De hórreos a torres medievais: 18 bens patrimoniais galegos entraron na Lista Vermella no último ano

Dez monumentos están en Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e dous en Pontevedra, segundo o catálogo da asociación Hispania Nostra

O escenario é case sempre o mesmo: gretas que rompen muros centenarios, estruturas núas que perderon os seus elementos de madeira e unha vexetación imparable que recupera vellos espazos. Unha imaxe que se repite en elementos patrimoniais de diverso tipo, dende balnearios que xa deixaron de hospedar dende hai décadas, ata hórreos que esmorecen pola falta de uso. No último ano, 18 monumentos entraron na Lista Vermella do Patrimonio, un catálogo creado pola asociación Hispania Nostra para poñer o foco naqueles elementos que, formando parte da memoria colectiva, se foron deteriorando polo abandono e a falta de mantemento.

En canto á súa distribución no territorio, máis da metade dos bens que entraron no último ano na Lista Vermella están na provincia de Lugo, catro na Coruña, dous en Ourense e outros dous en Pontevedra. Analizamos caso por caso o estado de cada un dos elementos patrimoniais, todos eles nunha situación límite.

Balneario de Frádegas (Antas de Ulla, Lugo)

Imaxe do interior do edificio principal, completamente en ruínas. Foto: Hispania Nostra

A imaxe non deixa lugar a dúbidas: o balneario de Frádegas está completamente en ruínas. As vigas están derrubadas e os teitos tan só son grandes buracos polos que entra a luz. Xa non hai visitantes neste antigo enclave termal e tan só o habita a natureza. Situado no concello lucense de Antas de Ulla, foi un antigo hotel ao que, nos seus inicios, acudían entre 500 e 600 persoas ao ano. O obxectivo era desfrutar dos mananciais de Frádegas para tratar diversas enfermidades dixestivas, da pel e a reuma. Tan cotizada estaba a súa auga termal que se chegaron a comercializar botellas a catro reais.

Hoxe en día tan só quedan os restos do que foi: un conxunto formado por un edificio de dúas plantas, unha capela e outras construcións anexas. Tal e como recollen na Lista Vermella, consérvanse intactas as billas da planta baixa que aínda manteñen a cor propia do flúor e do sulfuro. Pénsase que a decadencia do balneario comezou nos anos trinta do século XX, tras décadas de esplendor. De feito, a primeira referencia ás augas termais de Frádegas remóntase ao ano 1877, cando aparecen no Tratado de Hidroloxía Médica de Nicolás Taboada Leal.

Catro igrexas

Dúas igrexas en Lugo, unha en Ourense e outra na Coruña foron catro dos novos ingresos na Lista Vermella do Patrimonio no último ano. No municipio lucense de Pol está o templo de San Martiño de Caraño, na parroquia homónima. A súa situación é preocupante porque a cuberta de lousa está “totalmente derruída”. A natureza invadiu o sei interior, os retablos barrocos desapareceron e os muros teñen importantes fendas. “A ruína completa é inminente”, advirten dende Hispania Nostra. A igrexa afunde as súas raíces no século XVII.

No concello de Abadín, tamén en Lugo, hai outro templo en estado de extremo abandono. A situación de Santiago de Baroncelle é semellante ao anterior, posto que xa non ten cuberta e está invadido pola vexetación. Ademais, unha das portas está tapiada e hai varios muros en perigo por profundas gretas. Pénsase que se puido levantar no século XVII pero abandonouse progresivamente tras a construción dunha nova igrexa nos anos cincuenta do século XX.

  • San Martiño de Caraño, en Pol (Lugo). Foto: Hispania Nostra
  • San Paio de Loeda, Piñor (Ourense). Foto: Hispania Nostra
  • San Pedro de Viñós, Arzúa (A Coruña). Foto: Hispania Nostra
  • Santiago de Baroncelle, Abadín (Lugo). Foto: Hispania Nostra

A igrexa de San Paio de Loeda está no concello ourensán de Piñor nun estado moi semellante aos dous templos anteriores: gretas nos muros, invasión da vexetación, sen teito… Tamén se destruíron os altares dos laterais e o maior está completamente deteriorado. O motivo do seu abandono foi o mesmo que no de Santiago de Baroncelle: a construción dunha nova igrexa. Porén, este templo en ruínas foi o centro da vida relixiosa da parroquia de Loeda durante séculos, dende a súa primeira estrutura datada no século XII.

San Pedro de Viñós é a cuarta igrexa galega incluída na Lista Vermella ao longo do último ano. Tanto o seu estado de conservación como o seu progresivo abandono forman unha historia moi semellante á dos tres templos anteriores. O seu ocaso está ligado á construción dun novo templo e a súa situación actual é de ruína. Xa non quedan portas nin elementos de madeira e o seu interior está completamente arrasado.

Hórreo do Cura de Ribela (A Estrada)

Do hórreo do Cura de Ribela tan só queda a súa estrutura granítica.

Con máis de 22 metros de longo, o hórreo do Cura de Ribela é unha estrutura impoñente e, de feito, é un dos de maior envergadura de toda Galicia. Tan só se conserva un dos seus elementos principais, o granito, pero desapareceron a madeira e a tella que o compoñían. Hoxe en día está apuntalado pero o seu risco de derrubamento suscita preocupación por este ben patrimonial que serviu para almacenar o gran das rendas eclesiásticas, de aí o seu tamaño. Foi construído entre finais do século XVIII e comezos do XIX e está no concello pontevedrés da Estrada.

Central térmica

O patrimonio industrial tamén ten cabida na Lista Vermella. No último ano incorporouse a central térmica das Pontes, no concello coruñés homónimo, que comezou a súa actividade a finais dos anos setenta. Os datos mostran a importancia que tivo naquel momento: foi unha das maiores infraestruturas enerxéticas de España e chegou a xerar ata o 7% da electricidade consumida no Estado. Tras 50 anos de actividade, cesou as súas operacións en 2023.

Imaxe do complexo industrial das Pontes, co algo ao fondo.

Un dos elementos máis destacados da contorna, ademais do lago artificial, é a cheminea de 356,5 metros de altura, a máis alta de España e a segunda de Europa. De feito, está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta. De momento, tanto este elemento como as torres de refrixeración están en bo estado, mentres que as turbinas e as caldeiras foron progresivamente desmanteladas.

Hai que salientar que a central térmica das Pontes de García Rodríguez transformou por completo a imaxe da comarca debido á actividade mineira e enerxética asociada á industria.

Dous pazos

A vexetación enguliu por completo o Pazo de Roxoa, no municipio lucense de Abadín. As hedras gaban polos muros, as gretas rompen a simetría e a árbores atrévense a entrar no interior dunha antiga construción señorial. Xa non hai elementos de carpintería nin cubertas que protexan as súas entrañas, e tan só queda a estrutura do que foi. Nin sequera funciona a fonte exterior porque está danada a instalación hidráulica. No seu tempo foi un lugar de esplendor, como testemuñan os tres escudos declarados BIC. O pazo pertenceu ás familias nobiliarias dos Andrade, os Luaces e os Montenegro.

  • Pazo de Roxoa, Abadín (Lugo).
  • Pazo de Suatorre, Chantada (Lugo).

O segundo pazo que entrou na Lista Vermella no último ano foi o de Suatorre, tamén nun municipio lucense: Chantada. A súa situación non é tan ruinosa como a anterior casa señorial, pero xa hai derrubamentos parciais e importantes fendas nos muros que comprometen a estrutura. Tanto os escudos como o hórreo están declarados BIC, mais o edificio principal pide auxilio a berros. Está vinculado cunha torre medieval familiar que pertenceu aos Fernández de Temes e aos Taboada de Ulloa.

Catro torres

A torre de Friol, no concello lucense homónimo, é unha das máis importantes da comarca e está datada no século XIII. Malia que está protexida como BIC, o seu estado é ruinoso e as fendas que rompen os muros ameazan cun derrubamento completo. Tamén en Lugo, pero no concello de Chantada, está a torre medieval de Arcos, construída no mesmo século que a de Friol. Malia que foi destruída durante as revoltas irmandiñas, despois reedificouse. Porén, abandonouse a súa función residencial tras a construción do Pazo de Suatorre, que tamén está incluído na Lista Vermella.

