Unha masa de aire polar marítima ameaza o Entroido: da tregua do sábado á volta das chuvias o domingo

A vindeira semana estará marcada por un ambiente moi húmido e por probabilidades de precipitación que acadarán o 90%

O tren de borrascas que marcou o tempo en Galicia dende que arrincou o ano ten un novo vagón: Oriana. O sistema de baixas presións complicará a situación no mar durante a fin de semana e a AEMET prevé refachos “moi fortes” de vento, chuvias abundantes e nevaradas en cotas baixas entre o venres e o sábado. De feito, o brusco descenso das temperaturas estará propiciado pola entrada dunha masa de aire polar marítima, con cotas de neve que descenderán ata os 800 metros. Aínda que todo apunta a que as borrascas irán perdendo forza, o Entroido galego, que se celebra esta fin de semana e nos comezos da que vén, estará marcado por unha profunda inestabilidade.

O día máis complicado será o venres, con plena influencia de Oriana e a entrada ao aire polar. Ademais da baixada dos termómetros, Meteogalicia xa activou varias alertas. Toda a costa estará en aviso laranxa por ondas de ata oito metros e ventos de forza 8. Están en amarelo por chuvia a Costa da Morte, o suroeste da Coruña, e o interior e sur de Pontevedra. A alerta por neve estará activada nas montañas de Lugo e Ourense e, por vento, en toda a costa —agás na Mariña—, no interior de Pontevedra e na montaña e sur de Ourense. Nestas zonas poderanse acadar refachos de ata 80 km/h.

Publicidade

24 horas de tempo seco

O sábado será un día de tregua porque Galicia estará situada nunha zona intermedia entre as altas e as baixas presións. De feito, xa non haberá alerta por chuvias, malia que permanecerá acendido o aviso laranxa no mar, por vento no sur de Ourense, e por neve nas montañas de Lugo e Ourense. Xa pola tarde o tempo será máis seco e estable, coa apertura de claros. As temperaturas continuarán en descenso, sobre todo as mínimas. Pero, en xeral, será un día marcado pola ausencia de chuvia.

Non obstante, a estabilidade ten o tempo contado. O domingo volverán as precipitacións e o ambiente será moi húmido, marcado tamén pola circulación do suroeste. As chuvias serán máis probables na fachada atlántica, pero estenderanse por todo o territorio durante a noite. De cara ao martes de Entroido, festivo en moitos municipios, o prognóstico apunta unha xornada con probabilidades de chuvia de ata o 90%. Con todo, as precipitacións serán máis probables no oeste e menos probables nas provincias de Lugo e Ourense.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona