Xoves 5 Decembro 2024

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade

Coa chegada do inverno e do frío é normal que os virus proliferen máis rápido do habitual. Nesta tempada conviven moitas enfermidades respiratorias entre as que destacan a gripe e a xa asentada covid-19. África González, catedrática de Inmunoloxía na Universidade de Vigo (UVigo), explica que as similitudes son moitas, polo que resulta difícil detectar de cal estamos contaxiados. Con todo, matiza algunhas diferenzas que se poden atopar, por exemplo, nos síntomas ou no tempo de incubación.

Similitudes

Ambas son enfermidades respiratorias que se transmiten polo aire, por pingas que expulsamos as persoas, e tamén a través de aerosois. Outra forma de contaxiarse é a través das mans, no caso de que estean contaminadas e as levemos á boca ou ao nariz. “É fácil que as dúas enfermidades se transmitan entre unhas persoas e outras“, explica González. Ademais, os síntomas son moi similares e “é moi difícil identificar as diferenzas”, explica. No caso da covid, foron mudando dende as primeiras variantes pero os máis habituais, tamén propios da gripe, son febre, tos, conxestión nasal, dor de gorxa, dor de cabeza, etc. Nos nenos é incluso habitual ter diarreas e vómitos.

Publicidade

A mellor forma de detectar as enfermidades sería facendo unha proba. “Hoxe existen test mixtos de autodiagnóstico que nos permiten detectar se temos gripe A, gripe B ou covid-19 facendo unha única proba”, aínda que neses casos temos que ter coidado cos falsos negativos, explica a inmunóloga. A maior diferenza nos síntomas podería estar, entón, na perda de olfacto e de gusto que causa covid.

A forma de transmisión é idéntica en ambas enfermidades, a través dos aerosois ou por achegar á boca ou o nariz as nosas mans que están contaminadas. Polo tanto, “é moi importante unha boa hixiene de mans, non esbirrar directamente nelas e, sobre todo, se estamos contaxiados ou temos síntomas non saír de casa” para non contaxiar a outras persoas. No inverno, ademais, adoitamos pasar máis tempo en espazos cerrados e sen ventilación, polo que sempre “é moi recomendable o uso de máscara protectora“, aconsella González.

Publicidade

Enfermidades estacionais

A gripe, a diferenza da covid, é unha enfermidade estacional. No inverno é cando máis fácil é de transmitir. A falta de ventilación permítelle acceder con máis facilidade a través da mucosa que está máis danada sobre todo polo frío. O caso da SARS-CoV-2 é distinto porque se teñen dado casos de aumento de contaxios mesmo en verán ou Semana Santa. Neste caso o pico de contaxios dáse polas épocas nas que hai maior movemento de persoas. “Ben é certo que en inverno prodúcese un aumento de casos porque, de novo, estamos en sitios pechados e tamén coas festas hai maior contacto entre persoas, máis viaxes, etc. o que favorece a aparición de novas variantes”, explica González.

As variantes na covid-19 e as cepas na gripe

A gripe sofre variacións moi drásticas polo que as diferenzas entre unhas e outras son coñecidas como cepas. No caso da covid, as diferenzas son menores polo que nos atopamos ante variacións. Por exemplo “a última variante —coñecida como Pirola— ten máis de 30 mutacións con respecto á anterior, pero segue sendo a variante ómicron“, apunta a inmunóloga.

O tempo de incubación

África González tamén explica que o tempo de incubación é moito máis rápido no caso da gripe. “Se estás cunha persoa contaxiada de gripe hai un período de un a catro días nos que un mesmo desenvolve a enfermidade no propio organismo”, apunta. O tempo de incubación da covid é moito maior e pode durar ata dúas semanas. Ademais, a covid é máis contaxiosa que a gripe.

Prevención e tratamento

“A mellor forma de previr ambas enfermidades é a vacinación“, afirma González. A gripe ten unha vacina que protexe contra catro cepas e para a covid hai unha actualizada que é un pouco diferente á primeira que se administrou; trátase dun híbrido XBD que responde ás variantes actuais en circulación. Ademais existen vacinas para nenos, embarazadas e, sobre todo, para persoas maiores.

Tamén hai antivirais que se poden administrar a persoas cun cadro clínico grave e que están hospitalizadas, é dicir, non é un tratamento que as persoas poidan tomar na casa. “No caso da gripe estase experimentando con diferentes antivirais pero aínda non hai un específico para o virus da gripe”, explica a inmunóloga. Polo tanto, é fundamental que a persoa enferma estea ben hidratada e evitar a febre. Ademais, un dos maiores problemas da gripe é que en determinados casos as persoas maiores tamén se infectan de bacterias que poden derivar nunha pneumonía. “Por iso tamén é moi importante a vacina”, afirma.

Con todo, podemos mitigar os síntomas leves que xorden con algún antipirético como o parecetamol para baixar a febre, algun mucolítico ou se se trata dunha tos seca e persistente podemos tomar algún xarope.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un ensaio probará a vacina antigripal de alta carga en galegos de 65 a 79 anos

A segunda fase do estudo clínico GalFlu está dirixido a 70.000 persoas e nel participan a Consellería de Sanidade e o IDIS

Achégase a tempada dos virus respiratorios: volverán as máscaras?

Poñerse máscara é só unha das medidas para facer fronte á epidemia estacional e protexer así tanto a nosa saúde como a do resto da cidadanía

Tes covid, alerxia ou catarro? Estas son as diferenzas

A inmunóloga e catedrática da UVigo África González sinala as diferenzas e similitudes dos síntomas que provocan as tres enfermidades

Últimas noticias sobre a busca científica da eterna xuventude

Existe un enorme interese na ciencia por entender o proceso de envellecemento co fin de retardalo ou, mesmo, evitalo