Cada día acoden máis pacientes ás consultas dos profesionais con molestias oculares tras intensas xornadas de traballo no ordenador. Os síntomas máis habituais son a irritación ocular, o proído de ollos e as sensacións de secura e de ter area na superficie do ollo.
Así se manifesta a enfermidade de ollo seco, que afecta a entre o 5% e o 50% da poboación mundial. A orixe do trastorno pode deberse a múltiples causas, pero o estilo de vida ten un papel importante. E entre os principais factores de risco atopamos o uso —e abuso— das pantallas.
O tempo que pasamos diante de ordenadores, teléfonos móbiles ou tabletas reduce o número de pestanexos e aumenta a cantidade de pestanexos incompletos, o que impide unha repartición adecuada da bágoa pola superficie do ollo. Ademais, as pantallas son unha fonte de luz proxectada que eleva a temperatura da superficie ocular e incrementa a evaporación da bágoa.
Por exemplo, na Universidade de Santiago de Compostela levamos a cabo un estudo con estudantes universitarios que se viron obrigados a recibir docencia mixta durante a pandemia de covid: o 50% das clases eran presenciais e o 50%, telemáticas. Segundo os datos que solicitamos, o aumento do tempo fronte ás pantallas estaba relacionado con síntomas de secura máis severos. Os usuarios que empregaban pantallas para outras actividades ademais de para as clases ou sexa, —máis de 8 horas— mostraron valores de sintomatoloxía máis altos.
Aínda que en certos traballos é imposible reducir as horas que pasamos pegados a estes dispositivos, é posible diminuír as molestias seguindo certas recomendacións. Pero antes hai que ter claros uns conceptos básicos.
De bágoas e pestanexos
A superficie ocular está formada polas pálpebras, a bágoa, a córnea e a conxuntiva, tecidos cuxa saúde está ligada ao seu bo funcionamento. Se algún se ve alterado, pode desencadearse unha serie de anomalías que provocarán as molestias oculares.
A bágoa que cobre a superficie do ollo está composta por dúas capas, unha formada por auga e proteínas e outra por graxa. A primeira é a responsable de hidratar o ollo, mentres que a segunda evita que a bágoa se evapore rapidamente. Unha alteración en calquera das dúas desaxustará as propiedades da bágoa, o cal impedirá que se distribúa ben na superficie ocular e comecen as molestias.
Por último, as pálpebras son as encargadas de distribuír a bágoa pola superficie ocular, ademais de protexela de axentes externos. Pestanexar pouco, como cando utilizamos o ordenador contribúe a que a bágoa non se reparta adecuadamente sobre o ollo.
Padezo ollo seco?
Ante todo non hai que alarmarse: manifestar síntomas de secura ocular non quere dicir que esteamos a sufrir esta doenza. A guía elaborada pola Tear Film & Ocular Surface Society deixa claro que, ademais de manifestar síntomas, os pacientes deben presentar signos de dano na superficie ocular. É o profesional da visión quen debe determinar se existe ese dano e que medidas teñen que tomarse.
Hai unha serie de sinais que deben alertarnos. Entre estes síntomas atópanse a sensación de secura, proído, queimura, irritación ocular e ollos chorosos. Aínda que os investigadores identificaron que tras o uso de pantallas o síntoma máis habitual é o de irritación.
Que podo facer para diminuír estas molestias?
Se seguimos unha serie de precaucións, a nosa relación coas pantallas pode ser máis amigable.
- Disposición e altura da pantalla. É recomendable que se atope sempre por debaixo da posición primaria de mirada. Isto axuda a que a apertura das pálpebras sexa menor e, por tanto, o ollo estea menos exposto.
- Posición da pantalla respecto á iluminación. Debemos evitar que haxa lámpadas sobre a pantalla ou xanelas detrás do usuario. Tamén se pode solucionar poñendo filtros antireflexos, xa que estes obrígannos a concentrarnos máis, e por conseguinte, reducen a nosa taxa de parpadeo.
- Descansos. Van ser os nosos grandes aliados. Unha norma que se recomenda habitualmente é a regra 20-20-20. É dicir, que por cada 20 minutos de traballo miremos obxectos afastados a máis de seis metros durante 20 segundos. Aplicar esta técnica vai reducir notablemente os síntomas de de secura. Deixar de mirar a pantalla durante ese tempo restablecerá o noso pestanexo normal.
- Condicións ambientais pouco propicias. A humidade baixa, as altas temperaturas, as correntes de aire —xa proveñan de xanelas abertas ou aires acondicionados—, o fume do tabaco e o exceso de ambientadores prexudican á saúde ocular.
- Hidratación de ollos. Pode ser a mellor opción en días de intenso traballo. Hai que evitar os soros salinos, xa que a súa composición non é igual á da bágoa. Ao carecer de graxa e proteínas, poden desestabilizar a película lacrimal. A mellor opción son as bágoas artificiais en versión monodose, que carecen de conservantes e non danan os tecidos oculares.
En definitiva, presentar síntomas de secura ocular é habitual nos tempos que vivimos. Se lles facemos fronte coas estratexias adecuadas, repercutirá positivamente na nosa calidade de vida.
*Jacobo García Queiruga: é profesor interino na área de Optometría (OD, Msc, PhD) na Universidade de Santiago de Compostela. Belen Sabucedo Villamarín é investigadora predoutoral en Medicina Molecular do GI-2092 en Optometría, na Universidade de Santiago de Compostela
Cláusula de Divulgación: as persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado anteriormente.