria xa están derivando pacientes que presentan alteracións na menstruación. É dicir, que xa hai unha acción coordinada entre o persoal sanitario, consciente dunha realidade que está afectando de cheo ás mulleres. Aínda que, de momento, non é preocupante.

Máis estudos

A Noa Souto xa llo dixeron naquela chamada de verán. Os médicos do seu centro de saúde xa pensaban que aquel cambio na súa menstruación se debía á recente dose da vacina. Agora xa pasaron varios meses. A inmensa maioría da poboación galega xa está inmunizada. E a experiencia de Noa non é única, senón máis ben común. O máis tranquilizador é que xa se está investigando e os resultados preliminares instan á calma e non á alarma. Nada fai pensar que os cambios na regra sexan preocupantes, tan só un efecto secundario máis que debe ser estudado de maneira pertinente. E, sobre todo, que a vinculación directa coa vacina non está tan clara. Todo apunta a que é o propio virus o que xera este efecto. Agora é preciso esperar á investigación profunda e aos datos reveladores. E confiar na ciencia. A única capaz de guiarnos á fin da pandemia.

5 COMENTÁRIOS

  1. Teño amigas que experimentaron cambios na menstruación despois da vacina e creo que é importante saber que o están estudando e dalo a coñecer nos medios. Eu sufro dun síndrome premenstrual e reglas terribles (mesmo incapacitantes) dende moito antes da Covid pero non se poden mezclar as cousas. Que a regla sexa incapacitante é outro tema distinto ao que se trata no artigo. Obviamente nun contexto Covid no que se falan dos efectos secundarios da vacina é un “síntoma leve” porque a regla pode ser máis ou menos dolorosa e abundante pero a vida da muller non corre perigo. Iso non lle resta importancia á dor que experimenta a muller que a padece nin este artigo o fai. Todo o contrario, paréceme moi bo.

  2. Como que “todo apunta a que é o virus e non a vacina”? Insinúa que tódalas mulleres que reportan alteracións colleron o virus o mes que se vacinaron? Coma sempre, a dúbida sobre elas, en vez de criticar que no S.XXI segan sen incluírse nos ensaios clínicos cuestións específicas para mulleres en edade fértil.

    • Efectivamente, moita casualidade sería. Dúas veces tiven alteracións e as dúas despóis da primeira e treceira doses. Que eu saiba, nunca collín o virus

  3. Espántame a redación, porque da a entender que as mulleres quéixanse de vicio, a dor de ovarios de por si é incapacitante así que se estas mulleres teñen máis do habitual iso NON é LEVE iso é MODERADO a FORTE, se te pos unha vacina e a continuación tes problemas a orixe foi a vacina, vacina que contén virus ou arn ou o que teña… retorcer así a realidade non é neutral.

    A diferencia entre terse contaxiado ou que sexa tras unha vacina para a muller que sofre alteracións de tipo hormonal e, por tanto, das regras paréceme a min que tanto ten, a dor é dor. Estou segura que se os homes sofriran alteracións dos testículos habería ALARMA pero como son mulleres, que sofran… total… Cabreante a liña editorial deste artigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.