A illa de Cortegada, e os illotes que a rodean, atópanse no interior da ría de Arousa e próximos á desembocadura do río Ulla. A diferenza do resto de illas do Parque Nacional, Cortegada atópase protexida das ondas e dos fortes ventos, o que lle aporta un relevo baixo e unha contorna de areais e planicies rochosas. No seu interior hai unha aldea abandonada, unha ermida e o bosque de loureiro máis grande da Península Ibérica. Ademáis, no illote da Malveira Grande consérvase unha das poucas carballeiras insulares da costa atlántica.
O primeiro lugar que atopamos en Cortegada é unha pequena praia, ao lado do peirao, na que se ubican as ruínas dunha ermida de pedra do S. XIV. Ten un escudo, na súa fachada principal, de Fernando de Andrade e Sotomayor, por aquel entón, arzobispo de Santiago de Compostela. A illa de Cortegada ofrece un espectáculo para os sentidos. No corazón mesmo da illa garda un segredo centenario: un bosque que recende a marisco e laurel.
Pero Cortegada tamén ofrece pegadas históricas, comezando polo mundo clásico. Esta illa, sita na ría de Arousa, xunto co río Ulla, constituía xa unha importante entrada marítimo-fluvial cara ao interior de Galicia para gregos, romanos e árabes. Durante a Idade Media, a ría de Arousa foi utilizada por normandos e musulmáns nas súas invasións a Santiago de Compostela. En Cortegada erixiuse unha das numerosas torres de defensa que a igrexa dispuxo ao longo da ría, da que lamentablemente xa non quedan rastros actualmente. No s. XIV erixiuse a Ermida da Virxe dos Milagros, que foi lugar de peregrinación de persoas doentes. No s. XVII reconstruíuse a ermida no emprazamento no que hoxe podemos atopala, ao lado do peirao, na entrada á praia. A principios do s. XX, a illa pasa a mans da coroa. Tras isto, Cortegada cambia de mans numerosas veces, ata que finalmente, no 2002 é declarada Parque Nacional e posteriormente mercada pola Xunta de Galicia, para que todos poidamos desfrutar do seu gran valor natural.
Punta Corveiro é o extremo norte da illa de Cortegada
Tradición Xacobea
O cruceiro de Punta Corveiro, situado xunto a ermida, é unha das 14 estacións que conforman o viacrucis marítimo que conmemora a ruta do mar Xacobea. Cortegada ten unha gran importancia na tradición marítima xacobea, posto que forma parte da Ruta Marítima da Translatio, relatada no libro III do Códice Calixtino. Esta tradición rememora como uns discípulos de Santiago trasladaron en barco os restos do Apóstolo ata Galicia, onde sería finalmente desembarcado no porto fluvial de Padrón, continuando o camiño a pé, ata a cidade de Santiago de Compostela. A illa da Corticata, aínda hoxe, forma parte da ruta marítima do Camiño de Santiago, que é percorrido por un número crecente de navegantes cada ano.
Sabías que?

A primeira referencia á illa de Cortegada atopámola no século I d.C, cando Plinio o Vello a bautiza co nome de Corticata. Unha ánfora, tamén do s. I, atopada por un mariñeiro en 1957 nas augas que rodean a illa, dá testemuña do paso romano por este lugar, aínda que non existen evidencias de ningún asentamento. Ademais de romanos, é ben sabido que gregos e árabes encontraron na ría de Arousa unha importante ruta marítitmo-fluvial cara ao interior de Galicia.
Devoradores de madeira

Os xilófagos son un tipo de coleópteros (escaravellos) devoradores de madeira, que xogan un papel moi importante nos ecosistemas forestais do PN. Destaca o espectacular escornabois ou vacaloura (Lucanus cervus), que pode acadar ata nove centímetros de largo.
A maioría están catalogados como protexidos en toda Europa. Dada a súa predilección polas especies autóctonas e a súa necesidade de madeira morta para alimentarse, o escornabois só se atopou na illa de Cortegada, por ser esta a que mellor conservación das árbores autóctonas mantivo.