Martes 8 Outubro 2024

A Lista Vermella do patrimonio: estes son os 61 monumentos en risco de desaparición en Galicia

A provincia da Coruña vai en cabeza, con 25 bens en grave risco de destrución, segundo a asociación Hispania Nostra

As hedras gabean, paseniñamente, polas ventás sen cristais e ocupan o baleiro que deixa o abandono. As pedras esmorecidas, as estruturas xa indefinidas e a natureza recuperando o que algún día foi seu. Estas estampas repítense unha e outra vez en todo o territorio galego. Decenas de torres, pazos, casas señoriais, mosteiros e igrexas están a piques de esvaecerse a causa do desleixo. Sen ir máis lonxe, en Galicia hai 61 tesouros patrimoniais en “grave risco de destrución e desaparición”, segundo a asociación Hispania Nostra. Así o recolle a Lista Vermella, unha recompilación de bens materiais e inmateriais en perigo que puxo en marcha a entidade en 2007.

Galicia debería dirixir atentamente a súa vista aos 61 elementos patrimoniais que reclaman axuda, antes de que o seu rastro quede soterrado finalmente polo esquecemento. No que respecta ás provincias, A Coruña está á cabeza, con 25 bens en perigo. Son, sobre todo, pazos, torres e edificios relixiosos. Entre eles tamén se inclúe unha chamada de atención ao Barrio de Ferrol Vello. A seguinte na lista é a provincia de Pontevedra, con 17. De novo, as casas señoriais son as que presentan un peor estado de conservación. A continuación estarían Ourense e Lugo, con 10 e 9, respectivamente.

Publicidade

Dos 61 bens catalogados, non todos presentan o mesmo estado de conservación. Recompilamos algúns deles:

Antiga panificadora, Vigo

Estrutura da antiga panificadora. Crédito: Wikimedia Commons / Andrés Maneiro

En pleno corazón de Vigo, unha enorme estrutura lembra os comezos do século XX. En 1924 arrinca a produción da panificadora, que nos anos 30 acada o seu máximo esplendor ao distribuír fariña para toda España. Porén, a situación cambia co estalido da Guerra Civil e a posguerra. A súa produción detense, finalmente, en 1981, despois se seis décadas en funcionamento. “Dende entón non se utilizou e a súa degradación foi constante ao longo dos anos”, apuntan dende Hispania Nostra.

Publicidade

Aínda que houbo varios intentos para urbanizar o soar, a panificadora continúa o seu proceso de deterioración dende que foi abandonada nos 80. “O Concello non pode consentir que estea en ruínas indenifidamente”, din dende a asociación. Alertan, tamén, de que os elementos da cuberta e a cheminea son os que máis risco teñen de colapso, malia que a estrutura xeral de formigón se conserva en bo estado. Pese a todo, a panificadora foi incluída na Lista Vermella en maio de 2018.

Casa dos Duques de Terranova, Vilagarcía de Arousa

Estrutura da casona.

Poñer un pé fóra da casa e pisar a area da praia de Vilaboa. Esa era a experiencia única e inconfundible dos que habitaron a casa dos duques de Terranova, un edificio impoñente pero deslucido polo abandono. Tamén denominada como a casa dos duques de Medina das Torres, construíuse entre 1881 e 1882 no que antes era o municipio Vilaxoán e hoxe é Vilagarcía de Arousa. Tal foi a súa sona, que alí chegaron a aloxarse os reis Afonso XII e Afonso XIII. O seu último caseino abandonou a casa en 2003 e, dende aquela, sofre un proceso de deterioración imparable. A estrutura permanece “practicamente intacta”, pero o abandono exterior e a maleza do xardín transmiten un indubidable desleixo.

Sanatorio de Cesuras

Estado actual do sanatorio.

“O edificio atópase nun estado máis que lamentable”, apuntan dende Hispania Nostra. Así definen o sanatorio de Cesuras, un edificio de estilo modernista que nunca chegou a funcionar como centro sanitario. Querían enfocalo ao tratamento da tuberculose, dadas as altas taxas de mortalidade da época, e por iso se escolleu un enclave situado no medio dun bosque. Porén, en 1931 paralizouse a obra e a falta de recursos económicos impediu a súa recuperación. En 2013 barallouse a súa rehabilitación para convertelo en centro de día e xeriátrico, pero non se levou a cabo.

