Publicidade
Mércores 14 Maio 2025
Publicidade

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Máis de medio millar de veces entre 2019 e 2023 a ONG SEO/BirdLife presentou alegacións e recursos para frear o aluvión de instalacións eólicas proxectadas en zonas sensibles ao longo da península. Debido á importancia das enerxías renovables nun contexto de cambio climático e a súa despregadura dun xeito responsable, a organización decidiu crear un mapa de compatibilidade eólica e fotovoltaica. Por unha banda, esta iniciativa ten en conta a afección a espazos protexidos e, por outra, o dano á avifauna que poden ocasionar os aeroxeradores. Desta maneira, tomáronse en consideración aquelas zonas que posúen unha figura de protección ou que presentan un alto valor ecolóxico. No caso de Galicia, unha gran parte do territorio que na actualidade alberga eólicos é incompatible ou moi sensible a estas instalacións, segundo a ONG. “En Galicia hai unha zona baixa de Rede Natura 2000. A pesar diso, os espazos son bastantes incompatibles”, explica Ana Carricondo, coordinadora de Conservación da organización.

O informe elaborado, cuxo obxectivo é axudar as empresas e administracións públicas a tomar decisións á hora de elixir o emprazamento dos parques eólicos, representa o recollido no manifesto de Renovables Responsables impulsado por SEO/BirdLife e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O mapa elaborado expón aquelas zonas con maior vulnerabilidade ambiental así como as menos sensibles segundo a información dispoñible. “Debemos resaltar que os mapas están construídos a partir da documentación á que puidemos acceder. Onde non apareza sinalada unha aparente sensibilidade maior non significa que non haxa, significa que a información dispoñible non permitiu determinala”, apunta Carricondo. En xeral, no conxunto da península, só entre un 23% e un 26% do territorio presentan baixa sensibilidade, é dicir, supoñen menos risco para a despregadura “necesaria” das enerxías eólicas e fotovoltaicas.

Publicidade

Para determinar as zonas incompatibles ou de máxima sensibilidade, SEO/BirdLife tivo en conta as masas de auga naturais e zonas inundables; as masas de auga artificiais e zonas inundables con altos valores de conservación; plans de conservación e recuperación de especies; conectividade ecolóxica mediante autopistas salvaxes; Espazos Naturais Protexidos; Rede Natura 2000 —que en Galicia, segundo datos de ADEGA, ocupa pouco máis dun 11%; Áreas Importantes para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA); Zonas de Importancia para os Mamíferos (ZIM); Zonas de Especial Protección de Importancia Mediterránea (ZEPIM); humedais de importancia internacional (zonas RAMSAR); Reservas da Biosfera; e corredoiros de conectividade identificados.

Mapa de eólicos en Galicia. Fonte: Asociación Empresarial Eólica (AEE)

En Galicia, segundo a Asociación Empresarial Eólica (AEE), hai 182 instalacións. O mapa de SEO/Bird Life considera como incompatible a meirande parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño así como a Reserva da Biosfera Sacra e Serras do Oribio e Courel. Con todo, na actualidade podemos atopar aeroxeradores en Serra do Páramo, Cova da Serpe ou Pena da Cruz. Dende SEO/Bird Life inciden en que cada proxecto instalado no territorio aprobou o seu procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental (EIA). “Aínda que se avanzou na forma en que se constrúen e xestionan as instalacións fotovoltaicas ou os sistemas de detección e parada de aeroxeradores, ningunha mellora nestes ámbitos reducirá significativamente o impacto sobre a biodiversidade se se localizan nos lugares inadecuados”, alega Carricondo. “Non se pode deixar todo en mans dun procedemento de EIA que xa saturou todo o sistema sen garantías nin para a loita contra o cambio climático, nin para as especies silvestres, nin para a cidadanía en xeral”, engade.

Publicidade

Pero, por que xa hai instalados éolicos en zonas tan sensibles? Segundo Fins Eirexas, membro da Asociación Ecolóxica para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), é unha cuestión “complexa” que radica en que a planificación eólica pola que se rexe a Xunta está “anticuada e desfasada”. Refírese ao Decreto 302/2001, de 25 de octubro. “Máis de 20 anos despois aínda non se modificou e redactouse antes de que entrara a directiva de hábitats e a designación de espazios ZEPAS. O exemplo máis significativo foron os parques eólicos que se autorizaron sobre as turbeiras do Xistral”, apunta. Para Eirexas, o problema reside na “distorsión” entre a planificación eólica que se creou en 2001 e as ferramentas lexislativas que se utilizan para executar os parques, xa que na actualidade existen novos requerimentos e novas figuras de protección, como as que proveñen de Europa, que antes non estaban en vigor.

“O Ministerio non considerou zonas excluídas de éolicos en Galicia porque non hai plans de recuperación de especies protexidas, por exemplo. Só había catro, 201 especies quedaban fóra. Entón, a Xunta podía instalar facilmente”, indica. É dicir, que os criterios incluídos na Zonificación ambiental para enerxías renovables por parte do Estado, elaborados posteriormente polo Goberno central, son mois “dispares” dos tomados pola Xunta.

No que respecta aos grupos de aves que se ven máis ameazados por estes proxectos se tomaron en consideración, entre outros, o quebrantaosos, o voitre negro, leonado e branco e a aguia perdiceira. Carricondo explica que “Galicia ten presenza de especies ameazadas pero está repartida de maneira homoxénea en comparación co resto da península”. Na actualidade SEO/BirdLife traballa nun mapa de incompatibilidade ambiental para a eólica mariña, e si que apunta que no novo estudo recolleranse moitas máis especies afectadas polos aeroxeradores na comunidade galega. “Con estes mapas queremos contribuír a ordenar a implantación de toda a potencia que aínda queda por instalar, tanto na localización dos proxectos como na construción de novos nudos, e mellorar así as garantías de avanzar na loita contra o cambio climático sen danar a biodiversidade, que tamén forma parte da solución”, apunta Carricondo nun comunicado.


Referencias: Metodoloxía e uso dos mapas de compatibilidade de enerxías renovables

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Labores forestais causan un “grave impacto” nas mámoas protexidas de Penarrubia, en Lugo

Adega e Mariña Patrimonio denuncian ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o dano provocado polos traballos de corta nos xacementos arqueolóxicos

Adega demanda a paralización dun parque eólico por danos a un glaciar rochoso único

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia denuncia o impacto que o proxecto Ruña II, que está a desenvolverse en Mazaricos, tería nun elemento xeolóxico singular dentro da comunidade

Descuberta na illa de Tambo unha especie de musgo única en Galicia

A planta está documentada noutros puntos da península ibérica, como Asturias e a zona mediterránea, e nos arquipélagos de Azores e Canarias

Galicia, o paraíso en disputa entre aves e eólica mariña

SEO/BirdLife advirte que as turbinas eólicas poden supoñer "un grave perigo nun dos corredores migratorios máis importantes do mundo”