Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

O lume é unha perturbación natural dos ecosistemas que actúa como modelador da paisaxe. O réxime de incendios actual —é dicir, a súa frecuencia, extensión ou tipoloxía, entre outros aspectos— estase a ver alterado pola mudanza climática. Agora, unha investigación da Universidade de Santiago (USC) pon o foco en como os réximes naturais alterados “poden provocar cambios drásticos nestes ecosistemas”.  Así o afirma Sheila F. Riveiro na súa tese de doutoramento titulada Bases ecolóxicas para o control de especies exóticas invasoras en relación co lume. Tal e como apunta a autora, un dos efectos potenciais desas mudanzas consiste en facilitar a entrada de especies exóticas invasoras nos ecosistemas. O estudo de Sheila F. Riveiro afonda na relación destas dúas perturbacións no caso dos montes da Galicia e Portugal.

Grazas a estudos de xerminación diferencial en función de diversos factores relacionados cos incendios, tanto para especies invasoras como nativas, identificáronse os factores chave que axudan ao asentamento de invasoras logo do lume, así como os compostos aleloquímicos que poderían condicionar a competencia e desprazamento que estas exóticas provocan sobre as nativas. “A orixe das especies, sexa nativa ou invasora, condiciona a súa resposta ao lume”, explica Riveiro nas súas conclusións.

Publicidade

Unha vez descrito no laboratorio o comportamento invasor destas especies e achado o método polo cal adquiren unha vantaxe competitiva sobre as nativas, a investigadora pertencente ao grupo de referencia competitiva Biodiversidade e Botánica Aplicada (BIOAPLIC), propón a través dun estudo de campo métodos de control para as principais invasoras de Galicia e Portugal, como as acacias, o eucalipto ou a albicia. Os métodos avaliados adáptanse ao contexto de lumes de Galicia e ás características das especies estudadas, salientando a necesidade de métodos de control a longo prazo que teñan como fin último a eliminación do banco de sementes das especies co fin de evitar a súa rexeneración.

A tese, dirixida pola profesora da Facultade de Bioloxía Otilia Reyes, contou co financiamento do Programa de axudas á etapa predoutotal e encadrouse nos proxectos FIRESEVES e Fogo e Invasoras. O tribunal estivo composto por Luz Valbuena da Universidade de León, Jonatan Rodríguez-Parra da USC e Aline Oliveira, do Instituto Politécnico de Coimbra. O traballo recibiu a cualificación de sobresaínte cum laude.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos