Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%

A matriculación de mulleres nos graos de Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Vigo (UVigo) experimentou un “aumento significativo” nos últimos catro anos. Na Coruña, por exemplo, a porcentaxe variou entre o 8% e o 13% entre os cursos 2010/2011 e o 2020/2021, ata situarse nun 18% no ano académico actual, correspondente ao 2023/2024. A UVigo está a vivir unha situación semellante pero menos acusada. O número de mulleres matriculadas hai catro anos era dun 13% e no último curso a porcentaxe ascendeu ao 19%. Así o revelan os datos do Barómetro da Fenda de Xénero nos Estudos TIC (BBG-TIC), impulsado dende a Cátedra Interuniversitaria ALDABA-WIB.

“Estes datos parecer reflectir un cambio positivo na dinámica de xénero no ámbito tecnolóxico e unha maior apertura cara á participación feminina nun campo historicamente dominado polo sector masculino”, apuntan fontes da UDC. Segundo continúan expoñendo dende a institución académica, estes datos tamén reflicten o “éxito dos esforzos combinados polas diferentes institucións e a comunidade educativa para superar barreiras de xénero e crear un ambiente inclusivo que fomente a diversidade no ámbito tecnolóxico”. Este é, precisamente, un dos obxectivos da Cátedra ALDABA-WIB, creada en outubro de 2019 pola UDC e a UVigo en colaboración coa empresa ALDABA, que busca potenciar e enriquecer o progreso nas TIC.

Publicidade

Aínda que son cifras alentadoras e representan un paso positivo, dende a UDC cren que hai que tomalas con precaución, e haberá que esperar aos próximos cursos para confirmar que esta tendencia ascendente na matriculación de mulleres se mantén no futuro. “Aínda existen grandes desafíos a superar para lograr unha representación equitativa de xénero na Enxeñaría Informática”, indican. A Cátedra continúa co seu compromiso para promocionar a crecente participación das mulleres no desenvolvemento e o establecemento de canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa.

Un barómetro para reducir a fenda de xénero

O barómetro BBG-TIC é unhas das iniciativas que puxo en marcha a Cátedra para reducir a fenda de xénero. Esta ferramenta web gratuíra reflicte graficamente, e permite consultar filtrando por diferentes criterios e ámbitos temporais, a evolución da baixa representación feminina nos estudos de enxeñaría TIC, en comparación co resto dos eidos. BBG-TIC está en constante evolución, incorporando os novos datos de matriculación, resultados académicos, etc., que publican as administracións públicas educativas, e permite avaliar se as medidas que desde os diferentes estamentos da sociedade se están a levar a cabo para reducir a fenda están tendo éxito ou non.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo mapa guía a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria en Galicia e Portugal

A ferramenta, desenvolvida con participación da UVigo, emprega a IA para identificar recursos e detectar novas oportunidades de aproveitamento

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo