Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

O proxecto BRILLIANT – Observatorio Sarcopenia, desenvolvido pola Plataforma de IA do IIS Galicia Sur, remata as súas actividades tras avanzar no desenvolvemento de novas ferramentas para a integración e análise de datos de saúde mediante intelixencia artificial, con especial atención á detección, caracterización e monitorización da sarcopenia. Trátase dunha enfermidade caracterizada pola perda de masa e forza muscular asociada ao envellecemento ou o sedentarismo, aínda que pode darse tamén en persoas mozas. Os síntomas son debilidade, fatiga, falta de enerxía, dificultade para camiñar ou terse en pé, entre outros.

O proxecto BRILLIANT foi liderado por César Veiga, responsable da Plataforma de IA do IIS Galicia Sur e investigador senior do grupo Investigación Cardiovascular, contando coa colaboración esencial de profesionais da Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria coordinados pola doutora Mercedes Arias, xefa de servizo da Unidade de Diagnóstico por Imaxe de Galaria.

Publicidade

Así mesmo, contou coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), creándose un conxunto de ferramentas de manexo de datos e intelixencia artificial que, co emprego dunha base de datos composta por probas radiolóxicas e estudios de resonancia lumbares —realizadas a pacientes por patoloxías relacionadas co fígado, as vértebras ou outras relativas aos músculos lumbares—, serviran para adestrar á intelixencia artificial á detección de casos de sarcopenia ou, tamén, de cancro de fígado.

Ensinar á IA

O proxecto traballou con información de imaxe médica e datos clínicos, desenvolvendo metodoloxías para extraer biomarcadores cuantitativos e estruturar información útil para a investigación e o apoio á práctica clínica. Así, a reutilización de estudos de resonancia magnética lumbar convértese nun dos elementos máis relevantes de BRILLIANT, obtidos orixinalmente para outros fins diagnósticos. As ferramentas de IA permitieron extraer nova información sobre composición, calidade e infiltración de graxa na musculatura. Este enfoque demostra o potencial de reutilizar datos clínicos existentes para xerar novos biomarcadores e coñecementossen necesidade de realizar novas exploracións específicas.

Publicidade

Ao longo do desenvolvemento desta investigación, o proxecto BRILLIANT foi seleccionado para participar no EuroCC Hackaton, unha iniciativa europea que fornece o uso da Computación de Altas Prestacións (HPC, segundo as súas siglas en inglés) en proxectos científicos de vangarda, permitíndolle o acceso a infraestruturas de supercomputación de última xeración, incluíndo potentes sistemas para adestramento avanzado de modelos de deep learning.

Espazo de datos

Outro dos principais resultados de BRILLIANT foi o desenvolvemento de COHENTIS, unha plataforma tecnolóxica destinada a facilitar a integración, interoperabilidade e explotación dos datos de saúde baixo o paradigma dos espazos. COHENTIS foi deseñado para permitir que diferentes fontes de información estean conectadas e usadas de forma segura e estandarizada, favorecendo o seu re-emprego para investigación, innovación e desenvolvemento de novas solucións baseadas en IA.  

O proxecto, cunha duración de dous anos, contou cun financiamento de 626.108 euros procedentes do Programa de Espazos Sectoriais da UE, a través do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública. BRILLIANT, que rematou en xullo de 2026, marca así a fin dunha primeira fase de desenvolvemento, pero tamén o punto de partida para novas iniciativas de maior alcance en saúde dixital, intelixencia artificial e envellecemento saudable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro