Xoves 2 Maio 2024

O Consello da Cultura Galega sobre os eólicos de Acibal: “Non se identificou o patrimonio a tempo de evitar os danos”

O informe emitido polo organismo salienta a insuficiencia tanto na identificación como na protección de elementos naturais e culturais

O pasado venres 21 de xullo a Plataforma Amil Sen Eólicos denunciaba a detonación levada a cabo no monte Acibal (Moraña) co obxectivo de iniciar as obras de construción de tres polígonos eólicos: o de Acibal, o de Anduriña e o de Zudreiro.

Agora, atendendo a petición de asociacións como Ecoloxistas en Acción Galiza, Petón do Lobo e Cova Crea, o Consello da Cultura Galega vén publicar un informe onde se pronuncia sobre o impacto de ditos parques eólicos no patrimonio arqueolóxico da zona así como no Humidal das Brañas de Amil e no Curro de Amil.

Publicidade

Protección insuficiente

Tras ter en conta os informes técnicos e medioambientais sobre a zona así como varias resolucións da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a primeira conclusión do Consello da Cultura Galega é a “insuficiencia tanto do recoñecemento dos elementos patrimoniais naturais e culturais, como tamén das medidas de protección destes e da paisaxe“, motivo polo cal instan a administración a proceder ao inventario e protección destes valores naturais da comunidade galega.

Se ben este parque eólico, promovido por Norvento S.L., conta coa autorización administrativa e de construción da Xunta, asinada o 17 de marzo de 2022, o Consello advirte que “foi durante a fase de execución das obras cando se terían identificado bens do patrimonio arqueolóxico afectados polas obras e outras afeccións ao patrimonio cultural e natural que non foran valoradas no proceso de autorización“. Con todo, esta institución tamén aclara que “non puidemos revisar a información relativa ao expediente do parque eólico, custodiada na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por non dispoñer de acceso ao mesmo, polo que descoñecemos se estas eivas están recollidas e se se adoptaron as medidas correctoras necesarias“.

O Consello da Cultura Galega considera que o coñecemento das comunidades locais non foi tido en conta pola administración

Alén, outra das demandas do Consello é que “no proceso de información pública non se valorizan as alegacións que responden a un coñecemento directo da cidadanía da paisaxe cultural. É importante conxugar ambos os dous tipos de coñecemento, o herdado e directo das persoas que manexan eses territorios e o experto, mais a administración só avala nos seus informes o segundo”. Neste sentido, a institución manifesta que o “grande esforzo para documentar o patrimonio natural e cultural afectado polo parque eólico” non foi recoñecido pola administración, negándoselles ás comunidades locais “o dereito a ser parte das decisións que afectan aos territorios nos que viven”. Así, o ditame é claro: “non existe transparencia na toma de decisións”.

As Brañas de Amil

Na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de 2020 foron localizados cinco hábitats de interese comunitario e dous de interese prioritario, establecendo ademais que catro destes serían afectados pola execución do proxecto de maneira permanente. Alén, tamén se sinalou que nesta contorna existen especies catalogadas como vulnerables no Catálogo Galego de Especies Ameazadas: o Narcissus cyclamineus e ata 15 especies de fauna. Na DIA do ano seguinte, tal e como recolle o Consello no seu informe, “prevese o cruzamento de tres cursos fluviais” a pesar de que tamén afirman que, na construción dos eólicos, “non se afectarán os regatos nin as zonas húmidas das Brañas de Amil xa que se deseñaron as vías de acceso para permitir a permeabilidade do fluxo hídrico”.

Alén, segundo o informe do Consello, a avaliación do impacto do parque realizada en 2018 destaca que “a instalación proxectada non afecta a espazos que ostenten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais e que non afecta a zonas húmidas das recollidas no Inventario de zonas húmidas de Galicia”. Non obstante, a documentación remitida polos solicitantes do informe do Consello deixa clara a necesidade de paralizar de maneira cautelar as obras “en tanto non se proceda a delimitación do humidal seguindo criterios hidrolóxicos, edáficos, paleoecolóxicos, sedimentolóxicos e botánicos”. Por outra banda, tras o inicio das obras, puido verse como “o trazado escollido para as vías de comunicación atravesa as turbeiras de Amil e, como consecuencia do corte deses humidais, a auga circula polas pistas, convertendo estas en lameiras”.

“Non se identificou a unidade de paisaxe do tipo turbeira e queirogal húmido nin se avaliou o grao de impacto dentro da área de aproveitamento eólico”

Neste sentido o Consello é claro nas súas conclusións: “a identificación na avaliación ambiental non seguiu a súa inclusión no Inventario de zonas húmidas de Galicia, que tería que realizarse de oficio pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia da Rede galega de espazos protexidos. É necesaria unha definición e aplicación moito máis esixente e con máis garantías das medidas de protección que o que se levou a cabo neste parque eólico”.

Asemade, o informe do Consello tamén fai fincapé en que, a pesar de que o Catálogo das paisaxes de Galicia propón a identificación dos elementos ou composicións que caracterizan cada ámbito de maneira específica de maneira que sirvan para definir as delimitacións de maneira concreta, “no ámbito afectado polo parque eólico Acibal esta tarefa non se realizou nin no Catálogo, nin na avaliación ambiental do ano 2020, nin no planeamento urbanístico que é anterior a este Catálogo. Así, non se identificou a unidade de paisaxe do tipo turbeira e queirogal húmido, malia ser unha das caracterizadas no Catálogo e non se avaliou o grao de impacto dentro da área de aproveitamento eólico sobre os valores paisaxísticos naturais ou ecolóxicos, culturais ou patrimoniais e estéticos ou panorámicos considerados de maneira integrada”.

Patrimonio cultural

Se ben a DIA de 2012, tal e como recolle o informe do Consello, xa facía referencia á existencia de xacementos arqueolóxicos e á obriga de desprazar as gabias do cableado fóra dos seus ámbitos de protección así como de sinalar na cartografía da obra as áreas de risco para poder realizar o control e seguimento arqueolóxico pertinente, hai outros documentos como o Catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Moraña aprobado en 2013 ou o Plan Básico Autonómico actualizado en xuño de 2023 que non recollen ningún dos bens arqueolóxicos identificados -catro petróglifos e dúas fontes-. Así, o informe do Consello tamén recolle que “non se mencionan outros valores culturais no territorio, nin de carácter material nin inmaterial. Na avaliación de impacto da liña eléctrica de evacuación do parque eólico constátase a non existencia de bens do patrimonio cultural no ámbito afectado e conclúese que non é previsible que a liña cause impactos significativos sobre os bens do patrimonio cultural”.

Para o Consello é claro que a falta dunha identificación axeitada do patrimonio arqueolóxico levou a obter unha consideración parcial do mesmo, polo que “cabería preguntarse se os petróglifos de Acibal son elementos illados ou forman parte dunha estación rupestre, polo tanto, dunha paisaxe, elemento clave na comprensión da nosa cultura”. Asemade, tamén sinalan que o programa de seguimento e control “non foi capaz de localizar os gravados conservados na área afectada polo parque eólico. Concretamente, non se fixo a tempo de evitar os danos“.

Precisamente, o informe do Consello tamén recolle a inspección realizada polo arqueólogo Xulio Carballo en oito dos petróglifos presentes na zona, algúns dos cales “atópanse en rochas que xa foron desprazadas ou fragmentadas durante a execución das obras“.

Neste sentido, o Consello apunta a necesidade de que o plan eólico conte cunha prospección arqueolóxica superficial de toda a área afectada polo proxecto de construción que se estea avaliar así como da súa contorna inmediata. Neste caso, advirte, “no parque eólico Acibal non se chegou a realizar unha identificación previa á execución do mesmo do patrimonio cultural, nin do arqueolóxico, nin do inmaterial, e cando se fixo no transcurso das obras, todo indica que se xestionaron os elementos como bens illados da paisaxe, do ambiente e do medio social. Por iso, limitáronse a desprazar un dos eólicos que estaba previsto instalar na zona onde se localizaron restos arqueolóxicos”.

  1. O incumprimento sistemático da normativa sobre Patrimonio e Medioambiental que se desenvolve por parte da Xunta de Galicia en relación cos proxectos técnicos presentados pô-la empresas de enerxías “limpas” fan que se poda asegurar que a maioria absoluta detentada polo Partido Popular no Parlamento Galego ten secuestrada a Galicia en prol de oscuros intereses económicos destes oligopolios enerxeticos e para asegurar as futuras poltronas dos políticos deste partido político corrupto até a médula. Este non é un comentario ofensivo porque a explicación dada tanto polo CCCG como por Patrimonio corroboran con maior claridade o grado de corrupción existente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Dez anos fomentando a curiosidade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

“Un científico excepcional”: así foi o tributo a Juan Rof Codina

Galicia réndelle homenaxe ao pioneiro da veterinaria cun acto sobre a súa figura, un libro, unha revista e unha placa conmemorativa