Investigadores galegos sintetizan moléculas capaces de mellorar a eficiencia das plantas

Científicos do CINBIO en colaboración con profesionais sauditas conseguen partículas estruturalmente similares á hormona que regula os ciclos de vida vexetais

Tratar de sacarlle a máxima rendibilidade aos cultivos vexetais. Ese é un dos motores que levou ao grupo de investigación ORCHID do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) a tratar de sintetizar moléculas similares á principal hormona que regula importantes procesos dentro da fisioloxía das plantas: o ácido abscísico. O papel desta fitohormona no desenvolvemento e crecemento dos vexetais e a súa influencia na capacidade de adaptación da planta a estreses bióticos e abióticos é crucial. Pero a súa síntese é extremadamente complexa.​ É por iso que este grupo da Universidade de Vigo, en colaboración con investigadores sauditas, vén de lograr acadar a síntese de moléculas que son estruturalmente semellantes e, ademais, producen efectos similares nas plantas.

Con estes ensaios descubrimos que, ademais, hai unha proporcionalidade entre o crecemento das plantas e a cantidade de hormonas que empregamos

Belén Vaz, especialista en síntese de carotenoides do CINBIO

Non é só unha cuestión teórica. No estudo que publicaron en Science Direct dan conta da súa experiencia nun laboratorio de Arabia Saudita con plantas reais. “A regulación da vida das plantas depende en gran medida destas hormonas e non deixan de ser compostos que podemos sintetizar. Ese foi o grande obxectivo. Ver como facer para mellorar a eficiencia das plantas”, explica Belén Vaz, investigadora do CINBIO e especialista en síntese de carotenoides coma estes. “Con estes ensaios descubrimos que, ademais, hai unha proporcionalidade entre o crecemento das plantas e a cantidade de hormonas que empregamos”, engade.

Publicidade

A relevancia deste caso práctico de experimentación con moléculas similares ás fitohormonas que están presentes de xeito natural nas plantas é a facilidade de síntese coa que as conseguiron: “Isto abre un abano de posibilidades de aplicación no sector agrícola na produción de vexetais”. Mais aínda queda camiño por andar para unha aplicación real nos cultivos. Se ben o avance é significativo, “agora, faltaría por estudar que outros efectos poden producir nas plantas e máis velas sometidas a outros estreses fóra do laboratorio”, sostén a investigadora do CINBIO.

Na procura das moléculas máis axeitadas

Aínda que este primeiro estudo foi publicado contra finais de 2020, o grupo de investigación no que traballan conxuntamente científicos galegos e sauditas segue avanzando neste campo de estudo e, cada vez, en escenarios máis complexos. Desta volta, hai apenas nove meses, publicaron un segundo artigo en Science Direct no que afondan na pescuda de atoparen unha alternativa concreta a esta hormona principal, o ácido abscísico.

Publicidade

Estas moléculas análogas ás fitohormonas poden chegar a ser garantes dunha mellor seguridade alimentaria a nivel mundial

Como resultado destas dúas fondas investigación, estes científicos foro quen de desenvolver dous imitadores desta hormona e que, ademais, contan cunha alta eficiencia. Son os primeiros pasos que van abrindo o camiño para unha mellor comprensión do crecemento e desenvolvemento das plantas e, máis concretamente, do arroz, que foi o cereal empregado nestes complexos estudos.

Segundo conclúen, estas moléculas alternativas pasan a se converter en candidatos perfectos para a súa aplicación en sectores agrícolas sustentables e poden chegar a ser garantes dunha mellor seguridade alimentaria a nivel mundial.


O Centro de investigación CINBIO está cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é Logos-pie-1920x168-1-1024x90.jpg

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Un científico galego revela que os virus máis agresivos actúan como ‘aceleradores’ do envellecemento

O equipo no que traballa Rubén González no Instituto Pasteur de París realizou un experimento en moscas da froita e demostrou que a idade biolóxica dos insectos permaneceu elevada pese á eliminación do patóxeno