Mosteiro de Santa María de Monfero

Parte exterior do mosteiro.

A simple vista, o mosteiro de Santa María de Monfero non semella ser un dos edificios máis derruídos de todos os que integran a Lista Vermella. Segundo Hispania Nostra, isto débese a que a igrexa se rehabilitou recentemente pero, pola contra, as dependencias do convento “están en ruínas”. A súa historia remóntase ao século XXI, cando se construíu a igrexa románica da que só quedan uns restos. E foi durante a Idade Media cando este centro relixioso adquiriu o seu máximo esplendor. A maior decadencia chegará no XIX, cando o mosteiro queda en ruínas, malia que se fixeron varias restauracións para conservalo.

Frescos da igrexa dos Vilares, Guitiriz

Frescos da igrexa dos Vilares, moi deteriorados.

En 1991 descubríronse uns frescos na igrexa de San Vicenzo dos Vilares, coincidindo cunhas obras no seu interior. As pinturas, de estilo gótico hispano-flamenco, están datadas a mediados do século XVI e representan distintos motivos relixiosos. Pódense ver tres escenas, como a lamentación do Cristo Morto, Santiago Matamoros e a imposición de Casulla a San Ildefonso que, segundo Hispania Nostra, é unha “peza única” en Galicia. Tal e como trasladan dende a entidade, o seu proceso de deterioración “é grave” e hai un perigo evidente de que os frescos desaparezan definitivamente se non se acometen traballos de restauración. A humidade, a rozadura dos bancos e o “nulo mantemento” poden desencadear nun “dano irreversible”.

Torre de Taboi, Outeiro de Rei

Estado actual da Torre de Taboi.

A torre de Taboi, en Outeiro de Rei, está nunha situación complicada. A estrutura, completamente ruínosa, ten risco de derrubamento. Antes formaba parte dun castelo completo. De feito, en 1585 foi reparado e descríbense foxos, recintos, torres, ponte levadiza… Hai séculos que non queda nada diso. Segundo Hispania Nostra, Taboi foi un soar dos Saavedra, e logo feudo dos Aguiar, dos Ribadeneira e, incluso, dos Pardo de Cela. Non obstante, non hay documentos medievais sobre a torre.

Mosteiro de Santa María de Melón

As ruínas do mosteiro, invadidas pola maleza.

“Abandono total”. Hispania Nostra dá conta do estado no que se atopa o mosteiro de Santa María de Melón, invadido pola maleza. Aínda que houbo diferentes iniciativas para a súa restauración, non saíron adiante e a estrutura está gravemente danada. Só quedan algunhas estancias e fragmentos da bóveda do claustro regular. Segundo din dende a entidade, Melón tivo “unha gran importancia dende o punto de vista espiritual”, pero a desamortización supuxo o seu abandono e progresiva ruína. Pénsase, ademais, que o primitivo mosteiro de Melón non se atopaba no lugar actual, senón en Bárcena, próximo a Melón.

Casa parroquial de Dadín

Estado ruínoso do edificio.

A asociación Hispania Nostra é máis contundente ca nunca co estado da casa parroquial de Dadín: “Abocada á desaparición completa”. As fotografías dan conta de que está invavida pola maleza, cunha estrutura moi deteriorada e dificilmente recuperable. Segundo explican, a casa forma parte do conxunto da igrexa de San Pedro de Dadín. É unha construción barroca rural do século XVIII, da que o seu patio está completamente destruído pola construción dunha estrada a mediados do século XX.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. O Sanatorio de Cesuras leva xa tempo en proceso de rehabilitación, cia obra bastante avanzada. Esa foto que presentades ten, a lo menos, 3 ou 4 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia suma cinco monumentos en risco de desaparición este 2024: así é a Lista Vermella do patrimonio

Segundo a asociación Hispania Nostra a comunidade alberga ata 62 bens en estado crítico de conservación que poderían chegar a desaparecer de non rehabilitarse
00:01:23

Un torneo de motos emprega a mámoa de Guítara en Pantón como rampla de saltos

ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian que se ubique un circuito nunha zona cun conxunto arqueolóxico de ata 10 mámoas protexidas

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro

Á venda unha casa que forma parte do mosteiro cisterciense de Montederramo

Familias, negocios e unha escola pública ocuparon dependencias do convento após da desamortización e ata entrado o século XXI