Galicia, o paraíso en disputa entre aves e eólica mariña

SEO/BirdLife advirte que as turbinas eólicas poden supoñer "un grave perigo nun dos corredores migratorios máis importantes do mundo”

A finais do ano pasado, aprobábase a ampliación da superficie mariña protexida en España: un total de 9,3 millóns de hectáreas pertencían xa á Rede Natura 2000 no mar, avanzando cara o compromiso 30×30, que implica chegar ao 30% do territorio mariño e terrestre mundial protexido para o ano 2030. Unha das consecuencias deste fito para a conservación da natureza foi a unión e ampliación das Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) das costas galega e cantábrica occidental, constituíndo un único espazo, o chamado “Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental”.  

SEO/BirdLife vén de facer comentarios a seis novos proxectos que plantexan parques de enerxía eólica mariña na costa galega. Os proxectos faríanse en áreas cun alto valor ecolóxico e, de ser tramitados e autorizados, “poderían supoñer un grave perigo para as aves que viaxan por un dos corredores migratorios máis importantes do mundo”.

Publicidade

Chámanlle a autoestrada do noroeste a causa da súa importancia como ruta migratoria. Segundo a ONG, centos de miles de aves pertencentes ata a 40 tipos distintos de especies cruzan esta rexión cada ano, especialmente na época que abrangue ao seu paso post-nupcial, entre finais do verán e o comezo do outono. O furabuchos pequeno, a palleira rabilonga ou a palleira de MacCormick, moi estrañas no resto da península, pódense atopar dun xeito regular na zona do corredor. 

O seu valor dende o punto de vista da biodiversidade é innegable. Asemade, esta rexión da costa galega tamén e interesante dende o punto de vista enerxético, e boa proba disto é que na marxe desta nova ZEPA que une os territorios de Galicia e Asturias, designáronse ata oito Zonas de Alto Potencial para o Desenvolvemento da Enerxía Eólica Mariña (ZAPER).

Publicidade

Galicia, punto covizado polas empresas renovables

En febreiro do ano pasado, o Goberno central establecía 19 rexións ZAPER divididas en catro grandes áreas: a noratlántica, a levantina-balear, a canaria e a do Estreito e Alborán. Galicia convertíase no gran provedor de enerxía eólica mariña de España: do total de Zonas de Alto Potencial para a eólica autorizadas polo Consello de Ministros, cinco situábanse no territorio galego, cunha superficie total de 2.114 quilómetros cadrados, o 43% do total. Unha delas, situada na desembocadura do río Miño, estaría tan só a 21 quilómetros da costa, causando un importante impacto visual parello ás cuestións ambientais. 

Liña recta de 21 quilómetros entre o parque do sur de Galicia e a desembocadura do Miño.

Dende entón, o interese do sector eólico polas características da costa galega non fixo máis que medrar. Nos últimos meses presentáronse seis novos proxectos ante o MITECO (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), un deles proposto pola xigante estadounidense Invenergy fronte á costa de A Coruña: ao parque de “O Boi”  súmanse o “Atlántico 1” no sueste de Galicia, e no norte do territorio, os parques “Atlántico 2, 3 e 4” e o proxecto “Xistral”. Actualmente, todos eles atoparíanse fóra de regulación, xa que dende 2021 non se poden admitir novas solicitudes para instalacións eólicas na espera da aprobación dun novo marco normativo por parte do Goberno. 

Deste xeito, a costa galega convértese nun punto quente para a conservación e a protección da natureza e, doutra banda, para o desenvolvemento das enerxías renovables. 

Enerxía e natureza: unha convivencia posible?

Por moito que lle digan a autoestrada do noroeste, non hai liñas que dividan e marquen este territorio dun xeito visible. Sobre a nova ZEPA que une a costa de Galicia e cantábrico occidental, o técnico do Programa Mariño de SEO/BirdLife en Galicia Paulo Lago explica: “É necesario seguir investigando ata poder ter a dimensión da súa extensión real e a súa importancia como lugar de paso e de alimentación. Isto sen esquecer que ás aves mariñas reprodutoras e migrantes hai que engadir as aves actuáticas, limícolas e terrestres, que tamén cruzan a zona durante a súa migración”.

