Primeiro caso de gripe aviaria en humanos en España: cales son os riscos?

O investigador da USC Gonzalo Fernández asegura que os "poucos contaxios" notificados ata o momento foron leves ou asintomáticos

Confirmado: aparece o primeiro caso en España de gripe aviaria H5N1 en humanos. Así o confirma o Centro Nacional de Microbioloxía. Segundo os datos facilitados ata o de agora, a persoa infectada é un traballador dunha granxa avícola en Guadalajara, onde xa se detectara un gromo entre as aves. O paciente, que xa deu negativo, permaneceu asintomático e, de momento, non se identificaron máis casos no resto do persoal. “Non é preocupante. Os poucos contaxios que houbo de H5N1 foron leves ou non presentaron síntomas”, analiza Gonzalo Fernández, decano da facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O traballador infectado é o segundo caso en Europa, despois de que Reino Unido declarase un a principios de ano. Pero non son os únicos países afectados pola gripe aviaria: Estados Unidos tamén notificou un contaxio en abril. “Son poucos casos. Pode aparecer algún máis, pero para que chegue aos humanos, primeiro tería que contaxiarse unha granxa e logo un traballador que estea en contacto moi directo e reiterado coas aves”, explica o experto da USC, dando conta de que esta cepa do virus non é moi contaxiosa. Ao tempo, insiste en que debe manterse a tranquilidade: “O H5N1 ten unha alta taxa de letalidade en aves pero non en humanos, polo menos de momento”.

Publicidade

“Precísase dun contacto moi directo e reiterado coas aves, por iso se contaxiou o traballador dunha granxa avícola”

GONZALO FERNÁNDEZ, decano da facultade de Veterinaria da USC

Ademais, o decano de Veterinaria pon énfase no sistema de vixilancia da gripe aviaria. “Todo está moi controlado e os gromos non son difíciles de detectar. O principal sinal de alarma é un rápido aumento da mortalidade. Se deixas circular o virus, pode haber un 20%-30% máis de aves falecidas”, explica Fernández. Insiste, tamén, que as granxas están constantemente analizando a súa rendibilidade, polo que é moi difícil que pase desapercibido un gromo de gripe aviaria. “Cando se detecta sacrifícanse os animais para evitar que vaia a máis”, apunta.

Galicia só notifica casos en aves silvestres

En Galicia só se detectaron casos de gripe aviaria en mascatos. “Cando se identifican, xa se toman unha serie de medidas nos concellos afectados para que non salte ás aves domésticas. O problema, máis que nas granxas, pode estar nos galiñeiros pequenos“, aduce González. Ademais, Galicia non é unha zona onde haxa un risco tan elevado como noutras partes de España. “Non hai tanto perigo en relación á interacción entre as aves silvestres e as domésticas porque en comparación con Doñana, por exemplo, hai menos presenza de aves migratorias, que son as portadoras”, engade o decano de Veterinaria.

Publicidade

“A extensión xeográfica do gromo actual non ten precedentes”

Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades

Malia que o risco semella ser baixo para os humanos, non así para as aves. Segundo a última actualización do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), “a temporada epidémica de influenza aviaria altamente patóxena 2021-2022 é a máis grande observada ata o momento”. E indican que a extensión xeográfica do actual gromo “non ten precedentes”. Os datos validan estas afirmacións: hai 37 países europeos afectados, 2.467 gromos en aves de curral, 48 millóns de aves sacrificadas e 3.573 casos en aves silvestres. Con todo, dende o ECDC concordan coa análise de Fernández: “A nivel mundial só se informou unha pequena cantidade de infeccións humanas con enfermidade leve ou asintomática. Polo tanto, o risco para a poboación xeral mantense en niveis baixos“. A única excepción serían os traballadores do sector animal, que teñen máis risco de exposición.

Baixo risco de contaxio para os humanos

Os virus da influenza, segundo explican dende o ECDC circulan nas especies animais como porcos e aves de maneira esporádica, causando enfermidades que poden ser leves pero tamén graves. “Teñen o potencial de afectar gravemente a saúde pública, como durante as epidemias de influenza aviar H5N1 en Exipto ou H7N9 en China”, apuntan. A este respecto, o decano de Veterinaria lembra outro caso, o do subtipo H5N2 en Asia. “Aínda que era pouco contaxioso tivo unha alta mortalidade porque alí conviven coas aves. Non é como aquí, que as galiñas, os polos ou outras aves están pechadas e cercadas”, engade.

“A maior incidencia nas últimas epidemias converte estes virus nunha ameaza para a saúde pública. Isto, e o feito de que sexan virus cunha alta taxa de mutacións, obriga a manter unha vixilancia constante tanto en aves como en persoas”, advirten as investigadoras Irene Iglesias e Ana de la Torre en declaracións ao Science Media Centre España. Pola súa parte, o decano de Veterinaria da USC insiste en que a vixilancia garante a identificación dos gromos a tempo para tomar medidas o antes posible. “O sistema funciona. Canto máis se detecta, mellor. O que me preocuparía é que se notificasen moitos en Europa e ningún en España”, conclúe o experto galego.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro