Encefalopatía de Wernicke: unha enfermidade infradiagnosticada e esquecida

Un estudo con participación galega afonda nunha doenza caracterizada polo déficit de vitamina B1, habitual en persoas cun elevado consumo de alcohol

As persoas cun elevado consumo de alcohol non adoitan alimentarse de forma correcta.
As persoas cun elevado consumo de alcohol non adoitan alimentarse de forma correcta.

Lentitude e confusión mentais. Parálise na mirada. Inestabilidade ao camiñar. Eses son os principais síntomas da Encefalopatía de Wernicke, unha enfermidade asociada a un déficit de vitamina B1. Unha doenza frecuente entre persoas cun elevado consumo de alcohol, aínda que tamén pode aparecer en casos de desnutrición severa. “Non é unha enfermidade rara. O problema é que non se lle presta demasiada atención. É unha doenza dos pobres porque está relacionada con niveis sociais moi baixos”, explica o doutor Ignacio Novo Veleiro, o primeiro asinante dun artigo, recentemente publicado, que analiza esta enfermidade.

Estudos observacionais

Máis en detalle, trátase dun estudo observacional que describe a frecuencia da Enfermidade Hepática Alcohólica nun conxunto de pacientes con Encefalopatía de Wernicke e trastorno por consumo de alcohol. As persoas que presentaban ámbalas dúas doenzas tiñan, tamén, características clínicas e analíticas específicas. Amais diso, os pacientes coa Enfermidade Hepática Alcohólica presentaban un “prognóstico peor” que aqueles que non a tiñan. É dicir, presentaban unha maior mortalidade. “Uns resultados, en certo modo, esperables”, puntualiza Novo, facendo referencia á serie máis grande que relaciona a Encefalopatía de Wernicke coa Enfermidade Hepática Alcohólica.

Ignacio Novo Veleiro (esqueda) xunto a algúns dos asinantes do artigo nun congreso celebrado en novembro.
Ignacio Novo Veleiro (esqueda) xunto a algúns dos asinantes do artigo nun congreso celebrado en novembro.

Este estudo forma parte dun proxecto desenvolvido polo grupo de Alcohol e Alcoholismo da Sociedade Española de Medicina Interna (SEMI), co doutor Miguel Marcos como coordinador. En 2017 xa se publicara unha investigación onde se analizaban as diferenzas en características e prognóstico entre os pacientes alcohólicos e non alcohólicos con Encefalopatía de Wernicke. “Non se atoparon grandes diferenzas salvo algunha moi sutil. Incluso alteracións na imaxe cerebral, probablemente porque o consumo de alcohol provoca un dano cerebral engadido”, detalla Ignacio Novo, tamén médico internista no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). E recorda que, en breve, publicarán outra investigación que complementa as dúas anteriores e que estará centrada no tratamento desta enfermidade.

Pouco coñecida socialmente

Un dos obxectivos desta proxecto é lanzar luz sobre unha enfermidade como a Encefalopatía de Wernicke, pouco coñecida socialmente e pouco estudada a nivel académico. “Está asociada á desnutrición, a niveis sociais moi baixos onde o paciente adoita consumir alcohol. Xente que case non come, que vive na rúa. Persoas das que ninguén se preocupa demasiado”, afirma Novo Veleiro. E advirte que a taxa de incidencia desta doenza é máis alta do que parece en Galicia. Ao parecer, a Encefalopatía de Wernicke pode pasar desapercibida en pacientes que xa presentan un problema hepático. De feito, o internista galego é categórico: “Estou seguro de que está infradiagnosticada”.

A taxa de incidencia desta doenza é máis alta en Galicia do que parece

Con todo, o motivo deste non-diagnóstico non se debe atribuír ao descoñecemento. “A comunidade médica sabe desta enfermidade pero o consumo de alcohol están tan normalizado que non se asocia con doenzas graves”, incide Novo Veleiro. É dicir, que beber este tipo de substancia pode pasar desapercibido, ben porque non se pregunta, ben porque non se lle presta demasiada atención. E ás veces, as persoas que beben en exceso tampouco se alimentan correctamente, o que aumenta o risco de padecer a Encefalopatía de Wernicke.

Un problema normalizado

“Ademais do pouco que se pregunta polo consumo de alcohol nas consultas, os pacientes adoitan responder que beben o normal“, sinala Novo Veleiro, crítico coa idea de que tomar dous viños ao día sexa un costume inocuo. El é taxante ao afirmar que este tipo de condutas levan a problemas serios. “Se os médicos somos pouco conscientes, imaxina os pacientes”, engade o médico, que insiste en que o alcohol, a día de hoxe, se segue vendendo como “algo bo”. “Detrás de todo isto hai unha industria moi potente. Pode que beber dous viños non che faga dano, pero bo non é“, insiste Novo Veleiro.

Unha situación que pese ás apariencias non pareceu agravarse coa pandemia. Segundo o doutor, o peche de bares non diminuíu o consumo de alcohol, tan só cambiou o foco. Durante as épocas de peche de hostalaría, bebíase nas casas. “Isto non se cuantifica pero a xente ía mercar o alcohol ao supermercado”, alerta Novo Veleiro. Con estes estudos, tanto el como o seu equipo tratan de poñer o foco en doenzas esquecidas como a Encefalopatía de Wernicke. Talvez relegadas a un segundo plano. Talvez descoñecidas e ignoradas. Cuxos pacientes só esperan un pouco de luz e, quen sabe, un raio de esperanza.


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.