Son as tres da tarde dun día solleiro no monte Acibal, en Moraña (comarca de Caldas de Reis). De súpeto, unha explosión perturba a tranquilidade desta contorna natural chea de elementos patrimoniais sen protección máis alá que a que lle brindan algúns veciños. Trátase das obras que construirán ata tres polígonos eólicos, o de Acibal, o de Anduriña e o Zudreiro. Concretamente, a detonación foi no Coto do Mouro, lugar onde residía a Pedra da Pisada do Mouro que contén gravados rupestres, unha rocha ademais coa que se asocia unha das lendas deste municipio. Agora, permanece nunha caseta de obra e os veciños descoñecen que farán con ela.
![](https://www.gciencia.com/wp-content/uploads/2023/07/Pisada-do-Mouro.webp)
Dende a Plataforma Amil Sen Eólicos apuntan que os petróglifos e pedras históricas están sen catalogar, de maneira que as obras non están a respectar os elementos patrimoniais. Dende o pasado marzo empezáronse a atopar petróglifos e a asociación xa rexistrou máis de 50 rocas de interese histórico. Denuncian que un arqueólogo non acudise á zona a valorar estes elementos antes de dar luz verde a contrución dos polígonos eólicos. Ademais, nesta contorna tamén se están a ver afectados un humedal, o Río Rons, que nace no monte Acibal, e un rego que xa desapareceu pola instalación dunha subsestación eléctrica. Non obstante, non todo son malas noticias para o grupo de veciños e veciñas activistas, xa que conseguiron parar a colocación dun muíño que ía instalarse a dez metros dun tetrasquel.
“Na declaración de impacto ambiental figura que a empresa tiña que facer unha prospección antes de construír. Ou non a fixeron ou a fixeron mal”, apuntan. En maio, a plataforma presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Pontevedra para poñer en coñecemento da xustiza esta situación. Para Amil Sen Eólicos, o Monte Acibal atópase nun drama medioambiental e patrimonial, de maneira que varios veciños da zona están organizados e loitan contra a instalación dos aeroxeradores. Concretamente, os terreos afectados pertecen a Moraña, pero lindan con Barro e Campo Lameiro. Norvento aprobou aquí a instalación de catro aeroxeradores, unha torre meteorolóxica e unha subestación transformadora cun edificio de control. Proximamente, construiranse o de Anduriña, con nove muíños, e o de Zudreiro, con cinco, promovidos por Green Capital Power.
Tremendo. Menuda transición enerxética verde a que se está a facer. Isto é colonialismo enerxético tomando como desculpa a necesidade de descarbonizar o sistema de produción de enerxía. E as avaliacións de impacto puro papel mollado para lavarse as mans xustificando que se cumpriron os teámites administrativos. Vai a ser peor a cura que a enfermidade…
Esta xente ten nomes e apelidos, as direccións dos seus postos de traballo son facilmente localizables, moitos teñen perfís en redes dixitais.
As accións administrativas e legais estarían moi ben se non estiveran ralentizadas, contaminadas e pirateadas desde dentro até reducir a súa eficacia ao límite. En eso consiste a lawfare que sufrimos e está claro que gaña.