A pía de Folgoso, datada na Idade de Ferro: “É unha peza única no noroeste peninsular”

A historiadora Eva González publica o primeiro estudo sobre este excepcional bloque granítico gravado con motivos castrexos

Eva non lembra cando foi a primeira vez que veu a pía de Folgoso. Sempre soubo que estaba alí, nunha capela do concello ourensán de Esgos. Ela non é a única: non hai un só dos 100 habitantes do lugar que non coñeza a peza; que non a poida recrear detalladamente na súa imaxinación. “É única”, asegura Eva González, historiadora e autora do primeiro estudo sobre a pía de Folgoso, que acaba de ser publicado na revista Minius da Universidade de Vigo (UVigo). Sempre quixo saber máis sobre o rechamante bloque granítico que atesouraba a capela de Folgoso, caracterizado pola súa sección cadrada e os seus gravados decorados con pigmentos azuis, brancos e vermellos. Agora que finalizou a súa investigación, asegura que non hai unha peza comparable á pía de Folgoso en todo o noroeste peninsular: “Está datada na Idade de Ferro e é única no seu contexto”.

Hai varias características que fan da pía de Folgoso unha peza singular. Non só a súa morfoloxía, senón tamén que estea gravada polas catro caras con motivos da cultura castrexa, como círculos e trísceles. Ademais, ten unha oquedade na parte superior e a pigmentación responde a diferentes épocas. Segundo recolle González no seu estudo, as cores brancas e azuis pertencen a un momento máis próximo no tempo. A investigadora estima que se pintaron arredor de 1970, ben para darlle á pía un acabado máis rechamante; ben para aproveitar pintura sobrante doutra reforma. Porén, hai outra cor que salienta entre todas as demais: o vermello. Parece que quen pintou a pía nos anos 70 respectou as zonas co pigmento máis intenso, sen pasarlle por enriba. “Podería ser da época orixinal porque lembra ao tríscele de San Cibrán de Las, que conserva pigmentación abundante nun ton similar”, apunta González no estudo. Tamén podería ser un repintado posterior, que respondería á época romana ou á Alta Idade Media.

Publicidade

  • Unha das caras mellor conservadas.
  • A cara máis gastada da pía de Folgoso.
  • O pigmento branco e azul é dos anos 70.
  • O pigmento vermello, que se sospeita que pode ser orixinal.
  • Oquedade superior da pía de Folgoso.

O certo é que a información sobre a pía de Folgoso é escasa e González tivo que recorrer ás fontes orais para sacar conclusións o máis firmes posible. “É unha peza á que o pobo lle ten moito cariño. Sabemos que houbo algunha referencia á pía nos anos 20, pero non hai información que nos dea pistas da súa procedencia, do seu uso…”, expón a investigadora. Por iso, falou coa veciñanza, que lle confirmou que recordaban a pía de Folgoso dende que tiñan uso de razón. E tamén lle contaron que a principios dos anos 70, o parróco quixo vender a pía pero non o logrou pola oposición popular, o que dá conta do agarimo histórico que sente Folgoso por esta peza tan singular. “Para afondar máis no estudo compareina con outras pezas, como a do altar de San Pedro de Rocas, que é o máis próximo, a ver se nos ofrecía pistas do seu uso”, continúa explicando a investigadora. Do que non cabe dúbida é de que se trata dun estudo pioneiro cun claro obxectivo: dar a coñecer a pía.

Motivos da cultura castrexa

Os rechamantes ornamentos da parte superior foron a clave para a súa datación. Os trísceles inscritos en círculos e os triángulos de lados curvos fixeron sospeitar que podería ser orixinal da Idade de Ferro, posto que son deseños propios da cultura castrexa. Ademais, a súa forma pequena e cadrada non é frecuente en pías bautismais e a súa decoración non semella estar relacionada con ningún culto en concreto. A maiores, Folgoso está situado nunha zona con moitas lendas de auga e mouros, que se asocian coa prehistoria. A historiadora tamén explica que escolleu a denominación de “pía” porque é así como se coñece popularmente, pero non hai fontes que corroboren se se usou algunha vez como pía bautismal ou de auga bendita, posto que hoxe en día só ten unha función ornamental. “Puido ser unha pía porque se adapta a un lugar tan pequeno pero non é común que teñan esta forma”, insiste a investigadora.

“Puido ser unha pía bautismal porque se adapta a un lugar tan pequeno pero non é común que teñan esta forma”

EVA GONZÁLEZ, historiadora

Outro dos aspectos que máis chaman a atención desta peza tan singular é o seu bo estado de conservación. Aínda que González recoñece que hai algún lado que está máis gastado ca outro, en xeral está moi ben preservada. “Sempre estivo no mesmo sitio e ninguén a tocou. Como moito, algunha capa de pintura nos anos 70, cando reformaron a capela”, sostén a historiadora. Pouco máis se sabe da pía e iso leva a González a querer continuar con esta liña de investigación. “Gustaríame estudar a policromía con máis precisión, que axudará a datala mellor. Pode que de aquí en adiante faga máis estudos que nos permitan saber se foi remodelada, se o oco superior é orixinal ou posteior, así como as marcas e as técnicas coas que foi tallada”, engade a historiadora.

Moito por investigar

Eva González xunto co seu equipo.

Polo tanto, hai moita información que queda no aire e González matiza que ela non fai conclusións ao respecto, senón propostas. Deste xeito, a investigadora pensa que unha das posibilidades é que a pía fose trasladada á capela dende algún sitio próximo, probablemente dalgún castro situado na periferia e non identificado hoxe en día. “É un sitio con moito folclore asociado coa prehistoria e os montes circundantes usáronse como canteira ata non hai moitos anos. Ao mellor nunha desas extraccións de pedra atopárona e gustou polas súas características e porque era útil para uso litúrxico”, explica González. Tamén podería darse o caso de que fose trasladado dende o centro de San Pedro de Rocas ou de que sempre estivese alí, en Folgoso, e que antes da construción da capela aquilo fose un sitio especial de culto.

A pía puido ser trasladada dende algún sitio próximo, como un castro non identificado

Aínda queda moito por averiguar desta peza singular que permanece inalterable na memoria de Eva e de Folgoso. “O conxunto de todos estes factores fan da pía algo moi inusual”, insiste a investigadora. Recalca o carácter “excepcional” da peza e deixa abertas todas as súas hipóteses, barallando a posibilidade de que se atope algunha alternativa de uso que ela non recolleu no seu estudo. Queda moito por saber pero o primeiro paso xa está dado. González afondou na historia e, sobre todo, na oralidade, deixando por escrito os contos da veciñanza. Talvez agora, botando man da ciencia, de análises máis exhaustivas, se poida completar o relato da memoria colectiva. E a pía de Folgoso, xa excepcional, teña o recoñecemento que sempre recibiu do seu pobo.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Achada unha ara romana adicada ao deus Xúpiter nunha casa en ruínas

É o segundo elemento votivo da cultura romana atopado en San Vicenzo de Fervenzas, un lugar que puido albergar un asentamento
00:09:57

Un paseo virtual polo poboado de San Cibrao de Lás: o multiverso galaico xa está aquí

Un proxecto galego recrea en 3D un dos asentamentos castrexos máis grandes de todo o noroeste, que estivo poboado durante catro séculos

Atopada no fondo do río Limia unha das embarcacións máis antigas do mundo

A piroga, a sétima localizada en Viana do Castelo, data da Idade de Ferro e está fita do tronco dun só carballo

Un ilustrador recrea o ‘xogo de mesa’ máis antigo de Galicia

O taboleiro está datado da Idade de Ferro e foi atopado nunhas escavacións por un equipo de arquéologos en Castro Curbín