Martes 21 Maio 2024

O cine familiar, a resistencia cultural das vilas galegas

Santiago Díaz e Concha Candán son propietarios do Cine Avenida en Caldas de Reis, a primeira multisala dun concello galego de menos de 10.000 habitantes

Hai case 40 anos, Santiago Díaz acendía o proxector de 35 milímetros que reproduciría a película Tootsie (1983). Baixo os seus pés sentaban os primeiros asistentes na reapertura do Cine Avenida, en Caldas de Reis. En 1942 o local fora unha sala de espectáculos que acollía tamén teatro e concertos, pero Díaz e a súa muller Concha Candán decidiron darlle unha segunda vida, convertendo aquel pequeno recinto no primeiro cine con dúas salas dun concello galego de menos de 10.000 habitantes. Non se equivocaron na idea. O Cine Avenida triunfou e as súas salas enchíanse todas as fins de semana. Na actualidade, Santiago e Concha e agardan sentados polos clientes, que acoden a contagotas. Saben que está chegando a hora de baixar o enreixado da súa segunda casa. “Temos que pensar en pechar”, di Santiago, mirando á súa compañeira.

En 1958, o edificio acollía un negocio familiar de espectáculos. Ademais de cine, había sesións de teatro e concertos.

Unha fotografía colgada no recibidor do cine lembra os “Espectáculos Avenida”, un negocio que empezou a súa andaina no ano 1942 en mans da familia Anido. Na imaxe, as vacas pasean por diante daquel edificio de pedra onde se estaba exhibindo El boxeador (1958). A familia Díaz-Candán decidiu mercar o inmoble case por casualidade. Foi un familiar de Concha quen influíu na adquisición desa antiga casa de espectáculos para restaurala.

Publicidade

Ela era unha amante empedernida da sétima arte e decidiron acondicionalo e abrilo. A partir de 1985, as grandes pantallas do Cine Avenida atrapaban os veciños que, ata o momento, ían ver as estreas ás cidades. Por iso, en 1992, os propietarios decidiron habilitar outra sala. “Non tiñamos nin idea de como levar un cine. Explicáronme como funcionaba o proxector de 35 mm en dez minutos”, conta Santiago Díaz na cabina, mentras que pon en marcha o potente aparato. Agora só o acende en ocasións especiais, como cando hai visitas de grupos escolares, pois foi substituído por dous proxectores dixitais de última xeración que ofrecen películas en dúas e tres dimensións e son envolvente Dolby 7.1.

O matrimonio compatibilizou os seus traballos co cine as fins de semana. Concha incide que, dende a pandemia, o sector cinematográfico feriuse e aínda non foi quen de recuperarse, non só nas vilas, tamén nas cidades. Aínda que poida parecer o contrario, a súa clientela máis fiel son os pequechos e entre as películas que máis éxito teñen enmárcanse as infantís e as galegas. Con todo, estes factores non son suficientes para facer rendible o negocio. “Nós tiñamos que deixar isto, se seguimos é por amor ao cine”, conta Santiago. Non sabe explicar que é o que ten ese oficio, pero o matrimonio non se imaxina o día no que xa non teñan que escoller películas, colgar os carteis, os novos horarios e falar cos seus clientes do que viron e escoitaron nesas catro paredes. Entre os proxectos máis próximos están a dixitalización das carteleiras e a creación dunha páxina web. Ambos propietarios síntense moi orgullosos de seguir ofrecendo cine a “tantas xeracións”, por iso cren que os Cines Avenida xa forman parte da historia da vila e a comarca de Caldas de Reis.

A afluencia actual en Cine Avenida avisa de que a súa idade de ouro quedou moi atrás. Cada vez hai menos espectadores, en ocasións non superan os tres por filme. Non é algo que teña que ver cos prezos, posto que unha entrada custa catro euros nos días de semana, dous euros cincuenta menos que a cidade máis próxima, Vilagarcía de Arousa. “Somos do máis barato que hai en Galicia”, contan. O matrimonio postula que as plataformas fixeron un fraco favor ás exhibicións cinematográficas e que o cine familiar, ese que reunía a veciños e achegados os domingos, sofre moita competencia das multisalas das cidades. Os donos son conscientes de que Cine Avenida necesita unha serie de reformas, pero cren que, nestes momentos, xa non lles compensa investir nelas. Na súa opinión, o cine funciona “en función da xente que hai na vila”. Poñen de exemplo lugares como Redondela ou Marín, onde non hai cine. E outros como Lalín, que tiveron que pechar por falta de clientela.

Santiago Díaz e Concha Candán. Foto: Alba Tomé

Tódolos luns, Santiago chama a Luis Rivadulla, propietario de Minicines Central, na Estrada, para preguntarlle como foron as proxeccións cinematográficas da fin de semana. Rivadulla rexenta un cine familiar que goza de boa saúde, aínda que recoñece que houbo momentos moi malos e que grazas á axuda do concello poden continuar proxectando películas. “Dende comezos do 2000, os cines das vilas pequenas foron desaparecendo. Hai perdas abismais porque custa estar ao nivel das cidades”, alega.

Con todo, sostén que estes pequenos establecementos contribúen cunha oferta cultural necesaria para as vilas, e tamén, para a difusión do galego entre as xeracións máis novas. Amais, a carteleira é diversa e a calidade de audio e son non teñen nada que envexar a outras salas. “Igual unha familia non se pode permitir ir a Santiago e pagar por ver unha película. Pero si que pode achegarse ao cine do seu concello. Non lle imos cobrar 8 euros por unha entrada, porque é algo inviable”, explica Rivadulla, quen ten tamén moito en conta a estética de Minicines Central. Para el, detalles como que haxa pipocas quentes ou refrescos fríos, marcan a diferenza entre as salas.

O hábito de ir ao cine mudou tanto que Rivadulla apunta que coñeceu a rapaces de 15 anos que nunca estiveron diante da gran pantalla. Unha das actividades que ofrecen dende Minicines Central é coloquios, algo que atrae moito á poboación. Iso si, aínda que poida haber cousas en común —como que as comedias galegas funcionan moito—, os intereses entre as vilas cambian. Concha Candán considera que en ocasións é cuestión dunha “moda” e que acudir ao cine consolidouse na actualidade como unha práctica “puntual”. “Se fai así todo o mundo… O máis probable é que só sobrevivan as multinacionais”, engade.

Concha Candán e Santiago Díaz. Foto: Alba Tomé

Os cines familiares son negocios de proximidade. Tanto os propietarios dos cines de Caldas ou da Estrada saben que non é viable ofertar nunha vila cinco salas de proxección. Basta cunha ou dúas con varias sesións e oferta variada e despois, boa conversa trala película. Concha ve moitos filmes. Santiago uns cantos menos, di que el está a todo menos á película, pero desfruta da parte técnica. O cine, para eles, é algo que arrola. “Vaite levando”, contan. “Non imos estar ata os 80 anos, pero é unha decisión que imos pospoñendo”, explica Concha. “Isto obríganos a saír de casa e estar entretidos. Hai xente que vai de excusión co Imserso, a min non se me pasa pola cabeza”, conta Santiago, entre risas.

O propietario, antes de mercar o cine, cantaba no grupo ‘Samba’. Mercara por aquel entón unha guitarra pero cando adquiriron o edificio deixou de lado a súa paixón pola música. Ao xubilarse, quitoulle pó ao instrumento e púxose a cantar todo o que o traballo non lle permitira ao longo destes anos. En honra á súa vila, por onde transcorre a peregrinaxe xacobea, gravou o disco “O Camiño”. Como non podería ser doutra maneira, está colocado no mostrador do cine, como todas as cousas importantes. E aí seguirá, quen sabe ata cando.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Pra que non morra na memoria dos tempos, propoño outra entrevista ao dono do cine de Leiro (O Ribeiro), aínda en activo. Este non é de vila (ou rururbán), este é rural 100%

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo cambiará de maneira radical en Galicia: volve a chuvia e caen as temperaturas 10 graos

A partir do luns, unha fronte fría asociada a unha borrasca atravesará a comunidade

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Unha dorsal anticiclónica disparará os termómetros por riba dos 30 graos

O mércores e o xoves serán os días máis calorosos da semana, con valores térmicos que superan a media de maio

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos