A guía definitiva do Entroido ourensán: estas son as seis figuras imprescindibles

Un percorrido polas máscaras tradicionais que manteñen viva a celebración máis ancestral da provincia, das pantallas de Xinzo aos boteiros de Viana

Estamos a poucas horas do comezo da fin de semana máis caótica do ano en Galicia: o Entroido. Unha celebración especialmente arraigada na provincia de Ourense, onde esta festa é moito máis ca unha tradición: é patrimonio cultural. A relevancia é tal que ata once entroidos galegos están recoñecidos oficialmente como Festa de Interese Turístico.

Dende as pantallas ata os boteiros, Galicia conta cun amplo e singular glosario para nomear as distintas máscaras e personaxes que protagonizan cada celebración. A continuación, presentamos unha listaxe de seis deles, todos procedentes da provincia ourensá.

Publicidade

As pantallas (Xinzo de Limia)

Camisa e calzóns brancos, capa vermella ou negra, polainas e faixa da que penduran os cinzarros. Así é a vestimenta das pantallas, unha das figuras máis emblemáticas do Entroido, localizadas en Xinzo de Limia, declarada Festa de Interese Turístico. O seu elemento máis característico é a máscara, tamén chamada pantalla, que representa a cara dun demo con cornos e está decorada con motivos ancestrais. Segundo o investigador independente Julio I. González Montañés, a súa orixe non está totalmente clara, aínda que existen testemuñas da sua presenza dende mediados da década de 1920.

Cal é a súa misión? Perseguir e asustar a quen non vaia disfrazado, facendo soar as dúas vexigas de vaca que levan nas mans. A tradición marca que, se unha pantalla atopa unha muller sen disfrace, debe bailar arredor dela; se é un home ten que collelo en brazos e levado ata o bar máis próximo, onde deberá convidar a unha rolda de viño.

Publicidade

As pantallas no Entroido de Xinzo de Limia. Foto: Turismo de Galicia
As pantallas no Entroido de Xinzo de Limia. Foto: Turismo de Galicia

Os cigarróns (Verín)

Outro dos grandes protagonistas son os cigarróns, figura central do Entroido de Verín, tamén declarada Festa de Interese Cultural. A súa imaxe é inconfundible: levan caretas de madeira, de xesto riseiro, coroadas por altas mitras decoradas con animais na parte frontal e recubertas de pel pola parte posterior. Na máscara destacan as cellas marcadas, as meixelas coloreadas, o bigote e un amplo sorriso.

Completan a indumentaria cunha camisa branca, gravata e chaqueta, ademais de calzóns curtos adornados con folecos. Como noutras figuras do Entroido, a súa orixe non está completamente clara, aínda que podería remontarse ao século XVI. En 1921, o xornalista Máximo Gun escribía sobre esta festa e apuntaba a unha posible vinculación coa contorna do Castelo de Monterrei. Na súa reportaxe recollía tamén a tradición segundo a cal os cigarróns vestían medias que a súa moza luciría no altar o día da voda, mentres que eles levarían o pano nupcial no casamento.

Os cigarróns no Entroido de Verín. Foto: Turismo de Galicia
Os cigarróns no Entroido de Verín. Foto: Turismo de Galicia

Os peliqueiros (Laza)

Na comarca de Verín atópase Laza, onde reinan os peliqueiros. A súa vestimenta pode chegar a pesar ata 25 quilos e destaca pola vistosa mitra que levan sobre a cabeza, semellante á dos cigarróns e tamén decorada cun animal na parte frontal. Completan o traxe as chocas na cintura e un conxunto formado por chaqueta, pantalón e zamarra.

O nome de peliqueiro procede da pelica, a pel de animal que colga da parte traseira da máscara. A investigadora Nieves Amado Rolán catalogou centos de caretas e indumentarias con cronoloxías que se remontan ás primeiras décadas do século XX. As persoas máis coñecedoras da tradición do Entroido son quen de distinguir con claridade os cigarróns de Verín dos peliqueiros de Laza, malia as súas semellanzas.

Cal é a súa misión? Percorrer as rúas facendo soar as chocas e azoutando coa zamarra a quen se atreva a saír sen disfrazace.

Os peliqueiros no Entroido de Laza. Foto: Turismo de Galicia
Os peliqueiros no Entroido de Laza. Foto: Turismo de Galicia

Os boteiros (Viana do Bolo)

No concello ourensán de Viana do Bolo, a figura dos boteiros está documentada dende a recuperación do Entroido nos anos 80, aínda que nas parroquias existen referencias anteriores. O seu traxe caracterízase por máscaras de madeira de bidueiro, de estética grotesco-diabólica e con gran variedade de formas: adoitan ser negras, con enormes bocas e grandes dentes, e inclúen chamativos tocados. Resultan tamén inconfundibles polos seus vistosos traxes confeccionados con cintas de seda de cores. Como complemento, levan as moncas, uns bastóns que lles permiten realizar espectaculares piruetas empregándoos como pértegas. De feito, esta podería ser unha das orixes do termo boteiro, pola cantidade de botes que executan.

Cal é a súa misión? Abrir paso ao folión —comparsas de 30 ou 40 persoas— avanzando entre a xente mentres dan saltos apoiados nas súas moncas.

Os boteiros no Entroido de Viana do Bolo. Foto: Turismo de Galicia
Os boteiros no Entroido de Viana do Bolo. Foto: Turismo de Galicia

As mázcaras (Manzaneda)

En Manzaneda atopamos as mázcaras, unha figura singular que, malia o que poida suxerir o seu nome, adoitan levar o rostro descuberto. Nos últimos anos incorporáronse algúns cambios estéticos, como caretas estilo veneciano e adornos de Nadal nos tocados, mais a esencia da tradición mantense viva. A súa indumentaria está composta por traxe, camisa e polainas brancas con puntillas, mantilla floreada, botas altas e bastón. Levan tamén cintas de cores que cada ano colocan e retiran unha a unha. Os cinzarros atados á cintura marcan o ritmo do desfile. O que non mudou co paso do tempo son as danzas que interpretan.

Cal é a súa misión? Desfilar en comparsa polas rúas, mentres outros integrantes acompañan coa música de tambores e mesmo aparellos de labranza convertidos en instrumentos.

As mázcaras no folión tradicional do Entroido de Manzaneda. Foto: Turismo de Galicia
As mázcaras no folión tradicional do Entroido de Manzaneda. Foto: Turismo de Galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O TSXG denega á Xunta as batidas de control do lobo por falta de probas técnicas

A resolución consideran insuficientes os datos achegados e conclúe que non se acreditou un aumento de ataques

Un herbario do século XIX conserva a orixe da primeira flora sistemática de Galicia

Investigadores da Universidade de Barcelona analizan documentos de José Planellas que serviron para clasificar as plantas por familias, xéneros e especies

Sete meses tras os incendios de agosto: “A sucesión de borrascas era o peor escenario posible para o solo”

As precipitacións intensas e as conseguintes escorreduras complican a rexeneración dos montes queimados e alongan durante décadas o proceso

De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra