Galicia rexistrou máis chuvia no xaneiro de 2025 que no de 2026: por que se pensa o contrario?

A sucesión continua de borrascas e a baixada térmica de dous graos alimentan unha percepción social que non coincide cos datos oficiais

O 5 de febreiro nomeouse a décimo terceira borrasca de 2026, Marta. E é que dende comezos de ano, a posición do anticiclón das Azores cara ao sur e as correntes en chorro están a xerar un corredor a través do que pasan todas as zonas de baixas presións con destino Galicia. En consecuencia, hai moitos días consecutivos de chuvias, máis ou menos intensas. Pero aínda que todo o mundo pense que se trata dun xaneiro anómalo en canto a precipitacións, rexistrou menos chuvia que en 2025: este ano produciuse unha acumulación de 310 l/m2, mentres que o ano pasado foi de 345 l/m2.

Os prognósticos apuntan a un maior descanso entre borrascas, aínda que non deixará de chover. Segundo os modelos, este sábado podería dar unha tregua, pero sería a finais da semana que vén cando as chuvias poderían cesar durante tres ou catro días. O anticiclón podería subir cara ao norte, momento onde actuaría como bloqueo das borrascas e diminuirían as precipitacións. “Xa non vai chover todos os días, como agora, pero non vai parar definitivamente”, sinala Gonzalo Míguez Macho, investigador en Física atmosférica da USC. Non temos data para a fin destes temporais, pero tal vez poidamos comezar a ver algo de luz. “Este tempo non é algo insólito que nunca se vise”, engade.

Publicidade

Segundo o investigador, estamos ante un inverno chuvioso pero non extraordinario en Galicia. É o contrario do que ocorre en Grazalema (Cádiz), onde caeron 453 litros por metro cadrado en 18 horas, superando o récord de 348,9 l/m2 en 1948. “Estamos ante unha precipitación maior á media, pero non é algo que se saia do normal”, remarca.

A pregunta é por que non lembramos do tempo de houbo hai un ano. “A memoria climática é moi selectiva”, sinala o investigador. Asegura que cando comenta con alguén que o ano pasado foi máis chuvioso que este, a xente non lle cre. “As persoas intentamos borrar ou esvaer o desagradable; ao mellor co tempo pasa algo así”, comenta.

Publicidade

Superada a media de días de chuvia

MeteoGalicia, nos seus informes mensuais, permite coñecer o número de días de chuvia en cada unha das grandes estacións galegas. A Coruña acadou 26 días de chuvia superiores a 1 milímetro, da que molla —se se ampliara o rango, poderían ser máis días—, cando o habitual son 14. Deste xeito, case se duplican os días de chuvia. No caso de Santiago de Compostela foron 28, case todo o mes, igualando o anterior récord, en xaneiro de 2014.

En Lugo foron 25 días de chuvia sobre unha media de 13. Na estación de Lourizán, en Pontevedra, tamén se superou a media con 24 días de chuvia. Mentres, Ourense foi onde menos choveu, con 18 xornadas con precipitacións, superior á media climatolóxica pero sen acadar o valor máximo de 2014, con 23. Polo tanto, como norma xeral, en Galicia duplicáronse as precipitacións.

Se nos remontamos un ano, o número de días de chuvia diminúe, pero aumenta a precipitación acumulada; polo tanto, chove con máis intensidade. Cando en Santiago se acumularon 387 l/m2, en 2025 foron 514, moi preto do valor máximo acadado en 2001, con 523 l/m2. O mesmo ocorre en Lugo, con 18 días de chuvia que acumularon 220 litros por metro cadrado respecto aos 209 l/m2 de 2026.

A verdadeira anomalía: a temperatura

“A diferenza principal é que vén moito máis frío tras dous invernos cunha temperatura cálida anómala”, sinala o investigador da USC. Roberto Granda, meteorólogo en ElTiempo.es, comparte no seu perfil de X un dato moi interesante: aínda que no conxunto peninsular a temperatura está a acadar valores dentro da media, ou mesmo cálidos nalgunhas zonas, Vigo atópase entre os puntos do mapa onde se reduciu en 0,6ºC a temperatura. Os datos proceden de do período do 1 de decembro ao 28 de xaneiro fronte a 1991-2020.

Explica que o problema é que experimentamos catro invernos cálidos consecutivos, polo que agora parece que vivimos nun período de frío constante, aínda que non o sexa. “Son temperaturas máis preto dos valores normais, pero unha diferenza de dous graos nótase“, explica Gonzalo Míguez. Así, xaneiro do ano pasado contou cunha temperatura máxima de 12ºC e este ano a media descendeu a 9,3ºC. A mínima tamén foi maior en 2025, con 5,2ºC respecto a 3,8ºC.

Mapa de anomalías na temperatura respecto á media do período 1991-2020. Foto: @EnMet3 via X
Mapa de anomalías na temperatura respecto á media do período 1991-2020. Foto: @EnMet3 via X

Unha situación diferente vive Ourense, que experimenta unha anomalía positiva de 0,5ºC por enriba da media de 1991 a 2020, con 8,4ºC, segundo o mapa compartido por Roberto Granda.

Sen motivo aparente

“Existe unha variabilidade natural pero non sabemos se hai algo detrás“, sinala Míguez Macho. Non se coñece con seguridade que factores producen esta consecución de borrascas: podería ser froito do quecemento do Atlántico ou do fenómeno de El Niño, pero o certo é que non existe relación aparente que poda facilitar a predición.

As borrascas nacen polo contraste de temperaturas entre as temperaturas do ecuador, os trópicos e as zonas polares. O anticiclón atópase en latitudes máis ao sur do habitual, polo que o aire chega máis frío e, dende aí, diminúen as temperaturas. “O cambio climático percíbese na temperatura, pero non lle podemos botar toda a culpa”, explica o investigador. Así, o máis importante a longo prazo é estudar as tendencias e, a curto, que chegue unha tregua das chuvias para poder acumular un pouco de vitamina D.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

2 COMENTÁRIOS

  1. Pois neste xornal atopamos noticias deste estilo:
    Xaneiro deixa un 98% máis de chuvia do habitual en Galicia
    Xaneiro deixa un 98% máis de chuvia do habitual en Galicia, etc
    Hai sensacionalismo, alarmismo ou que caramba é?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez