O faro de Sálvora, localizado no extremo sur da illa, é unha das marcas luminosas máis importantes da entrada á ría de Arousa. Enfrontándose dende hai máis dun século co mar, foi testemuña dunha das maiores catástrofes marítimas que tivo lugar nas costas galegas. O naufraxio, en 1921, do vapor Santa Isabel.
Este faro está considerado un dos máis importantes de toda a costa Atlántica, xa que evita que as embarcacións poidan colidir con ela en días de baixa visibilidade ou noites sen lúa. Situado na parte máis saínte, ao sur da illa, no lugar coñecido como Punta de Besugueiros, orixinalmente foi pensado coma unha pequena luz local no ano 1847. Só seis anos despois se erixiría o faro neste lugar. A instalación do primeiro faro en Sálvora tivo lugar no ano 1852. Tiña un alcance de ata 10 millas. Constaba de estancias para os fareiros, un almacén e unha torre hexagonal cunha pequena balconada na parte superior.
Trala expropiación da illa por parte do Estado en 1904, comezou a construción dunha nova torre, mais o novo faro non entrou en funcionamento ata 1921. Dous anos despois, algunhas rochas circundantes interceptaban a súa luz polo que tiveron que ser dinamitadas, e en 1926 instalouse un novo radiofaro. Sálvora mantívose habitada ata o 2017, cando os últimos habitantes, os fareiros, decidiron marchar. Dende entón, o faro de Sálvora funciona cun control automático en remoto.
O naufraxio máis grande de Europa

A poucos metros do faro atópase unha placa en lembranza do naufraxio do vapor Santa Isabel. Pertencente á empresa barcelonesa Transatlántica Española, o barco cubría a ruta Bilbao-Cádiz con 269 persoas a bordo. O forte temporal que azoutaba as costas galegas durante a madrugada do 2 de xaneiro de 1921 provocou que o vapor batese contra as rochas, preto do faro de Sálvora. Ante a magnitude do desastre, algúns pasaxeiros comezaron a lanzarse ao mar para chegar á costa, porén, moitos morreron dentro da embarcación sen sequera ter a oportunidade de loitar polas súas vidas. O balance final deixou o estremecedor cómputo de 213 mortos e 56 superviventes, sendo calificado pola prensa europea como “O Titanic de Europa” 40 meses despois do seu afundimento.
Observar o lagarto arnal

Entre a fauna terrestre que podemos atopar en Sálvora destaca o fermoso lagarto arnal (Timon lepidus oteroi), un dos reptís máis emblemáticos do Parque Nacional. As súas cores alternan vistosas cores verdes e negras, coas súas características pintas azuis no seu lombo.
Cun tamaño medio de ata 20 centímetros sen contar o rabo, é o lagarto máis grande de Europa.
Grazas ao illamento do continente, a especie presente en Sálvora posúe características propias, como un maior tamaño respecto aos seus veciños continentais.