A principal limitación é, segundo Lago, que as ZEPAS constitúense tendo en conta por un lado censos feitos dende a costa ou dende os cabos por onde pasan estas aves, e por outro nas saídas que se fan en barco dentro de campañas menos intensas no tempo: “Aínda que máis cerca da costa normalmente hai máis aves mariñas, máis aló das 15 millas hai moito menos seguimento”. 

Deste xeito, a influencia do corredor podería ser aínda máis grande do que se pensa e, por tanto, a distancia entre esta zona protexida e a zona da eólica mariña poderíase ver reducida. Dende a ONG pídese manter o principio de precaución, xa que aínda non é moito o que se coñece sobre o impacto real que poderían ter estes proxectos na fauna mariña e nos ecosistemas na zona da península.

A colisión coas turbinas eólicas, un dos principais problemas

Segun o técnico de SEO/BirdLife en Galicia, aínda non hai suficiente coñecemento sobre como afectaría a eólica mariña flotante ás aves, que é a que se está plantexando no territorio galego. Porén, si hai moitas investigacións sobre a eólica en xeral, especialmente no Mar do Norte, onde se puxeron os primeiros parques mariños: “É aí onde xorde a nosa preocupación, xa que estes estudos nos indican como principais problemáticas as colisións de aves conas turbinas eólicas, que xa coñecíamos, pero tamén amosan outros impactos que non son tan visibles, como son as desviacións destas aves nas súas rutas migratorias. O que podería pasar é que as aves, querendo evitar estes parques, teñan que facer desprazamentos máis longos”. 

Mapa do Corredor galaico-cantábrico occidente, onde tamén se amosan os proxectos de explotación eólica mariña. Fonte: SEO/BirdLife

E que di a evidencia científica? 

Por unha banda, a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro atópase no centro da cuestión, convertendo o impulso da enerxía renovable nunha necesidade para minimizar no posible o impacto do cambio climático no noso planeta.  

Sobre as repercusións para a contorna desta enerxía, a resposta é difusa e depende sempre da tecnoloxía que se empregue, xa que non hai un só tipo de turbina eólica mariña, e das características da rexión onde se plantexe o proxecto do parque. Un artigo publicado a principios deste ano en The Conversation e asinado por ata nove científicos amosaba algunhas das cuestións a ter en conta, como a posible alteración das correntes mariñas e atmosféricas e a afectación da produtividade do plancto. 

No mesmo artigo os investigadores sinalan que, aínda que o ideal dende o punto de vista enerxético sempre é construír estes parques nos lugares de máximo aproveitamento do vento, estas zonas tamén adoitan ter unha gran biodiversidade mariña. Neste eido, un estudo recente aconsellaba excluír aos parques eólicos mariños das zonas da Rede Natura 2000.

Na mesma dirección

Dende SEO/BirdLife defenden a implantación da enerxía eólica dun xeito responsable, xa que o cambio climático e a perda da biodiversidade constitúen, segundo a ONG, dúas das principais manifestacións da actual crise ecolóxica: “Hai un amplo consenso científico e social sobre a necesidade de abordar ambos desafíos con urxencia, mais ten que facerse de forma conxunta e sinérxica. Sen unha natureza ben conservada, non se pode facer fronte ao cambio climático”. Dun mesmo xeito, se o aumento das temperaturas supera o límite de seguridade dos 1,5 graos con respecto á era preindustrial, as consecuencias para a biodiversidade do planeta van ser críticas. 

Porén, non todo vale, e a enerxía eólica non pode ser unha excepción. Neste eido, Lago defende a que para a ONG sería a maneira correcta de plantexar un parque mariño nas costas galegas: “O primeiro paso sería facer un mapa de sensiblidade e ver que zonas poderían afectar máis ás aves. Despois, avaliar dende o punto de vista ambiental cada unha destas ZAPER dun xeito específico”. A maiores, dende SEO/BirdLife instan a facer ciclos de estudo durante un mínimo e dous ou tres anos nos que se analice a presenza de aves nas zonas onde se plantexen os parques. 

1 comentario

  1. Ainda que o que vou a comentar cae fóra da esfera da natureza, tamén é de sumo interese como se vai a vehicular economicamente esa produción enerxética, quero dicir, á marxe doutros beneficios xenéricos (avaliados, etc) para toda a poboación, cabería esperar outros beneficios para a poboación galega e non só como unha tarifa eléctrica galega, senón tamén con capital galego na explotación do recurso. Algp escoitei ou lin de paises nórdicos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño