A loita contra o cancro de páncreas: “Un modelo que funciona en animais pode non funcionar en humanos”

Enrique de Madaria, un dos maiores expertos mundiais en pancreatoloxía, asegura que só o 20% dos pacientes se diagnostican en fase temperá

O cancro de páncreas non é un dos tumores máis frecuentes en España, situado no doceavo posto, pero si é o terceiro máis letal pola dificultade de diagnóstico nas etapas iniciais da enfermidade. Enrique de Madaria é un dos maiores expertos mundiais en pancreatoloxía e creou dende a súa Alacante natal unha iniciativa de carreiras para divulgar e recadar fondos para a investigación. En 2025, pasaron por Vilamartín de Valdeorras (Ourense).

Agora, visitará Pontevedra o próximo martes 24 de febreiro durante as xornadas organizadas polo grupo de investigación IDARA do Hospital de Pontevedra. A cita comezará pola mañá cun encontro co doutor e unha clase maxistral sobre a pancreatite aguda e, pola tarde, cun acto na Sede Afundación que xirará entorno ao cancro de páncreas. Con motivo da súa visita a Galicia, falamos co doutor de Madaria sobre as claves do cancro de páncreas e os avances máis prometedores na busca dunha cura, e preguntámoslle polos resultados do experimento en ratos levado a cabo polo equipo de Mariano Barbacid.

Publicidade

—Por que cando o páncreas enferma pode ter consecuencias tan graves como o cancro?

O cancro de páncreas é unha enfermidade cunhas características que o fan moi perigoso para o ser humano. O páncreas está na parte máis recóndita do abdome e non ten moitos nervios dentro da glándula, polo que cando comeza a medras o cancro, o paciente non se dá conta. Ao final, os síntomas poden aparecer por varias posibilidades: unha delas é a obstrución do conduto da bile, que pasa por unha parte do páncreas. Neste momento ponse a pel amarela, os ollos amarelos e aparecen os ouriños escuros. Se vas ao médico e hai sorte, pódese operar, pero moitas veces iso non pasa e segue medrando. Cando afecta ás estruturas do abdome é cando non podes operar, ou cando chega a metástase. O único tratamento potencialmente curativo é a cirurxía.

Publicidade

—Cales son os principais síntomas do cancro de páncreas?

Primeiro aparece a dor, pero se é intensa, o tumor xa está a invadir outros órganos que fan que non sexa operable. O segundo paso é pórse amarelo. O terceiro é a perda de peso, porque o páncreas realiza unha función de dixestión que pode obstruír os seus condutos e facer que non absorbamos ben a comida. Por último, a diabetes, que é común que se desenvolva en pacientes con cancro de páncreas. Estes son os síntomas que deben facer que o paciente consulte ao seu médico de cabeceira.

—Un dos problemas deste cancro é a diagnose tardía…

No inicio do seu desenvolvemento, esta enfermidade dá poucos síntomas, polo que vai medrando. Desgraciadamente, só o 20% dos pacientes de páncreas se diagnostican en fase temperá na que se pode levar a cabo a cirurxía. Por outra banda, tende a diseminarse preto do inicio do seu crecemento, de forma que moita xente que nun inicio ten o cancro soamente dentro do páncreas, pode aparecer nos ganglios linfáticos e noutros órganos. Aínda que se elimine, hai células malignas fóra do páncreas que nalgún momento poden comezar a medrar e facer que a enfermidade volva.

Só o 20% dos pacientes de páncreas se diagnostican en fase temperá

—Ademais, é un dos máis letais para o ser humano, verdade?

Si. A terceira cousa que fai que este cancro sexa moi perigoso é que aínda non hai tratamentos que traten de forma efectiva esas células malignas que quedan no corpo cando quitas a enfermidade ou a metástase. A quimioterapia e a radioterapia teñen unha efectividade relativa e non curativa. Xuntando todo isto, medra silenciosamente, expándese. Iso fai que o cancro de páncreas, a pesar de estar no posto número 12 dos tumores máis frecuentes, é o terceiro que máis mortes produce en España.

—Que cifras hai detrás da supervivencia?

As últimas cifras da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) informan de que a supervivencia a cinco anos en homes é dun 9% e, en mulleres, dun 10%. É dicir, de 100 homes diagnosticados con cancro de páncreas en cinco anos, sobreviven nove e, no caso das mulleres, dez. Comparado con outros tumores é unha supervivencia moi baixa. Ademais, se se seguen os casos durante máis tempo, moitos dos pacientes vivos tamén falecerán pola enfermidade. Ten que haber un esforzo moi grande e novas investigacións que melloren o control da enfermidade diseminada, que fai que o tumor non sexa curable na maior parte dos pacientes.

—Nos últimos anos, que avances destacarías no tratamento do cancro de páncreas?

Na última década melloráronse as quimioterapias dirixidas e, de forma progresiva, fixeron que os pacientes gañen supervivencia. Moitas veces gañaban meses. Hoxe prolóngana máis tempo que antes, pero os tratamentos son bastante tóxicos. Melloráronse as quimioterapias, aínda que non conseguen curar á maior parte dos pacientes.

