“Rof Codina é un magnífico exemplo de coñecemento científico aplicado ao servizo da sociedade”. Esas foron as cálidas palabras coas que o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Lema, describiu o Científico Galego do Ano 2022, homenaxeado este xoves ao abeiro do Día da Ciencia en Galicia. Pioneiro da veterinaria e impulsor da modernización do sector gandeiro en Galicia, Juan Rof Codina foi un “científico excepcional” que quedou gravado na memoria colectiva. O veterinario, natural de Barcelona pero vencellado a meirande parte da súa vida a Lugo, tamén impulsou o asociacionismo gandeiro, incorporou novos paradigmas como a prevención e foi autor dunha inxente cantidade de artigos destinados a difundir as novas teorías nos terreos da agricultura e a gandería.
Dende a súa chegada a Lugo en 1898, Rof Codina sentiu interese polos problemas gandeiros de Galicia. A partir de entón traballou a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España. Tamén publicou a monografía La raza bovina gallega, un estudo no que se sentaron as bases do que logo sería a raza rubia galega.
O acto central
Pola súa brillante e prolífica traxectoria, a RAGC decidiu homenaxealo no Día da Ciencia en Galicia. O acto central da efeméride celebrouse esta tarde no Colexio de Fonseca, cunha cerimonia que deu comezo ás 19.00 horas. Ademais do discurso de Lema, que puxo en valor a “visión avanzada” e a “repercusión formidable” dos traballos e investigacións de Rof Codina, tamén se presentou un vídeo no que se abordaron aspectos persoais e familiares do homenaxeado, así como a súa frutífera traxectoria profesional. Neste contexto, o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Lourenzo Fernández Prieto tamén deu un discurso para enxalzar a figura de Rof Codina. “O que máis asombra del é o inmediato entusiasmo que sentiu pola sociedade rural galega, a súa agricultura e a súa gandaría”, dixo o experto, ao tempo que homenaxeaba un científico tan polifacético.
Durante o acto central da RAGC tamén se presentou a revista A Ciencia en Galicia, producida por GCiencia. O número está dedicado a Rof Codina, con tres artigos dedicados exclusivamente á súa figura. Un deles sobre a súa contribución á hora de definir a rubia galega, outro sobre o seu rol nos concursos de gando e finalmente unha análise da súa figura da man de Fernández Prieto. Este número tamén presta especial atención aos actuais retos enerxéticos, con análises de investigadores de diversas institucións. Abórdanse, por exemplo, as enerxías do mar, as renovables, a eólica mariña flotante ou a senda enerxética que debe seguir Galicia. Para finalizar, a revista recolle un artigo sobre Carlos Pajares, académico de honra da RAGC, e resume as novas máis importantes do último ano.
Libro e placa conmemorativa
Máis alá deste evento, no que tamén se entregaron as Medallas de Investigación de Galicia 2022, celebráronse outros actos para homenaxear a figura do Científico Galego do Ano. Esta mañá presentouse no Consello da Cultura Galega o libro Juan Rof Codina. Unha referencia na agricultura e a gandaría galegas do século XX, tamén producido por GCiencia. A publicación conta con limiares de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; do presidente da RAGC; e do académico Antonio Rigueiro; e inclúe artigos do experto Diego Conde sobre Rof Codina como referente na mellora agropecuaria galega; José Luis Factor, académico da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, sobre a evolución da profesión veterinaria; Alberto Portela, vicepresidente da Asociación Española de Historia da Veterinaria, sobre a evolución dos estudos de veterinaria en Galicia; e Laura Arias, secretaria executiva de Acruga, sobre a achega de Rof Codina ao recoñecemento da raza rubia galega. Para finalizar, colocouse unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias, coa colaboración do Concello de Santiago