Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) desenvolve unha nova ferramenta terapéutica para o ictus isquémico, a primeira causa de morbimortalidade na nosa contorna e cuxas opcións terapéuticas actuais seguen sendo limitadas. A investigación está liderada por Alberto Ouro, do Grupo de Neuroenvellecemento coordinado por Tomás Sobrino. Tamén participou o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) a través do grupo NeurObesity que dirixe Miguel López.
A revista Metabolism publicou o estudo desta nova estratexia terapéutica baseada na inhibición selectiva da proteína AMPK cerebral mediante pequenas vesículas extracelulares, unha tecnoloxía que foi protexida por patente, co obxectivo de impulsar o seu desenvolvemento terapéutico e posterior aplicación clínica.
Relación co tabaco
O ictus isquémico é unha das principais causas de discapacidade e mortalidade no mundo. Aínda que se sabe que fumar aumenta o risco de sufrir un ictus, e debe evitarse, investigacións recentes dos grupos composteláns observaron que os pacientes fumadores poden presentar unha mellor recuperación funcional tras sufrir un infarto cerebral, un fenómeno coñecido como o “paradoxo do fumador no ictus”.
O presente estudo demostra que a nicotina ten un efecto neuroprotector ao inhibir a proteína AMPK no cerebro, reducindo o dano isquémico e mellorando a recuperación neurolóxica e funcional en modelos animais de isquemia cerebral.
Con todo, dado que a administración de nicotina ten importantes riscos para a saúde, os investigadores desenvolveron unha alternativa terapéutica baseada na administración de vesículas extracelulares deseñadas para inhibir de maneira específica a isoforma AMPKα2 no cerebro. Os resultados mostran que este enfoque reduce significativamente a lesión cerebral e mellora as funcións motoras e cognitivas en modelos experimentais de ictus.
Futuras terapias máis seguras e dirixidas
“O noso estudo suxire que a inhibición de AMPK no cerebro pode ser unha estratexia terapéutica efectiva para o ictus isquémico. As vesículas extracelulares representan unha ferramenta prometedora para desenvolver terapias máis seguras e dirixidas”, destaca Ouro, autor principal do estudo.
Para trasladar estes achados ao ámbito clínico, os investigadores rexistraron a patente EP24382172.5, que protexe o uso de vesículas extracelulares no tratamento do ictus. “O obxectivo é avanzar no desenvolvemento desta terapia e facilitar a súa chegada aos pacientes, superando os retos de toxicidade, escalabilidade e produción a nivel clínico”, explica.
Os investigadores destacan a necesidade de realizar máis estudos para avaliar a seguridade e eficacia desta estratexia en humanos, co obxectivo de desenvolver novas terapias para os pacientes con ictus.














