Publicidade

A tuberculose, unha doenza do pasado?

As cifras demostran que segue existindo e, ao contrario do que se pensa, pode afectar a todas as persoas, sobre todo se teñen un sistema inmunitario debilitado

No ano 2020, 10 millóns de persoas enfermaron de tuberculose en todo o mundo, en Galicia foron case 400. A doenza, hoxe descoñecida para moitos, sobre todo entre a xente máis moza, segue sendo a protagonista de campañas de saúde pública e de reunións internacionais coas que se intenta reducir o número global ata poder poñer fin á epidemia.

Trátase dunha enfermidade contaxiosa que afecta, na maioría dos casos, ao pulmón aínda que pode danar calquera parte do corpo como a pleura ou os ósos. Existe desde hai miles de anos, de feito e como exemplo, en varias análises realizadas ás momias do Antigo Exipto atopáronse lesións susceptibles de ser consecuencia da doenza. Hoxe, a tuberculose é unha enfermidade que se pode previr, tratar e curar. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde, unha cuarta parte da poboación mundial está infectada por esta bacteria.

Publicidade

Unha cuarta parte da poboación mundial está infectada pola bacteria que causa a tuberculose

“O primeiro que hai que diferenciar claramente é que temos un estado de infección e un estado de enfermidade. A infección, o bacilo, permanece latente pero non provoca enfermidade. Da xente que se infecta, aproximadamente un 10% si que termina desenvolvendo esa doenza e ese 10% normalmente faino entre os primeiros dous e cinco anos, aínda que pode haber xente que a padece máis tarde”, asegura Raquel Barbosa, profesora asociada de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Afecta máis ás persoas cun sistema debilitado

Foi o Premio Nobel de Medicina, o alemán Robert Koch, quen descubriu o bacilo que provoca a doenza da tuberculose a finais do século XIX. Os síntomas máis frecuentes poden ser a tose, a febre, o adelgazamento e a suor nocturna.

Publicidade

Entre as persoas que a desenvolven atópanse, sobre todo, aqueles que teñen o seu sistema inmunitario fráxil, como as persoas con VIH ou as que seguen tratamentos inmunosupresores para enfermidades reumatolóxicas ou dixestivas, por exemplo.

“Nestes últimos anos eses tratamentos aumentaron dunha maneira moi importante. Como esas persoas poden ter un maior risco de padecer unha tuberculose, realízanse probas antes de empezar a medicalas para saber se están infectadas e así poder facer o necesario para protexelas”, explícanos Barbosa.

Calquera pode padecer tuberculose

Raquel Barbosa é profesora asociada de Medicina Preventiva e Saúde Pública na USC

Grazas ao Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose establecido no ano 1996, hoxe é moito máis difícil estar exposto na nosa contorna a esta bacteria. Cada caso é rexistrado, rastrexánse os contactos do paciente e existe un control estrito do tratamento, por parte dos profesionais sanitarios, para que este sexa realizado correctamente para evitar resistencias bacterianas.

A enfermidade aínda existe, o Bacilo de Koch segue circulando, pero a crenza de que a enfermidade só afecta as persoas que viven en condicións desfavorables carece hoxe de sentido.

“Hai xente á que aínda lle sorprende padecer unha tuberculose, primeiro porque pensa que a doenza xa non existe, pero tamén porque sempre se relacionou co feito de vivir en peores condicións. Antigamente dicíase que afectaba sobre todo ás persoas con problemas sociais porque nunha casa podían vivir moitísimas persoas xuntas. Iso aconteceu, por exemplo, na Revolución Industrial cando moitas familias abandonaron o rural para traballar nas cidades. Pero hoxe non podemos seguir pensando que esta é a razón pola que se enferma”, afirma a científica da USC.

O diagnóstico precoz, a mellor medicina

Febre, adelgazamento e suor nocturna son síntomas que poden alertarnos da enfermidade e que non debemos pasar por alto porque o diagnóstico precoz é unha da chaves para frear a tuberculose.

“Cando unha persoa empeza a ter eses síntomas podemos pensar noutro proceso, pero cando se alongan varias semanas e van acompañados de suor nocturna ou adelgazamento debemos pensar na tuberculose e acudir a un centro sanitario. Canto antes sexa diagnosticada esa persoa, antes deixará de ser contaxiosa”, advirte Raquel Barbosa quen tamén traballa no Hospital Universitario Lucus Augusti en Lugo no illamento de enfermos de tuberculose.

Febre, adelgazamento e suor nocturna son síntomas que poden alertarnos da enfermidade

E unha vez diagnosticada a doenza, o paciente debe permanecer no seu domicilio durante as primeiras semanas, non facer vida social, usar máscara e someterse aos controis que se lle indiquen como a análise de esputos para saber se aínda pode transmitir o bacilo.

A OMS quere acabar coa epidemia no 2030

Hoxe, con 14 persoas enfermas de tuberculose por cada 100.000 habitantes, Galicia cumpre xa o obxectivo da OMS de non superar os 20 casos se se quere poñer fin á epidemia no 2030, como foi establecido pola organización hai catro anos.

A carreira por deseñar e producir unha nova vacina estaría a punto de gañarse grazas a unha investigación da Universidade de Zaragoza, xa que a antiga BCG, o Bacilo de Calmette-Guérin, caeu en desuso pola súa baixa efectividade fronte á tuberculose respiratoria. Só se emprega hoxe nalgúns países fronte á tuberculose grave, por exemplo.

“Para evitar o contaxio, as medidas básicas son iguais ás que se utilizaron para loitar contra a covid-19 xa que se transmite de xeito similar, cando tusimos ou esbirramos: usar máscara e permanecer en lugares abertos ou ventilados en caso de dúbida”, aconsella Barbosa para rematar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nin refuxio, nin comida: o eucalipto reduce á metade a presenza de aves nos montes galegos

Un estudo da USC recomenda intercalar faixas de especies autóctonas para mitigar o impacto dos eucaliptais na avifauna

Google ou ChatGPT: cal diagnostica mellor os teus síntomas? Un estudo galego ten a resposta

Unha investigación do CiTIUS determina que os modelos de IA teñen unha taxa de acerto de ata o 90% pero a súa fiabilidade dependerá do contexto

Da botánica á psiquiatría: o saber científico de Rosalía de Castro máis alá da súa poesía

A USC inaugura no Colexio de Fonseca unha exposición sobre o vínculo da autora galega coa ciencia e co pensamento ilustrado do século XIX

Que é a febre aftosa, a enfermidade supercontaxiosa que ten en alerta a Europa

O virus que afecta a vacas, ovellas ou porcos obrigou hai 24 anos a sacrificar 10 millóns de animais no Reino Unido