Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Reis

A fin de semana estará marcada por unha intensa sensación de frío e con acumulacións de neve de máis de 10 centímetros nas montañas de Lugo e Ourense

Co comezo do ano e o Nadal a piques de comezar, todos os ollos se centran na última celebración destas datas: a noite e o día de Reis. Todos os servizos meteorolóxicos prognostican para este xoves a chegada dunha masa de aire frío que traerá inestabilidade e unha forte baixada térmica de cara aos vindeiros días. O venres, toda Galicia ten unha alta probabilidade de precipitacións e as temperaturas non superarán os 13 graos en ningún punto do territorio. A xornada estará marcada pola intensa sensación de frío e, de feito, agárdanse chuvascos acompañados de sarabia e acumulacións de neve de máis de 10 centímetros nas montañas de Lugo e de Ourense. O día de Reis será máis estable. Segundo Meteogalicia, recuperarase a influencia anticiclónica en case todo o territorio e o día estará marcado polo aire frío, que continurá chegando a Galicia.

As precipitacións impactarán con máis intensidade no territorio galego durante a xornada deste xoves, cando se lle dá a benvida a unha fronte fría acompañada de aire marítimo polar, segundo anuncian dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Isto provocará un descenso da cota de neve, que se situará a partir da noite deste xoves nos 800 metros nas montañas de Lugo e Ourense. De feito, agárdase que acumulen ata 10 centímetros durante a fin de semana, dado que o descenso de temperaturas será máis “acusado e xeneralizado” durante o día 5, provocando unha maior extensión das xeadas nocturnas.

Publicidade

O venres tamén será unha xornada marcada pola inestabilidade que trae consigo o aire frío. De feito, agárdanse precipitacións en todo o territorio que, nalgúns puntos, poden vir acompañadas de sarabia. Durante a tarde o escenario será moi semellante e espérase que durante a celebración das cabalgatas dos Reis Magos, que se celebrarán durante a segunda metade do venres, se rexistren precipitacións en calquera punto de Galicia e haxa unha acusada sensación de frío. Pola noite, os termómetros desplomaranse e rexistraranse mínimas de 4 graos en Lugo e Santiago e de 8 graos, a máxima de todas elas, na Coruña. O resto das cidades galegas terán valores comprendidos entre ambas temperaturas.

Finalmente, o día de Reis recuperarase a estabilidade porque Galicia volverá estar baixo a influencia anticiclónica. De feito, só se agardan chuvascos illados na metade norte. Con todo, a sensación de friaxe seguirá a ser moi intensa, dado que continuará chegando aire frío a Galicia. As temperaturas mínimas continuarán diminuíndo, chegando a 1 grao en Lugo e 3 graos en Pontevedra e Santiago. Iso si, a cota de neve ascenderá ata os 1.000 co avance da mañá. Co domingo agárdase que o panorama continúe mellorando e tanto a neve como as chuvias remitan por completo.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual