Martes 30 Abril 2024

Nicolás Taboada: un médico galego fronte ós ‘anticontaxionistas’

Foi o primeiro en diagnosticar o cólera morbo asiático pero foi perseguido na segunda epidemia polos negacionistas da súa época

Nicolás Taboada Leal foi o primeiro cronista oficial de Vigo, autor en 1840 da súa Descrición Topográfico Histórica, un fito na historia da cidade olívica. Pero tamén foi un eminente médico, que tivo que padecer unha confabulación de ignorancia e intereses económicos que lle fixeron perder o seu cargo na segunda onda da epidemia de cólera morbo asiático en Galicia, a de 1848.

Os seus inimigos foron os negacionistas da época, os grandes propagadores de fake news do momento: unha corrente de médicos coñecidos como os ‘anticontaxionistas‘, que negaban que doenzas como o cólera se puidesen transmitir de persoa a persoa. Non tiñan razón, pero conseguiron amargar a vida de Nicolás Taboada, notable home de ciencia que nacera en Viveiro en 1798 e morreu en Vigo en 1883.

Publicidade

Nicolás Taboada Leal.

Quizáis as envexas profesionais puideron estar detrás desta persecución. Non o sabemos. Pero o certo é que Taboada fora o primeiro médico en diagnosticar en España un caso de cólera morbo-asiático, na primeira epidemia, a de 1833. O seu paciente cero foi un cidadán vigués, Fernando Conde, veciño do Areal, que enfermou nunha das pandemias máis devastadoras da historia da humanidade. Conde abriu a lista de máis de 300.000 vítimas que se cobrou a primeira onda colérica só en España. Ao longo do século XIX case un millón de españois morrerían por unha bacteria que chegou ao porto vigués como un pasaxeiro máis.

Desde Vigo, o bacilo Vibrio cholerae estendeuse logo por toda Galicia e chegou a Madrid, provocando unha hecatombe. En 1834 había 1.394 poboacións afectadas en España. A enfermidade provocaba mortes fulminantes por deshidratación tras terribles diarreas. E desatou unha auténtica histeria, coas autoridades desbordadas polos acontecementos. A vida económica quedou paralizada en moitas zonas. Establecéronse os chamados cordóns sanitarios para illar enfermos ou barrios enteiros das cidades.

Nicolás Taboada estaba convencido de que a enfermidade se transmitía por contacto humano. Así o escribiu en 1848, durante a segunda onda colérica, nun documento moi avanzado para a súa época, titulado “Informe sobre cólera-morbo asiático”, onde proclamaba que “os medios únicos, seguros e infalibles para impedir a introdución do cólera en calquera país son o illamento, a completa incomunicación cos lugares e persoas infectadas, como tamén cos seus efectos”. Tamén propoñía medidas preventivas, como hospitais de corentena ou peche de portos.

Galicia nos tempos do cólera

Hai que ter en conta que, ata medio século máis tarde, en 1884, non se soubo que a enfermidade era provocada por un bacilo, que foi bautizado como Vibrio cholerae polo seu descubridor, Robert Koch, o mesmo que identificou a tuberculose. E, aínda que a crenza no contaxio estaba xa moi asentada en medicina dende o século XV (e aínda antes), foi no século XIX cando comezaron a estender as súas ideas os chamados anticontaxionistas, que defendían que as epidemias avanzaban por augas estancadas ou materiais contaminados, pero nunca por transmisión de persoa a persoa.

Para enlear aínda máis a situación, houbo incluso un matiz político nisto, como lembran historiadores da ciencia como Qim Bonastra ou Pasqual Bernat: moitos liberais aliñáronse cos anticontaxionistas porque o peche de portos prexudicaba os negocios da burguesía. Ademais, había tamén unha reacción contra os Borbóns, porque reis como Carlos III mantiveran certo interese científico, promovendo expedicións e investigacións… e digamos que para algúns ser ‘anticontaxionista’ era un xeito (ben que moi particular) de loitar contra o absolutismo.

Un sector da burguesía galega abrazaba o ‘anticontaxionismo’ para evitar que pechasen os portos

Paralelamente, os doentes eran sometidos a terapias absurdas, á vista de hoxe, como o sangrado, que aceleraba a súa morte por deshidratación. Aplicaban tamén lavativas. E non faltaban ensalmadores, que dicían que curaban a enfermidade con estraños ritos e oracións. Á vez que os pícaros do momento vendían frascos de presuntas augas medicinais como remedios milagrosos -eran uns auténticos adiantados á homeopatía-.

No centro do debate médico, os negacionistas estaban en contra de illamentos, lazaretos ou corentenas. E en Vigo triunfaron en 1848, cando conseguiron que Nicolás Taboada fose expulsado de todos os seus cargos. Daquela, era un dos médicos máis prestixiosos de Galicia e dirixía a xunta de sanidade.

Aquí houbo tamén un interese económico: as ideas anticontaxionistas servían magníficamente aos intereses de moitos industriais vigueses da época, que non querían ver pechado o seu porto e a entrada e saída de mercadorías. Negando que as doenzas se contaxiasen de persoa a persoa, evitaban as corentenas e, con isto, mantiñan a actividade económica a toda costa.

Antigo mapa coa expansión da epidemia de cólera desde India.

En favor de Taboada alzáronse significativos médicos e profesores da Universidade de Santiago de Compostela como Antonio Casares, Vicente Martínez de la Riva, Florencio Cobián, José Montero Ríos e o médico militar Antón Noguerol Soto, todos partidarios de que existía a enfermidade e que se transmitía entre humanos. Non tiñan aínda o concepto de microbio, pero todos estes científicos galegos de mediados do século XIX entendían que había doenzas que se podían contaxiar entre persoas.

Finalmente, o insigne médico nado en Viveiro pero vigués de adopción, rematou sendo restituído nos seus cargos, tras a polémica, o apoio da universidade compostelá e a forza dos feitos. E os negacionistas tiveron que renderse á evidencia. O cólera contaxiábase entre persoas. E a corentena ou o peche do comercio eran as mellores fórmulas para conter a súa propagación. Máis tarde, grazas a isto, abriría na pequena illa de San Simón, no fondo da ría de Vigo, un lazareto para dar servizo a toda Galicia para a corentena das tripulacións dos buques merante, outra iniciativa impulsada polo insigne Taboada Leal.

Así que seguro que de toda esta historia podemos atopar algúns inquietantes paralelismos para os días terribles que estamos a vivir…

E aquí podes ler en pdf o tratado de Nicolás Taboada ‘Informe sobre o cólera morbo asiático’

3 COMENTÁRIOS

  1. Lembrade que segue estando permitido que vaiades as farmacias a recoller os vosos tratamentos,non os deixedes eso si que se ve que é ben malo para a vosa e a nosa saude.

  2. Si, pero este virus mata ás persoas case sempre de máis de 60 anos. Esas son pois as que teñen que estar illadas en todo caso, e recibir os coidados médicos pertinentes. Pero o resto da poboación sa, deberiamos poder facer vida normal con precaucións. ISTO É UN ATENTADO CONTRA A LIBERDADE DAS PERSOAS E A DEMOCRACIA. Case o 40% dos falecidos na Galiza por coronavirus vivían en residencias! Morreron ao redor de 350 persoas en un mes que levamos de histeria colectiva, e a case totalidade dos falecidos tiñan doenzas previas. Por este motivo paralízase un país (falo de Galiza como país, dígoo por se me le algún constitucionalista/unionista) de case tres millóns de habitantes. A falta de actividade vital enferma a máis xente que o propio “covid19”. Está a ser peor o remedio que a enfermidade.
    Xa non se fala da violencia de xénero, xa non se fala da precariedade laboral, xa non se fala da falta de comida que hai en miles de fogares arestora, ou da pobreza enerxética, xa non se fala das decenas de mortes por TABAQUISMO (a epidemia consentida)…
    Lede, agora que tedes tempo, un mundo feliz, de Aldous Huxley; un libro que fala en clave de ciencia ficción do que nos está a pasar na actualidade. Escribiuno nos anos 1930. Outro libro nesa liña é “1984”, de George Orwell, que fala da DITADURA MUNDIAL que está a piques de se instaurar.
    Manter unha distancia prudente, como con calquera gripe, e lavar as mans con xabón. Beber bebidas quentes con frecuencia, auga con limón e sobre todo, ALIMENTARSE BEN, ALIMENTOS ECOLÓXICOS, SEN TRANXÉNICOSS, SEN OMX, NON FUMAR, RESPIRAR AIRE PURO, TRABALLAR CON MEDIDAS DE SEGURIDADE, ASEGURADOS E NON EN NEGRO, CONCILIACIÓN FAMILIAR, PLUS DE NOCTURNIDADE, QUENTADE AS CASAS CANDO FAI FRÍO NO INVERNO, FACEDES ALGO DE EXERCICIO FÍSICO, NON BEBADES EN EXCESO BEBIDAS ALCOHÓLICAS… Se facedes todo isto o coronavirus nin se atreverá a petar á porta. Pero xa sabemos que o CAPITALISMO nos priba inhumanamente a millóns de cidadáns do mundo de obter a saúde das fontes naturais, e quérenos medicar con fármacos, e ternos controladiños a través de cámaras, móbiles… e dentro de pouco tarxetas RFID.
    Está a enfermar a xente de estrés, ansiedade, depresión, osteoporose, problemas circulatorios, cardiovasculares, falta de vitamina D, sedentarismo, obesidade, malnutrición etc. Isto non ten xeito!
    En 2009 foi a gripe A, en 2020 é a gripe B… e preparádevos para a gripe C: vai ser máis devastadora e totalitarista.
    To be continued. Se non nos rebelamos antes.
    Por certo, acordádevos do importante que é a Sanidade pública e dispoñer de medios para atallar unha gripe coma esta. Dígoo por se alguén esqueceu os recortes que Feijóo e mailo PP levan facendo dende hai anos no Sergas.
    (Para a memoria non valen as máscaras nin as luvas: para iso son bos os froitos secos. Cabe citar que o cacahuete é un legume, por se non o sabiades).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Unha tese da USC analiza a danza e composición musical tradicional como un "elemento identitario" da Galicia do século XIX

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala