A Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia adoptou a medida cautelar solicitada pola asociación ecoloxista Adega de suspender as obras do parque eólico Acibal, autorizadas pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, polo achado de restos arqueolóxicos. Isto supón a paralización inmediata desta construción situada entre os concellos de Barro, Campo Lameiro e Moraña, na provincia de Pontevedra.
A sala indicou que “non se aprecia con evidencia que non concorra actuación material da Administración que carece da necesaria cobertura xurídica que lesiona dereitos e intereses lexítimos”, posto que, “aínda que a administración actuante ten cobertura para construír o parque eólico porque conta con autorización administrativa para iso, con todo, carece de cobertura cando, estando a executar as obras do parque se produce o achado de restos arqueolóxicos (petróglifos e demais) e, ante as múltiples denuncias dos veciños, o Seprona e mais da asociación demandante”, non se cuestiona —dado que non contesta os requirimentos de cesamento— “sequera a decisión de suspensión de tales obras”.
Pola súa banda, Adega informou de medio centenar de achados e denunciou unha actitude “pasiva ou incluso obstrutiva” da Xunta para a súa protección. A organización aportou informes sobre que a construción se proxectou nun campo arqueolóxico con “boa parte xa dinamitado” polas obras de Norvento, como é o caso do Couto do Mouro.
Os maxistrados indican que a perturbación aos intereses de terceiros, que aquí coincidiría cos privativos e fundamentalmente de carácter económico propios da promotora eólica, que califican de “loables”, non concorren neste caso, “por canto que os posibles danos pola paralización das obras de construción do parque que explotará no futuro son susceptibles de ser reparados”.
A Sección Terceira non considera que se ocasionen perturbacións aos intereses da Administración, “que representa os xerais de desenvolvemento da enerxía eólica destinada a minorar os efectos do cambio climático”, “pois a paralización provisional a consecuencia dos achados dos restos de interese arqueolóxico non debería, polo seu carácter temporal, conlevar unha alteración ou trastorno de carácter grave”.
O outorgamento da medida cautelar de paralización da actuación administrativa é preceptivo nos recursos contra as actuacións administrativas en vía de feito, como o presente caso.