As ruínas da aldea de Cortegada, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, dan idea de como o illamento ao que se vían sometidos os seus habitantes fixo que desenvolveran unha forma de vida baseada na subsistencia. Debido á ocupación relixiosa, e grazas á auga doce que nacía na illa, estableceuse nela unha aldea da que aínda se conservan os muros de moitas casas, ademais de prensas, moas ou os pés dalgún hórreo.
A aldea contaba cunhas vinte casas. Os seus habitantes tiñan, entre as súas actividades económicas, a pesca, o marisqueo, a agricultura e a gandería. Por iso, a paisaxe da illa daquela época, e ate o momento do abandono, distaba moito do que podemos ver na actualidade. As escasas árbores e os cultivos minifundistas predominaron ata principios do século XX. Na aldea tamén había unha fonte, un lavadoiro e un pozo, que permitían aos habitantes da illa ter acceso a auga doce.
As fincas estaban adicadas a hortas, millo e viñedos, e as artesas de pedra que aínda quedan entre as casas, son testemuño do coidado das vacas, galiñas e ovellas. O feito de ter gando, labrar a terra, producir madeira e pescar, permitíalles ser autosuficientes, posto que saír da illa, ás veces, era imposible. A única posibilidade para ir ao continente era facelo a pé, durante a baixamar, cando se formaba unha franxa de area na que quedaba ao descuberto o fondo mariño. Este camiño permitíalles empregar carruaxes para conseguir alimentos; por iso esta senda é coñecida co nome de “camiño dos carros”.
Árbores que curan

No bosque que rodea a aldea atópanse distintas especies árboreas popularmente empregadas na illa como remedios fronte as enfermidades. Destacan o espiño (Crataegus monogyna), que regula a tensión arterial; o aliso (Alnus glutinosa) para tratar pés doridos ou as picaduras, ou o loureiro (Laurus nobilis), para combater as enfermedades estomacais.