Descuberta en Castroverde a que pode ser a necrópole medieval máis grande de Galicia

De novo a casualidade xogou a favor do patrimonio galego. Nesta ocasión foi no concello lucense de Castroverde, onde traballadores dun taller de emprego realizaban tarefas de consolidación das ruínas da casa reitoral de San Miguel do Páramo, no lugar de Eirexe. Foron eles os que alertaron da aparición duns “ocos de aspecto antropomorfo” que poderían ser tumbas.

Dada a voz de alarma, foi a propia arquitecta municipal quen elaborou un primeiro informe técnico  que remitiu á Delegación de Cultura da Xunta de Galicia.  Logo procedeuse a realizar unha escavación básica de control, a ceo aberto —rebo e limpeza da zona— baixo a supervisión do arqueólogo Francisco Hervés sacando á luz unha necrópole medieval. Ata o momento foron localizadas e documentadas 27 tumbas antropomorfas, pero presumiblemente hai moitas máis.

Publicidade

Das 27 sepulturas, catro estaban pechadas coa cuberta intacta e o resto violentadas e rotas polo paso do tempo e de construcións posteriores. Francisco Hervés retirou a tapa de dúas delas que darían sepultura, polas súas dimensións e características, a un adulto presumiblemente unha muller e un neonato e a un rapaz de 11 ou 12 anos. Estaban baleiras, sen restos humanos aínda que si con indicios dunha posible descomposición de corpos; sen restos de cadaleitos (madeira, cravos) o que avala a tese de que foron enterrados amortallados e sen restos de enxoval, o que dificulta a datación cronolóxica do achado. Todos os sepulcros están sinalizados cun cuarzo branco.

“É unha necrópole excepcional, son tumbas antropomorfas aliñadas arredor dunha rúa principal da que saen outras rúas e ademais ten unha dimensión inhabitual: podería haber ata 300 tumbas” subliña Hervés. De confirmarse esta cifra estariamos a falar da necrópole máis grande de Galicia.

Publicidade

As tumbas antropomorfas son comúns no século VI pero o feito de que estean ordenadas en dirección suroeste-noroeste (entre a casa reitoral asentada sobre un castro e a igrexa parroquial)  e a súa extensión alimenta a tese de que estamos fronte a un poder político ou eclesiástico importante o que nos leva ata a plena Idade Media, séculos XI-XII.

Necrópole de Castroverde. Vídeo de Fortes & Hervés

“É unha necrópole excepcional, son tumbas antropomorfas aliñadas nunha rúa principal e cunha dimensión inhabitual”

FRANCISCO HERVÉS, arqueólogo ao fronte da excavación de control

Por diante queda un amplo traballo multidisciplinar que delimite a necrópole, determine o número de enterramentos e características e analice e ache posibles restos humanos ou arqueolóxicos que axuden a construír a historia e evolución do que podería ser a maior necrópole medieval de Galicia.

A decisión de realizar unha campaña arqueolóxica en profundidade transcende ao Concello de Castroverde, que trasladou toda o expediente á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, que ten a última palabra, ademais dos recursos para acometer a intervención.

Antes disto adoptaranse medidas de protección do xacemento cara o inverno e prevese a apertura a medio prazo dunha “xanela arqueolóxica” para que poida ser visitado.

A necrópole de San Miguel do Páramo é a terceira localizada neste concello lucense, despois da do lugar de Recesende, con oito sepulturas e a de Goi, con tres. É o concello da provincia, xunto co do Corgo, con máis enterramentos medievais, subliñan desde a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde.

Por toda Galicia

“En realidade Galicia é unha gran necrópole” sinala Ana Filgueira, antropóloga e membro da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), quen apunta exemplos de conxuntos funerarios senlleiros en todas as provincias. Namentres que en Castroverde está o recentemente descuberto conxunto de San Miguel do Páramo; no concello ourensán de Esgos atopamos os sartegos escavados na pedra, no interior e exterior do mosteiro de San Pedro das Rochas, o máis antigo de Galicia ou en Parada do Sil, unha das principais necrópoles rupestres da Ribeira Sacra: a de San Vítor de Barxacova, con medio centenar de sepulcros antropomórficos.

“Galicia ten máis necrópoles e restos arqueolóxicos porque é o territorio máis aproveitable e aproveitado de España”.

CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ-COTO, arquitecto e portavoz de Apatrigal

Se diriximos a mirada cara a provincia da Coruña hai que citar á Quintana dos Mortos de Santa María A Nova de Noia, unha necrópole gremial única, declarada monumento histórico-artístico nacional no ano 1973. E xa centrados na provincia de Pontevedra, atopamos a necrópole sueva do Adro Vello, no Concello do Grove, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) ao principio deste ano.

A proliferación de necrópole e pegadas de asentamentos humanos na nosa comunidade autónoma ten unha clara explicación para o arquitecto e presidente de Apatrigal, Carlos Henrique Fernández- Coto: “Galicia sempre terá máis necrópoles e restos arqueolóxicos porque é o territorio máis aproveitable e aproveitado de España”. Só hai que fixarse na dispersión histórica e presente da súa poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia aspira a construír un prototipo para o futuro colisionador de partículas do CERN

O IGFAE coordinaría a iniciativa xunto á colaboración da Xunta e do CDTI nunha acción estratéxica para a I+D+i na comunidade

A Coruña reunirá a elite da cosmoloxía mundial na semana da eclipse total de Sol de 2026

O congreso ‘New Frontiers in Cosmology’ atraerá 250 especialistas procedentes de centros de referencia como Harvard, Brekeley ou Princeton

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas