Mércores 22 Maio 2024

Unha galega descobre compostos fluorescentes capaces de detectar explosivos

Valeria Alonso Triñanes, natural de Boiro, foi galardoada co premio ao mellor Traballo de Fin de Grao 2023 pola súa investigación

A pesar de non ser a súa primeira opción, Valeria Alonso Triñanes (Cabo de Cruz, Boiro, 1999) foi galardoada co premio ao mellor Traballo de Fin de Grao 2023 convocado polo Colexio Oficial de Química e Enxeñaría Química do País Vasco, Burgos e A Rioxa. Esta historia comezou cunha rapaza á que lle encantaban as ciencias, mais que non era quen de escoller dentro delas. Ao entrar en bacharelato decantouse pola física, chegando inclusive a repetir selectividade para tratar de acadar a nota de acceso para dita carreira. Aínda que este segundo intento tampouco saíu como ela esperaba, decidiu pedir praza en varias universidades para estudar química e aí acabou por namorarse: “Non me arrepinto para nada. A visión que tes no instituto non ten nada que ver coa realidade que estudamos despois. Ao afondar, gustoume máis”, explica.

O seu traballo leva por título Novos derivados de BODIPY con potencial aplicación para a detección de especies oxidantes e presenta un conxunto de derivados do 8-(4-azidophenyl)-2,6-diiodo-BODIPY, sintetizados e caracterizados durante a elaboración deste estudo, que poden utilizarse como sensores químicos.

Publicidade

A ciencia detrás dos BODIPYs

Cando chegou o momento de decantarse por algunha liña para levar a cabo o seu traballo, Alonso Triñanes deu co grupo SUPRABUR: “De entre todas as que me ofrecían, chamoume a atención a investigación que tiñan arredor de compostos para a detección de explosivos. No momento non dixen nada porque pensei que non ía saber facer o que me estaban pedindo, polo que preferín preguntarlles se tiñan algunha preferencia porque me centrara nalgunha liña en concreto. E dixéronme que, se me gustaba, estaría ben que me metera na liña de explosivos”.

En concreto, os denominados BODIPYs son compostos químicos que presentan propiedades como estabilidade térmica e fotoquímica, un alto rendemento cuántico de fluorescencia, absorción intensa, escasa formación de estado triplete, alta solubilidade e robustez química. Por todo isto, “son un tipo de compostos moi interesantes e que foron utilizados en numerosos campos e para todo tipo de aplicacións, dende o visionado de imaxes ata as terapias fotodinámicas. Ao ser tan versátiles, podes levar a cabo moitos tipos de reaccións para obter subprodutos válidos para ser utilizados en eidos moi diferentes”.

A idea de utilizalos no campo da detección de explosivos xurdiu despois dunhas aulas de experimentación na materia de Química Orgánica: “Traballamos con eles, vimos que eran moi fluorescentes e que son relativamente doados de facer. Como non había ninguén no grupo de investigación que o estivera facendo nese momento, decidimos continuar por esta vía”. Así, decidiron centrarse en realizar diversas probas para ver se sería posible utilizar estes compostos para a detección de triperóxido de triacetona (TAPT), unha substancia altamente explosiva.

“Foi proba e erro constante. Era un tipo de síntese que na bibliografía xa daba moi pouco rendemento. Fomos probando e mudando todas as condicións: o disolvente que utilizabamos, o tipo de atmosfera na que se facía a síntese… Concretamente, na molécula que eu tiña, estaba tendo baixos resultados, mais non moi afastados do que se estaba dando noutras publicacións. De feito, houbo algún produto que non puiden engadir no traballo porque se degradaba. Facíamos a síntese, purificabamos e o conservabamos illado, nunha atmosfera inerte, a baixas temperaturas e tapado da luz, e aínda así degradábase. E o por que non o sabemos, a pesar de facer moitísimas probas cambiando as variables. Era moi frustrante e para min xa non era por poñelo no traballo, converteuse nunha cuestión persoal”, afirma.

Con todo, Alonso Triñanes foi quen de atopar un par de compostos capaces de producir unha fluorescencia característica en presenza do TAPT, a pesar de que tamén lle gustaría poder ter realizado máis probas para determinar se podería estenderse o tempo de vida destes compostos en estado triplete para poder ser utilizados na terapia fotodinámica.

Expectativas de futuro

Agora, coa carreira xa rematada, Alonso Triñanes busca continuar pola vía da investigación: “A miña idea era entrar nun máster en setembro do ano pasado, pero como estiven facendo prácticas no verán tiña que enviar o informe e que o aprobaran na mesma semana, ademais de pedir o título e buscar piso. Non deu tempo, polo que decidín traballar durante este curso para aforrar para o máster e comezalo este setembro. Agora, grazas ao premio, xa podo pagar a matrícula“.

Neste proceso de busca de traballo para poder custearse os seus estudos tamén apareceron algunhas dificultades, habituais tanto no seu sector coma noutros, e que nos últimos anos supuxeron un motivo de queixa para os novos profesionais: “A maioría das ofertas piden máis de sete anos de experiencia laboral ou experiencia con cuestións que non damos na carreira, especialmente relacionadas con programas informáticos ou máquinas que traballan técnicos especializados, e non nós. Está moi complicado, porque se ninguén me dá a oportunidade claro que non vou ter experiencia“.

Non obstante, a elección do máster foi bastante máis doada. “Na Universidade de Burgos teñen algúns moi xenéricos ou practicamente xa Química Avanzada. Na Universidade de Santiago de Compostela (USC) teñen dous que me interesan máis: en Química Orgánica, a área na que fixen o meu traballo; ou en Investigación Química e Química Industrial, o que máis me interesa”, manifesta. Ademais, a estudante sinala que hai unha diferenza importante de prezos no que respecta ás matrículas de ambas universidades, un factor que tamén valorou e que a axudou a decidir entre volver á terra que estraña ou permanecer coas súas amizades, compañeiras e grupo de investigación. A longo prazo tamén afirma que “se o tempo quere e os cartos tamén, gustaríame facer un doutoramento“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas