O fume ambiental do tabaco no período posnatal incrementa o risco de obesidade aos doce anos

Así o conclúe un estudo que acaba de publicarse na revista ‘Obesity’ e que é froito do traballo dun equipo investigador da USC e da universidade estadounidense de Brown

A exposición ao fume ambiental de tabaco durante os primeiros anos de vida aumenta nun 75% o risco de sobrepeso ou de obesidade aos doce anos. Así o conclúe un estudo que acaba de publicarse na revista Obesity e que é froito do traballo dun equipo investigador da USC e da universidade estadounidense de Brown. O estudo evidencia como a exposición posnatal asóciase con maior peso, masa graxa, circunferencia de cintura, graxa visceral, graxa androide e, particularmente, con maior índice de masa corporal e masa magra aos 12 anos.

A exposición ao fume ambiental de tabaco durante o período posnatal podería ter unha maior influencia na composición corporal dos adolescentes, en comparación co período prenatal”, explica a investigadora Nerea Mouriño Castro, primeira asinante do artigo e cuxa tese de doutoramento, con mención internacional e que será defendida proximamente na USC, fornece os resultados da investigación que acaba de ver a luz. O traballo constitúe un estudo realizado con datos dunha cohorte prospectiva estadounidense, The Health Outcomes and Measures of the Environment (HOME) Study. Este tipo de estudo pode definirse como o seguimento a un grupo de individuos que comparten múltiples aspectos pero que se diferencian en certas características. Así, esta cohorte iniciou o recrutamento de mulleres embarazadas no ano 2003 e, dende entón, continuou co seu seguimento e o dos seus fillos para valorar os efectos na saúde, durante a infancia e adolescencia, derivados da exposición pre- e posnatal a diferentes tóxicos ambientais, entre eles, o fume ambiental de tabaco.

Publicidade

O doutorando Nerea Mouriño Castro

Diferenzas por sexo

O obxectivo do estudo foi examinar a influencia da exposición a este tipo de fume durante o embarazo e ao longo dos primeiros catro anos de vida, respectivamente, na composición corporal aos doce anos de idade, valorando ao mesmo tempo posibles modificacións do efecto segundo o período de exposición e o sexo dos adolescentes.

A exposición posnatal ao fume de tabaco podería alterar a composición corporal dos adolescentes de forma específica para cada sexo

Nerea Mouriño Castro, doutoranda na USC

O equipo botou man de modelos de informantes múltiples axustados por características sociodemográficas, antropométricas e estilos de vida das nais e fillos. “A exposición posnatal ao fume de tabaco podería alterar a composición corporal dos adolescentes de forma específica para cada sexo”, apunta a investigadora. De feito, ao considerar o sexo dos adolescentes, a exposición posnatal asóciase, de acordo co estudo, cun maior aumento de masa graxa e graxa visceral entre as nenas, en comparación cos nenos.

Publicidade

Problema de saúde pública

“Futuros estudos de cohortes deberían determinar se a exposición ao fume de tabaco durante as primeiras etapas da vida asóciase con outros marcadores de risco cardiometabólico e co risco de padecer enfermidades cardiovasculares máis adiante na adultez”, matiza a investigadora. “Este estudo reforza a necesidade de intervencións de saúde pública encamiñadas a diminuír a exposición ao fume de tabaco entre os nenos, tanto durante o embarazo como despois do nacemento”, conclúe.

O traballo foi dirixido pola profesora Mónica Pérez Ríos da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e coordinadora do grupo de Tabaco da Sociedade Española de Epidemioloxía, e polo profesor Joseph M. Braun do departamento de Epidemioloxía da Universidade de Brown. O traballo enmárcase na liña de traballo da profesora Pérez Ríos sobre os efectos do tabaco na saúde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Máis inflamación e bacterias: un estudo da USC revela que o cigarro electrónico deixa sinais na saúde oral

A análise da mucosa da boca revelou diferenzas xenéticas e cambios nos tecidos da poboación vapeadora respecto da non exposta