O CSIC localiza na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos

Grazas ás tarefas do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), estes achados serán incluídos eventualmente no inventario arqueolóxico de Galicia

O Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), localizou na provincia da Coruña 180 posibles sitios arqueolóxicos. Así o notificou aos servizos de Arqueoloxía da Xunta de Galicia co obxectivo de que poidan ser revisados polo seu persoal técnico de cara a súa eventual inclusión no inventario arqueolóxico de Galicia.

O achado é un dos principais resultados do proxecto HINTERLAND. Recoñecendo a actividade humana fóra dos castros da Idade de Ferro do Noroeste ibérico”. Liderado polo INCIPIT, conta coa participación de investigadores das universidades de Durham, Exeter, Politécnica de Madrid e Instituto de Arqueoloxía de Mérida, e o financiamento da Axencia Estatal de Investigación.

Publicidade

Iniciouse en xaneiro de 2022 e concluirá en decembro de 2024. O seu obxectivo xeral é pescudar que facían os habitantes dos castros fóra dos límites das murallas e que tipo de restos arqueolóxicos da época poden existir no seu exterior. Os investigadores principais do traballo son César Parcero Oubiña e David González Álvarez.

O proceso do achado

“Analizamos a contorna dos xacementos castrexos nunha área total de 1000 km², identificando elementos arqueolóxicos descoñecidos ata o momento. Identificámolo mediante o emprego de ferramentas como imaxes de satélite ou datos Lidar”, explican os investigadores do INCIPIT.

Publicidade

Con esas ferramentas de arqueoloxía non invasiva buscan elementos arqueolóxicos que poidan ser visibles, por exemplo, en imaxes aéreas ou de satélite. Iso permitiu localizar non só centenares de posibles indicios de elementos na contorna de moitos castros, senón tamén trazas de ao redor de 180 posibles novos sitios arqueolóxicos que non figuran na versión publicamente accesible do inventario arqueolóxico de Galicia. “Algúns destes indicios apuntan a tipos de sitios ben recoñecibles, por exemplo varias ducias de novas mámoas ou mesmo uns 20 novos castros. Outros son trazas máis dubidosas, que poden ser ou non sitios arqueolóxicos reais, e que requirirían dun traballo de confirmación sobre o terreo”.

Nos próximos meses o equipo do CSIC realizará traballos de campo nalgúns destes sitios para tentar alcanzar máis información que axude a entender mellor a que poden corresponder algunhas destas evidencias. Ademais diso, os investigadores do CSIC apuntan “ao interese que podería ter no futuro seguir potenciando o emprego destas técnicas non invasivas como unha forma complementaria de mellorar o coñecemento do rico patrimonio arqueolóxico de Galicia”.

1 comentario

  1. Uno deles debe ser no monte que hai ó lado do CHUAC, Curramontes. Cando eu volvia do intituto, parábame a mirar a ría dende unhas pedras, q tiñan un círculo, q xuraría q era un petrolrifo. Naquel momento non souben a quen avisar ou onde preguntar. Uns anos despois se planeou nese monte unha urbanización. E parece ser q se descartou a idea polo achado duns petroglifos. Pensei que xa alguén tomara conciencia do tema, e q xa estaban a salvo.
    Pero chegou o delirio do NOVO CHUAC. E xa dan igual pretroglifos, achados, historia… xa da igual todo. Cando se veñen eleccións próximas, o candidato de turno, se agarra o Novo CHUAC, que NINGUÉN QUERE AHÍ. Non me creo q non saiban q están alí. Pero eu sigo sin saber a quén recurrir. E as excavadoras xa andan pronto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista