Venres 19 Abril 2024

Achada unha ara romana adicada ao deus Xúpiter nunha casa en ruínas

É o segundo elemento votivo da cultura romana atopado en San Vicenzo de Fervenzas, un lugar que puido albergar un asentamento

No interior da casa máis próxima á igrexa, sen soterrar e a plena vista: así se atopaba a segunda ara romana en San Vicenzo de Fervenzas, en Aranga, un municipio da Coruña. É unha pedra rectangular de granito adicada ao deus Xúpiter, un pequeno altar propio da cultura galaico-romana, onde se facían ofrendas e sacrificios de animais. Foi unha amiga da propietaria da casa a que deu a alarma do posible descubrimento. O Colectivo A Rula é unha asociación adicada á arte rupestre e tras ver as fotografías visitou a zona e comezou a retirada do petróglifo para a súa análise.

Luis Leclere, un dos integrantes da organización, explica que retiraron o bloque de pedra e o desprazaron 30 centímetros da porta da casa para realizar unha reconstrución fotogramétrica. Grazas a este método descubriron unha inscripción incompleta: “SEVERUS”, o nome do oferente, e “IOVI OPTIMO MAXIMO”, a divinidade á que se lle dedica. Segundo explican nun artigo de divulgación que sairá á luz os próximos días para a promoción deste achado, o nome “SEVERUS” aparece ata en 160 inscricións na península ibérica e 11 en Galicia.

Publicidade

Ara romana atopada en San
Vicenzo de Fervenzas.

“Puxémonos en contacto coa Dirección Xeral do Patrimonio para o seu depósito no museo de referencia que consideren. Pedimos que fose ao Museo das Mariñas e parece que todo apunta que vai ser aceptado, ademais, alí está a outra ara”, explica Leclere. Nunhas reformas en 1967 localizouse baixo o altar da igrexa a primeira ara atopada en San Vicenzo; o descubrimento non quedou aí, xa que isto supuxo a confirmación para os expertos dun camiño secundario da “Vía XX per Loca Maritima”, unha calzada que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) que pasaba por Brigantium, preto da actual Coruña.

San Vicenzo de Fervenzas e o seu entorno semella conter grandes xoias arqueolóxicas. O mesmo día que Colectivo A Rula soubo que estaba a punto de descubrir outro altar romano, atopou no muro da cabeceira da igrexa un elemento “reaproveitado” que identificaron como un fragmento de plástica castrexa gravado sobre unha pedra de granito.

Trátase dun entrelazado de nós da mesma tipoloxía que outros localizados no sur de Galicia, norte de Portugal e Asturias. As características desta peza gardan un parecido cun exemplar de Fontefría: cunha base en forma de S debúxase unha estrutura de círculos conformando unha figura romboidal. “Isto axúdanos a contextualizar aínda máis a zona. É o único elemento de práctica castrexa que se coñece en toda a provincia da Coruña”, explica Leclere.

Entrelazado de nós da Igrexa de San Vicenzo de Fervenzas.

Neste senso, a organización considera que tanto as aras como o entrelazado proveñen do castro das Cotorras, un asentamento próximo de grandes dimensións. O máis “plausible”, explica o divulgador, é que o propio lugar de San Vicenzo de Fervenzas fose un asentamento romano no que existiu un templo, “un santuario de certo carácter oficial”. É por iso polo que solicitan un estudo da contorna da igrexa de San Vicenzo para averiguar se houbo ou non un poboamento durante o período romano. “Ao carón da igrexa consérvase a cimentación da casa reitoral que, arruinada, aínda se conservaba non hai moitos anos e que a pesares de ter protección legal foi case completamente desmantelada. Este podería ser un bo lugar para comezar este estudo que propoñemos”, indican.

Un dos cruceiros máis antigos do país

Situado ao carón da casa onde atoparon a segunda pedra ao deus Xúpiter levántase un cruceiro gótico. Está datado entre finais do século XV e comezos do XVI. Os visitantes achegáronse a velo e puideron observar un “1863” gravado, a data dunha posible reconstrución. Pola súa antigüidade forma parte dun selecto grupo de cruceiros, sobre uns 20, considerados os máis antigos do país e pola súa estética ocupa “un lugar destacado entre eles”, afirman. É unha cruz latina cos brazos rematados nunha flor de catro pétalos. Nun dos lados está esculpida a Virxe, San Xoán e un penitente, e noutro, un Cristo de “ollos amendoados”. Non se coñece a orixe deste cruceiro mais conta a lenda que foi o Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes quen o doou a cambio dunha misteriosa pedra. E así aínda o contan os veciños do lugar.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laxe dos Bolos, un petróglifo referente da arte rupestre en Galicia

Un libro recolle o traballo arqueolóxico coordinado por Elena Cabrejas Domínguez, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio

Un estudo revela a evolución dos asentamentos humanos en España entre 1900 e 2020

A investigación na que colaborou un equipo da USC podería servir para modelar a influencia do crecemento urbano no cambio climático
00:00:38

Dinamitan o Acibal para construír eólicos, un monte repleto de petróglifos e pedras históricas

A plataforma Amil Sen Eólicos denuncia que aquí residía a "Pisada do Mouro", unha rocha con gravados rupestres

O primeiro asentamento de Galicia estaba no Porriño

Un equipo da Universidade de Vigo resolve a cronoloxía do lugar, que xa tiña sospeitas de era o xacemento máis antigo do país