O Pazo da Torre, situado na parroquia de Vilarpandín e coñecido tamén como a casa do Palacio na vila de Navia de Suarna, constitúe un destacado exemplo do patrimonio civil galego doséculo XVII, concretamente da provincia de Lugo. Forma parte do amplo conxunto de pazos erguidos pola fidalguía dos Ancares baixo o señorío xurisdiccional dos condes de Altamira. Na actualidade, este inmoble atópase nun estado crítico e ameaza con desaparecer. Catalogado pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, foi incluído o 7 de maio na Lista Vermella do Patrimonio da asociación Hispania Nostra debido ao seu avanzado estado de ruína. Esta lista pretende visibilizar bens de gran valor histórico e cultural que sofren un progresivo deterioro por abandono e falta de conservación. Só no último ano, 18 monumentos galegos foron incorporados a este rexistro.
O pazo contaba cunha fortaleza na vila e cunha destacada porta na Proba de Navia. Ademais, a tradición oral da parroquia conserva relatos transmitidos de xeración en xeración: dise que este pazo rivalizaba co veciño palacio de Virigo por posuír a torre de maiores dimensións. O resultado desta competencia simbolizaba de quen dependía a capela de Nosa Señora, situada á mesma distancia de ambos inmobles.
Este ben, pertencente á Idade Moderna, foi no seu día unha construción de planta rectangular, con corpos de distintas alturas articulados arredor dunha pequena torre situada no extremo oeste, sobre o río Corbeira. A torre, levantada con esquisto e rematada con cuberta cadrada, contaba con tres alturas coroadas por un palomar. Na actualidade, o interior atópase completamente exposto ás inclemencias do tempo, sen cuberta e invadido pola vexetación. Ademais, os muros presentan grandes fendas, así como asentos e desplomes parciais que evidencian o seu avanzado estado de deterioro.


















