*Un artigo de

A tecnoloxía de raios X e a tomografía demostraron ser tecnoloxías cada vez máis útiles en investigacións médicas e científicas. Recentemente, expertos da Universidade de Kurashiki empregáronas para examinar unha momia de serea, de apenas 30 cm, custodiada e venerada polos monxes do templo Enjuin de Asaguchi, na prefectura de Okayama, en Xapón.

Os monxes contan que a atopou un pescador, e dentro da caixa de madeira que lle serve de sartego había unha nota que afirmaba que se trataba de “unha serea atrapada nunha rede no mar fronte a Tosa […] na era Genbun (1736-1741)”.

Os resultados da autopsia

Os resultados da investigación revelan que a creación do obxecto probablemente tivo lugar a finais do século XIX, uns 100 anos despois do que afirma a nota. O seu cabelo é dun mamífero, aínda que non se puido identificar a especie. Utilizouse pel de peixe globo para cubrir os brazos, pescozo, ombreiros e fazulas. Para as súas uñas usaron queratina animal. A metade inferior do pequeno corpo, a cola, é unha mestura de espiñas de peixe, posiblemente dunha cola ou unha aleta dorsal. A mandíbula e os dentes pertenceron a un peixe carnívoro. Poderiamos dicir que o torso é o dunha marioneta. Déronlle forma usando tea, papel e algodón.

Os gardiáns de sereas

Varios museos e coleccións privadas conservan obxectos rexistrados como tritóns ou sereas fiyi e reúnen innumerables artefactos e momias, moitas delas medio peixe, medio mono, que un día foron tratadas como sereas auténticas. Algúns exemplos atópanse no Museo Británico ou no Museo Nacional de Etnoloxía de Leiden. Na súa maioría, a súa procedencia vincúlase a Asia e, en concreto, a Xapón.

A pequena momia de sera de Enjuin. Kurashiki University of Science and the Arts, CC BY

Así, a momia de Enjuin non é un caso único. A momia de serea Fiyi de Barnum consérvase no Museo Peabody de Arqueoloxía e Etnoloxía da Universidade de Harvard, e considéranse obxectos prezados a serea do Museo de Buxton e a serea do Museo Horniman de Londres.

A serea do museo Horniman tamén foi estudada en profundidade. Os resultados dunha ampla análise publicáronse en 2014. Entón atoparon trazas de metal, madeira, corda, barro e téxtiles na composición da momia NH.82.5.223. As seccións de madeira foron cravadas perpendicularmente para crear o torso e os ombreiros. O pescozo construíuse nunha peza e encaixouse no torso. O escaneo tamén mostrou dúas varas de bambú inseridas a modo de brazos, e usouse arame para a espiña dorsal. Ademais de en museos, as momias de serea aínda se conservan en santuarios sintoístas e budistas en Xapón, como a serea ou ningyo do santuario Tenshou-Kyousha preto do monte Fuji.

Un mito universal

Estas criaturas mariñas foron representadas na mitoloxía de distintas culturas durante milenios. Desde Siria, coa deusa mariña Atargatis, ou a antiga Grecia, co deus Tritón ou Ulises, capaz de resistir o seu canto, ata o espírito aborixe australiano do Yawkyawk, as referencias a sereas benévolas ou malévolas atópanse en innumerables lendas.

Aínda que o mito é universal, a maior parte das momias de serea conservadas en templos e museos son asiáticas, principalmente xaponesas. E a maioría das momias de sereas estudadas a principios do XIX confeccionadas en Xapón preséntanse en pose dolorosa, retorcéndose sobre a súa cola e coas mans na cara coma se proferisen un berro.

O encontro cunha serea

Foi na illa de Dejima, na baía de Nagasaki, onde chamaron a atención dos viaxeiros europeos por primeira vez. Na década dos vinte do século XIX, recóllense historias como a dun pescador que atrapou unha destas sereas. Ela, mentres morría, predixo unha época de gran prosperidade, pero que viña acompañada dunha epidemia fatal.

A momiomanía do século XIX

A práctica da momificación fascinou a curiosos desde a antigüidade. A preservación do corpo a través da disecación, evisceración e uso de resinas e outras especias foi relatada para a posteridade por Heródoto ou Diodoro Sículo, para o caso do antigo Exipto. O propio termo momia deriva do persa mummia para referirse ao betume.

Tal e como revela o arqueólogo do University College de Londres Gabriel Moshenska, este material foi moi prezado na Persia do século XI. Nos séculos XVI e XVII o uso de momias con fins medicinais deu lugar a un mercado ilícito internacional en Europa, abrindo a cuestión sobre o seu trato como obxectos e a aparición de falsificacións.

O Renacemento e o crecente interese que se suscitou polas momias fixo que fragmentos e corpos momificados comezasen a aparecer nos museos europeos de Dresde, Milán e Leiden. Catalina de Médici chegou a enviar unha expedición en 1549 á necrópole de Saqqara, en Exipto, para extraer momias con fins medicinais.

As momias adquiriron un valor incalculable desde as campañas de Napoleón en Exipto (1798-1801), aínda que alcanzaron a súa cénit de popularidade durante o século XIX. O movemento do Romanticismo reforzou a paixón e o gusto de estudosos e literatos polo exotismo. Ao mesmo tempo, os estudos anatómicos e as autopsias de momias proliferaron nesta época.

Así, exploradores, viaxeiros e aventureiros comezaron a adquirir momias. Os mecenas crearon coleccións privadas e os museos tamén se fixeron con elas. Falsificalas converteuse nun lucrativo negocio e os relatos de mariños e pescadores sobre momias de serea e o avistamentos destas criaturas expandíronse polo mundo. Grazas á súa gran popularidade constituíron un verdadeiro e misterioso obxecto de estudo durante séculos.


*Iria Souto Castro é investigadora postdoutoral Margarita Salas, Historia Antiga, Exiptoloxía, Universidade de Vigo.

Cláusula de divulgación: Iria Souto Castro recibe fondos do Ministerio de Universidades con cargo á aplicación 33.50.460A.752 e pola Unión Europea NextGenerationEU/PRTR mediante un contrato Margarita Salas da Universidade de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.