  • Torre da Tulla de Fafián, Rodeiro (Pontevedra).
  • Torre medieval de Arcos, Chantada (Lugo).
  • Torre-fortaleza de Burón, A Fonsagrada (Lugo).
  • Torre de Friol, Friol (Lugo).

A terceira torre é a de Burón, tamén sita en Lugo, está no concello da Fonsagrada e pertenceu aos condes de Altamira. Foi destruída durante as revoltas irmandiñas e logo volveuse reedificar, como a de Arcos. Forma un conxunto xunto á capela barroca de San Xosé. Na actualidade, a torre presenta un estado preocupante polos derrubamentos e as fendas. Tamén está declarada BIC.

Outra das torres medievais que entrou no catálogo foi a da Tulla de Fafián, no concello pontevedrés de Rodeiro. É BIC pero o seu estado é de “ruína xeral” porque só se conserva a estrutura, pero invadida pola vexetación. Aparece referenciada por primeira vez en 1543 e non foi derrubada como a maioría de torres e castelos da época, dado que o seu propietario, Rodrigo Fernández Noguerol, era neto dun dos principais xefes irmandiños.

Casas

  • Casa Benedicto, Navia de Suarna (Lugo).
  • Casa renacentista do Vao, Vilasantar (A Coruña).

A coñecida popularmente como “casa das medallas” acabouse de construír en 1544 e reformouse en 1951, cando se lle engadiu unha cheminea. Aínda así, a súa estrutura permanece case intacta dende o século XVI. Porén, a situación da casa renacentista do Vao, en Vilasantar (A Coruña), preocupa. “Presenta tres importantes derrubamentos na fachada principal”, sinalan dende Hispania Nostra. Advirten que, de non actuarse con urxencia, existe o risco de que o edificio desapareza por completo.

A outra casa que entrou na Lista Vermella no último ano foi a de Benedicto, en Navia de Suarna (Lugo). Foi construída a comezos do século XX na praza Maior do municipio e é considerada un símbolo da vila. Cando faleceu o seu último propietario, en 2005, o edificio estaba en bo estado. Despois foi mercada pola Deputación de Lugo, que llela cedeu ao concello para derrubala. Non puideron facelo porque estaba protexida polo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Tras a súa descatalogación, está en fase de derrubamento pese á oposición veciñal.

Pombal da reitoral de Santa María do Xobre

A reitoral de Santa María do Xobre, na Pobra do Caramiñal (A Coruña), está nun estado deficiente de conservación. De todo o conxunto, o que está nunha situación máis preocupante é o seu pombal, que case perdeu todo o seu teito e está rodeado de vexetación. A reitoral foi residencia de eclesiásticos na época barroca.

Escolas Pías de Riobó

En 1780, o cóengo da catedral de Santiago Bernardino de Prado y Ulloa fundou as Escolas Pías para a educación de nenos e nenas das aldeas de Cenlle (Ourense). Aínda que os dous edificios conservan as súas cubertas, están en ruínas. As carpinterías están rotas, así como os pavimentos. A vexetación cubriu parte da fachada e dos pasamáns de fundición.

Pontella da Ínsua do Maiordomo

A pontella é unha pequena estrutura de paso que permite acceder á Ínsua do Maiordomo, no cauce do Miño, e pertence a Outeiro de Rei (Lugo). É unha mostra única de arquitectura popular e hai poucos exemplos semellantes na contorna. Foi moi utilizado para o paso de gando, feirantes e comerciantes da zona. Hispania Nostra advirte que a pontella está en risco de “caída inminente” polo seu avanzado estado de deterioración. Non ten mantemento de ningún tipo e a maleza invadiu toda a estrutura.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas

O mosquito tigre regresa a Galicia: primeiro exemplar do ano detectado en Redondela

O aviso dun veciño rexistrado na aplicación Mosquito Alert permitiu confirmar a presenza desta especie invasora grazas á marca branca do tórax

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Galicia e Portugal alíanse para impulsar unha asistencia sanitaria centrada no paciente

O proxecto NEW HEALTH promove unha rede transfronteiriza que integra innovación tecnolóxica, investigación avanzada e datos para mellorar a calidade asistencial