A UVigo na Artemis II: “Cando apareceu a misión no noso espectro foi unha celebración incrible”

O equipo de atlanTTic xerou dez terabytes de información en dez días de seguimento da cápsula Orión polo espazo profundo

O sábado 11 de abril ás 2.07 da madrugada, hora peninsular española, remataba a misión Artemis II cunha amaraxe no océano Pacífico. Atrás quedaban 10 días nos que percorreron 1.117.659 quilómetros, que os converteron nos humanos que máis lonxe viaxaron no espazo, ademais de ser os primeiros en observar algunhas zonas da cara oculta da Lúa. Pero a misión xa rematara unhas horas antes para os integrantes do Grupo de investigación de Tecnoloxía Aeroespacial da UVigo.

“A derradeira vez que tivemos contacto ca nave foi o venres de madrugada, ás 9:54 a mañá, hora española. Ese foi o noso adeus, a derradeira vez que recibimos o sinal antes de que realizara a súa reentrada o venres pola noite. Foi un momento cheo de nostalxia, pero tamén de satisfacción polo traballo ben feito e con moitas ganas de seguir operando desde atlaTTic e a Universidade de Vigo para futuras misións”, explica Fernando Aguado, director do grupo ATRG.

Publicidade

Concluía así un traballo que comezara o 1 de abril cun momento non menos emocionante, como detalla o investigador do grupo Manuel Diz, “estabamos todo o equipo xunto no laboratorio seguindo atentamente o lanzamento do foguete SLS e mirando como se desacoplaban as súas distintas etapas. Ás 3:54 da mañá, hora española, vimos por vez primeira o sinal da misión Artemis no noso espectro e foi unha tolemia e unha celebración incrible. Significaba que o traballo e o esforzo dos últimos meses por fin se materializaran”.

Un fito histórico e un cambio de paradigma

O Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial (ATRG), do centro atlanTTic da UVigo, a través da cooperación establecida coa empresa tecnolóxica española Integrasys, seleccionada pola NASA, encargouse durante 10 días do seguimento terrestre da cápsula Orion, que durante a misión Artemis II, emitiu sinais de radio en banda S que actuaron como un latexo electrónico, captado polas antenas da UVigo e Integrasys.

Publicidade

De “experiencia tremendamente enriquecedora” cualifican os investigadores da UVigo a súa participación a misión Artemis II, xa que “nos permitiu demostrar que as nosas capacidades van moito máis aló do tracking e as operacións habituais con satélites LEO en órbitas baixas. Comprobamos que estamos preparados para traballar e recibir sinais en órbitas de espazo profundo, ou deep space, como foi o caso desta misión, que viaxou á Lúa e regresou. Sinceramente, para o noso grupo isto supón un fito histórico, xa que é a primeira vez que participamos nunha misión destas características”, explica Aguado. 

Dado que o reto lles esixiu reaxustar parte da súa antena para poder optimizar a recepción do sinal a unha distancia tan grande e tamén “abriu a mente e puxo sobre a mesa novas ideas cara a futuras misións no espazo profundo”, facendo que pensen na necesidade de adquirir novos equipos no futuro, como antenas de maior tamaño para realizar este tipo de seguimentos tan esixentes. Os integrantes do grupo ATRG non dubidan en referirse a esta misión como “un cambio de paradigma” para eles. 

10 Terabytes de información

Como o grupo de investigación só podía apuntar a antena cando saía da Lúa, xa que a nave Orion se dirixía a ela, a súa marxe de interacción comezaba cando entraba polo horizonte, entre as dúas e as tres da mañá. “Despois, rematábamos a xornada entre as sete, oito ou nove da noite, dependendo un pouco da posición da nave no traxecto da cada día. Foi un ritmo moi intenso”, recoñecen.

Antena empregada para o seguimento do sinal da nave. Foto: DUVI
Antena empregada para o seguimento do sinal da nave. Foto: DUVI

En canto aos sinais recibidos durante os 10 días da misión, os investigadores de atlanTTic consideran que o dato verdadeiramente importante é a cantidade de información xerada. “Encargámonos de gravar unha parte do espectro radioeléctrico que se atopa nas frecuencias de banda S, o que significa capturar o sinal puro xunto con moitísimo ruído, e iso, tradúcese nun volume de datos enorme”, explica Manuel Diz. Así, aínda que ao principio calculaban que xerarían uns 2 Terabytes diarios, “grazas a que nos fomos reinventando con novas estratexias automatizadas e ao uso de compresión, fomos quen de reducir toda esa información a aproximadamente 10 Terabytes. De feito, a día de hoxe seguimos clasificando, separando, comprimindo e enviando todos eses datos ao equipo de Integrasys”, detalla Fernando Aguado. 

Así mesmo, o director do grupo considera determinante para o éxito acadado a implicación de todos os integrantes do grupo ATRG, así como de xente doutros grupos que colaboraron con eles. “Dentro de atlanTTic somos unha gran familia e sobre todo a quen máis debo agradecer é Manuel Diz e a Pablo Francisco Fernández do grupo COM,  Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, porque foron claves neste proxecto e merecen todo o recoñecemento tanto do centro como da UVigo polo papel fundamental que desenvolveron”.

Inmersos en proxectos espaciais

Finalizada a súa participación nunha misión, na que os investigadores da UVigo aseguran que se sentiron “profundamente impresionados” pola comunicación directa entre naves, en concerto entre Orion e a Estación Espacial Internacional sen necesidade de triangular coa Terra, “un avance tan grande que xa podemos falar de telefonía espacial”, o grupo de investigación rematará estes días o envío de información a Integrasys para, a continuación, regresar ao seu día a día.

Logo dun ano e medio no que se produciu “un verdadeiro boom de proxectos espaciais”, explican, e que os levou a medrar ata superar neste intre as 25 persoas traballando a través de contratos ou realizando teses enfocadas no sector do espazo e as telecomunicación, e con cinco docentes permanentes da UVigo, o grupo céntrase en proxectos “moi importantes, que van desde a participación na Constelación Canaria de satélites, o desenvolvemento de sistemas de comunicacións ópticas para o espazo, ata actividades relacionadas co docking, é dicir, o acoplamento de satélites en órbita, algo que tamén se veu na misión Artemis II”.

Co desexo de poder participar en máis misións de espazo profundo no futuro, os integrantes Grupo de investigación de Tecnoloxía Aeroespacial da UVigo insisten na colaboración como elemento clave para que os seus proxectos sexan un éxito. “Pertencemos a un gran centro de investigación como é atlanTTic, onde tocamos moitísimas iniciativas e colaboramos entre todos os grupos. Manter esa mente aberta e traballar xuntos é o que nos permitirá seguir medrando para converte o centro na punta de lanza da enxeñaría aeroespacial e de telecomunicacións en España, en Europa, e por que non, no resto do mundo?”, sinalan.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Carmen G. Mateo: “Reequilibraremos a carga docente nalgúns ámbitos para beneficiar a investigación”

A nova reitora da UVigo aposta por fomentar a vida universitaria nos campus, captar novo talento e impulsar a excelencia dos seus centros punteiros

Carmen García Mateo gaña as eleccións á reitoría da UVigo

A candidata de Nós Universidade fai historia e convértese na primeira muller á fronte da institución académica

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Unha quinta alumna sinala o profesor da UVigo por suposto acoso sexual: “Acurraloume e abrazoume nun corredor”

Unha nova estudante describe un episodio acontecido durante o curso 2022/2023 co docente da Facultade de Filoloxía e Tradución acusado por ata catro rapazas máis