Mariña Patrimonio e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) puxeron en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o “grave risco” que afecta varios bens arqueolóxicos, en especial a petróglifos, situados na parroquia de Parada, no concello de Outeiro de Rei (Lugo). Os bens atópanse nun espazo no que se están a desenvolver traballos forestais de corta de piñeiros con previsións dunha posterior plantación de eucaliptos.
O principal risco afecta os petróglifos de Parada. As organizacións denuncian que sobre a rocha onde se localizan hai actualmente troncos de piñeiros xa talados. A corta está a realizarse con maquinaria pesada, “sen que se aprecien medidas de precaución ou protección respecto destes elementos patrimoniais”, informa Mariña Patrimonio.
As organizacións alegan que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ten coñecemento da existencia destes petróglifos dende o ano 2020, cando xa se confirmara a súa autenticidades. Malia isto, aseguran que non foron incorporados nin ao visor do PBA (Plan Básico Autonómico) nin ao visor de aproveitamentos forestais, o que incrementa notablemente o risco de afección ao non constar publicamente a súa existencia.
Máis alá dos petróglifos
Mariña Patrimonio advirte, ademais, que na mesma zona arqueolóxica existen outros bens patrimoniais inéditos para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que poderían sufrir danos no transcurso destes labores forestais.
Sinalan as Medorras de Parrada, das que unha ten unha masa tubular ben definida e conservada e a outra, mantén os chantos da cámara e do corredor, e tamén a súa masa tubular en bo estado. Na contorna destas estruturas existe tamén un número significativo de penas con petróglifos tipo coviñas. Tamén indican a existencia de Medorra das Latas, que conserva chantos da cámara.
As demandas á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural
A asociación considera que todos estes bens arqueolóxicos corren un “risco inminente” de sufrir danos nos próximos días por mor dos traballos forestais que se están a executar nesta zona, polo que solicitou ás administracións competentes que actúen con carácter de urxencia.
Entre as súas peticións inclúense que se comproben de inmediato os feitos denunciados, que se inspeccione a zona afectada e que se adopten as medidas cautelares necesarias para evitar danos ou destrucións nos bens arqueolóxicos citados. Así mesmo, solicita que, de ser o caso, se ordene a paralización inmediata dos traballos forestais na contorna dos elementos patrimoniais afectados mentres non se garanta de forma efectiva a súa protección.

A entidade reclama tamén que se valore a existencia e a protección do resto dos bens aquí sinalados, en particular as Medorras de Parada, a Medorra das Latas e as penas con petróglifos tipo coviñas existentes na contorna.


