Por outra banda, hai unha molécula moi importante no cancro de páncreas que se chama KRAS. As mutacións nesta molécula están nunha porcentaxe moi elevada nestes tumores. Ata agora, por motivos técnicos, non se conseguiron medicinas que ataquen especificamente a esta mutación, pero están empezando a aparecer. Estes inhibidores de KRAS son moléculas deseñadas para ir a un dos núcleos centrais do que fai a un cancro de páncreas ser un cancro de páncreas. Os inhibidores de KRAS están empezando a ensaiarse en humanos e temos moitas expectativas postas.

O desenvolvemento de inmunoterapia, células KRAS e as novas técnicas poderían ser unha revolución.

Por último, tamén hai avances en inmunoterapia. Probáronse moitas vacinas personalizadas e hai un estudo moi prometedor en cancro de páncreas, porque fai que exista unha resposta do sistema inmune contra esas proteínas do tumor que damos personalizadas para que as defensas ataquen ás células tumorais. Así, o desenvolvemento de inmunoterapia, células KRAS e as novas técnicas poderían ser unha revolución.

—Falando de ensaios, o equipo de Mariano Barbacid logrou eliminar o cancro de páncreas en ratos mediante unha triple terapia. En que consiste?

Como che contaba, hai uns novos fármacos que atacan a KRAS. O problema é que cando achegas tratamentos contra células cancerosas, como mutan moito e cada unha é diferente, algunhas conseguen escapar e sobrevivir ao tratamento, por moi novidoso que sexa. Con que haxa unhas poucas células capaces de sobrevivir e escapar da toxicidade da medicina, o cancro reprodúcese e non responde. Este é un problema importante e xeral no cancro. O que fixo o traballo de Barbacid en ratos foi comprobar que se atacas a células tumorais de cancro de páncreas dende tres puntos diferentes, estratexias moleculares ou fármacos diferentes, os tumores cúranse en ratos. Isto ten cousas boas: deseñouse unha estratexia efectiva a través dun modelo experimental para eliminar o cancro de forma prolongada.

Tamén hai cousas malas: que un modelo que funciona en animais pode non funcionar en humanos. O cancro en seres humanos é moi diferente, tendo en conta que os ratos de experimentación son iguais, mentres que as persoas teñen, por exemplo, idades e pesos diferentes. Nestes ratos probáronse tres fármacos: dous xa dispoñibles para humanos, pero o terceiro non. Ademais, pénsase que tal e como existe neste momento, podería ser moi tóxico. Hai que desenvolver ese fármaco para administralo en humanos e comprobar se funciona. É un avance moi interesante, pero non estará dispoñible para os pacientes nos próximos anos.

—Como especialista, cal é a túa valoración sobre o risco de xerar expectativas en pacientes antes de facer ensaios en humanos?

É un tema moi delicado. Os investigadores básicos queren pór en valor a súa investigación, e a investigación do equipo de Barbacid é moi importante. Eu, que son médico, pancreatólogo, chamoume a atención que moitos pacientes con cancro de páncreas puxéronse en contacto comigo porque querían coñecer as implicacións que tiña e como podían recibir ese tratamento. Hai que rebaixar as expectativas, porque isto aínda non é aplicable en humanos. Hai que comunicar os achados científicos, pero é difícil de controlar de que maneira chegan aos pacientes desexosos de avances, porque están nunha carreira contra o tempo.

Hai que comunicar os achados científicos, pero é difícil de controlar de que maneira chegan aos pacientes

—Para rematar, se tiveses que lanzar unha mensaxe sobre o futuro do cancro de páncreas, cal sería?

A estratexia será dar fármacos contra ese piar do cancro de páncreas, o KRAS, que se encarga de bloquear as posibilidades do tumor de adaptarse ao tratamento, escapa e volve medrar. A inmunoterapia tamén vai potenciar que o corpo recoñeza esas células tumorais soamente con vacinas, con técnicas de TKAR complexas, pero que fan que deseñes células inflamatorias e dótalas de armas para recoñecer o tumor, e así poder eliminalo. Parece que os inhibidores de cargas e a inmunoterapia é o que está dando máis esperanza no tratamento do cancro de páncreas, e xa están empezando a usarse. O que haberá que ver é que capacidade teñen os novos inhibidores de cargas de escapar da acción do tumor. Todo iso é o futuro a curto, medio e longo prazo.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O equipo de Barbacid elimina por completo o cancro de páncreas en ratos

O grupo do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas evita resistencias en modelos animais cunha tripla terapia combinada

Unha nova vacina con potencial para prolongar a vida en cancro de páncreas e colon

Un ensaio en fase 1 indica que o tratamento experimental de inmunoterapia, administrado tras a terapia estándar, podería retrasar a recaída en pacientes con mutacións no xene KRAS

Unha novidosa estratexia enfronta o cancro de páncreas con radioterapia hipertérmica

O CSIC lidera un proxecto europeo que aborda o tratamento cunha innovadora fórmula de tres eixos: radioterapia, calor localizada e nanopartículas

Resultados negativos para avanzar na ciencia: a valente aposta dunha investigadora galega

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando distintas vías para tratar o cancro de páncreas, un dos máis agresivos