Dez anos fomentando a curiosidade

Dez anos divulgando arreo o coñecemento científico no noso idioma. Un fito, un logro extraordinario, un aplauso unánime, un motivo de celebración sen reservas. Mais dá que pensar que, sendo tan importantes para Galicia a investigación científica e a divulgación social dos seus resultados, un proxecto coma este non chegase antes ás nosas vidas. Claro que non faltan honrosos antecedentes, mais semella que unha gran parte do sistema científico –a comezar polos xestores– non alcanzou a comprender a transcendencia de achegar á sociedade o coñecemento que producen os investigadores e investigadoras dos diversos grupos e centros. E non son poucos: citando só cifras da USC, a máis lonxeva do SUG, esta conta máis de trescentos grupos que promoven máis de sete mil proxectos e envolven preto de dúas mil persoas especializadas.

Hai moitos fíos que nos conectan co pequeno equipo de grandes profesionais que cumpre anos. Un deles é, por suposto, o lingüístico, o cultivo do galego máis alá dos usos herdados e a demostración patente de que esta lingua é tan válida como calquera outra para falar do avance da ciencia e das súas aplicacións. Outro fío é o identitario, pois permítennos coñecer as novidades e os achados científicos producidos no país, pero tamén deitar unha ollada propia sobre o coñecemento a escala global, ao tempo que se promocionan os valores humanistas da propia ciencia. Outro é unha visión ampla de ciencia (e de cultura) que atende a cuestións tan diversas como a saúde, a gastronomía ou o turismo científico.

Publicidade

Desde o Consello da Cultura Galega sabemos ben que a ciencia interacciona coa cultura e que divulgala ten a súa ciencia. Cómpre profesionalidade, rigor e perseveranza nun labor que non é doado, debido á complexidade da materia coa que traballan os científicos e aos diversos niveis formativos dos públicos albo. Tamén se necesita repouso, a contracorrente dun sistema mediático caracterizado por un ritmo de actualización constante. O equipo de Gciencia foi, sen dúbida, capaz de vencer os retos (parabéns!).

Por iso é unha tarefa grata, de estrita xustiza, transmitir unha afectuosa felicitación a todo o equipo de Gciencia pola súa existencia, polo seu bo facer, por fomentar o coñecemento e, sobre todo, por achegarnos temas e olladas diferentes, por mover os nosos marcos e por abrirnos xanelas a outros mundos. En suma, por fomentar a curiosidade, o principal camiño para achegarse ao coñecemento.

Publicidade

Rosario Álvarez
Rosario Álvarez
Presidenta do Consello da Cultura Galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha conversa con Otero Pedrayo: un chatbot permite dialogar co escritor a partir da súa obra

O Consello da Cultura Galega e Galaxia presentan un modelo de intelixencia artificial para explorar o legado do autor coa garantía da fidelidade histórica

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy

A bordo do hantavirus

O gromo dunha enfermidade potencialmente mortal en alta mar. Por Laura Filloy

GCiencia xa se pode engadir como fonte preferida en Google: como ver máis ciencia galega nas túas buscas

O buscador permite agora que o xornalismo científico de calidade gañe peso fronte aos medios xenéricos nos teus resultados