Imaxinas pasar semanas, ou mesmo meses, ingresada nun hospital? Que médicas e enfermeiras pasen a ser a túa familia. Neses momentos, a soidade pesa e parece que non hai ninguén máis, pero tamén xorden vías de escape: o debuxo, o cine ou a escritura como formas de desafogo. Esta é a historia de Monse Fernández Álvarez, unha muller lucense da aldea de Machuc, de 43 anos, que leva anos sometida a longas estancias hospitalarias e que agora agarda un dobre transplante de páncreas e ril.
Monse convive coa diabetes dende os nove anos, aínda que os problemas máis graves comezaron co páncreas. “Non me funciona a ningún nivel, nin endocrino nin exocrino“, explica. O seu primeiro ingreso prolongado produciuse por infeccións urinarias asintomáticas, con febre e acumulacións de pus que acabaron afectando ao ril. Estivo case tres meses hospitalizada. “A partir dese momento empecei a ingresar de maneira habitual”, relata.
A súa vida entre o Hospital Universitario da Coruña e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, non foi sinxela. Foi nese contexto onde apareceron o debuxo e a escritura como refuxio, aínda que todo comezou de maneira casual. Durante aquel primeiro ingreso, mentres agardaba unha alta que non chegaba, viu o programa Gran Hermano e decidiu facrer carteis para a porta con frases como “Monse está nominada”. Esa anécdota acabaría sendo a semente do que hoxe é o seu libro de ilustracións e vivenzas, Haxa salú!, editado pola Fundación Renal Española.
O debuxo como vía de escape
Aqueles primeiros carteis feitos a bolígrafo, cos que anunciaba con humor a súa “expulsión” do hospital, foron evolucionando pouco a pouco. “Non teño nin idea de debuxar, así que facía un monigote con catro paus”, lembra. Todo cambiou cando unha auxiliar —que co tempo se converteu nunha grande amiga— lle regalou unha caixa de pinturas e rotuladores. “Sempre digo que a clave de todo ingreso longo é ter a mente ocupada”, sinala.
A pesar de que toca varios instrumentos, no hospital non podía evadirse desa maneira, polo que o debuxo acabou sendo a súa principal forma de expresión. Deixou as “nominacións” e comezou a plasmar anécdotas do día a día: “Dende a miña relación coa compañeira de habitación ata que me pincharon mal un día”. Os papeis seguían colgados na porta e, cando xa non había espazo, tamén nas paredes.
Un dos períodos máis produtivos chegou durante un ingreso de seis meses tras un transplante de páncreas que non saíu ben. Foi entón cando coñeceu á supervisora da área de Humanización Hospitalaria do HULA, quen lle propuxo recoller todo aquel material nun libro. Así naceu Haxa salú!, unha publicación gratuíta que inicialmente se pensou para acompañar aos pacientes nas mesiñas dos hospitais, aínda que finalmente non chegou a implantarse dese xeito.
De carreiras polo hospital ata cartas con faltas
No libro, Monse recolle numerosas anécdotas cargadas de humor. Unha delas ocorreu no Hospital de Lugo, onde coincidiu cun paciente en cadeira de rodas co que fixo amizade. Ao recibir a alta, decidiron organizar unha carreira: el coa súa cadeira —tiña unha perna amputada— e ela cun andador, tras ter que reaprender a camiñar. “Como gañou el, regaleille un debuxo dos dous na liña de saída”, conta. Iso si, cun erro: confundiu a perna amputada e “quitoulle” a contraria na ilustración.

Outra das lembranzas máis significativas remóntase a un dos seus primeiros ingresos. Soa nunha habitación individual, angustiada polo traballo pendente na casa rural familiar, chamou á súa nai e a unha amiga de Madrid. “A habitación parecía moi fría, como entrar nunha guerra”, recorda. De súpeto, entrou un home cun ramo de rosas amarelas: eran para ela. Na tarxeta, a súa amiga escribira: “Te quiero asta el infinito y más ayá”. Aquel erro ortográfico transformou o pranto nunha gargallada.
A familia dentro do hospital
Procedente dunha familia do sector hostaleiro, acostumada ao traballo constante, Monse atopou durante os ingresos outro tipo de apoio. “As enfermeiras e auxiliares convertéronse na miña familia”, afirma. No HULA, especialmente na planta de Endocrinoloxía, lembra un trato inesquecible. Tamén destaca o vínculo cos demais pacientes, sobre todo no hospital da Coruña. O humor foi clave en todo o proceso. “Sempre me serviu para afrontar calquera problema; é algo innato en min”, asegura. Unha ferramenta que a acompaña tanto nos momentos difíciles como no día a día.
Á espera dun dobre transplante

Dende hai ano e medio, Monse está en diálise e realiza hemodiálise na casa. Aínda que asegura atoparse mellor, recoñece que é unha situación limitante, xa que depende dunha máquina “portable, pero non portátil”, como matiza con retranca. Agora agarda un dobre transplante de páncreas e ril. “Os meus pais e a xente máis próxima esperan esa chamada máis ca min”, di. A súa estratexia é clara: pensar que a operación está lonxe e deixar que chegue cando teña que chegar.
“Gustaríame ter tido un Haxa salú!“
Como autora, Monse ten claro o propósito do seu libro. “Hai moitas anécdotas nas que calquera persoa pode sentirse identificada”, explica. A ela gustaríalle ter tido algo así durante os seus ingresos, para lembrar que non estaba soa. Porque o humor cambia a forma de ver as cousas, pero non é o único: “Cando teño medo, penso nunhas flores amarelas… e pásaseme”, conclúe.















