Entroido, antroido ou entruido: as formas de falar en galego da gran festa das máscaras

A RAG recolle o termo 'carnaval' para referirse aos festexos que empreguen carrozas, antefaces ou música como a samba

Entroido, antroido ou entruido. A lingua galega contempla numerosas opcións para nomear a gran festa das máscaras e dos disfraces. Esta fin de semana terán lugar algunhas das actividades máis esperadas polos apaixonados desta época do ano nos concellos con máis tradición como Verín, Maceda, Viana do Bolo ou Foz, entre outros moitos. Para que poidas referirte a este festexo de diferentes xeitos e coñezas a súa procedencia, a Real Academia Galega (RAG) explica nun vídeo todos os termos aceptados.

Segundo explica o académico Antón Santamarina no galego existen cinco palabras distintas para referirse a esta festa tradicional: entroido, antroido, entroiro, entruido e entrudio. Ademais, literariamente, tamén se emprega a palabra portuguesa “entrudo”. Todas teñen un étimo común: “Unha orixe medieval que é o termo entroido que aparece documentada desde 1251“, explica o experto na peza audiovisual. Pero cal é a máis recomendada?

Publicidade

Entroido ou carnaval?

“Os principios dun dicionario á hora de aconsellar un termo ou outro son: débese dar preferencia á forma maioritaria e aquela que sexa máis próxima etimoloxicamente“, detalla Santamarina. Como estes non se contradín entre si, o que recomenda a RAG é o vocábulo entroido, que coincide coa referencia medieval e a orixe latina, que é ‘introito’.

Unha vez coñecida a forma máis recomendada, o académico resalta a competencia directa deste termo en galego: a palabra de orixe italiano ‘carnaval’. “Practicamente son sinónimas, pero existe algún pequeno matiz de rexistro que aconsella manter no dicionario a palabra carnaval”, advirte o académico. Así, cando se refire aos entroidos onde se empregan carrozas, antefaces —como en Venecia— ou músicas como a samba, recoméndase empregar o termo carnaval.

Publicidade

De todos os xeitos, “na maior parte dos casos, a nosa palabra entroido cubre todos os matices que poida ter a palabra carnaval, e debemos dar preferencia a este vocábulo noso”, conclúe Santamarina

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona