A seguridade dos seres queridos, especialmente durante a súa nenez, é unha das nosas principais preocupacións. A tecnoloxía demostrou ser un recurso valioso para abordar estas preocupacións e brindar unha maior tranquilidade a pais ou achegados encargados da súa tutela.
Nos útimos anos xurdiron diferentes aplicacións de xeolocalización que permiten coñecer a localización de nenos e adolescentes ao noso cargo e mesmo realizar un seguimento en tempo real, o que pode resultar particularmente útil en situacións de emerxencia.
Son todo beneficios? Cal é a contrapartida de estar sempre vixiado ou controlado por un adulto? Que papel pode ter o seu uso no proceso de formación dun individuo?
A confianza: un piar da relación filial
A posibilidade de xeolocalizar a un menor en todo momento pode ser esencial en situacións de emerxencia, e o uso destas aplicacións pode promover unha comunicación interxeracional aberta, fomentando a seguridade e mesmo o establecemento de límites e responsabilidades.
Pero a confianza é un piar fundamental na relación entre proxenitores e descendentes. Coñecer de forma constante a localización dos nosos fillos e fillas a través dunha aplicación de xeolocalización pode socavar esta confianza e mesmo a autonomía dun adolescente, que pode pensar que os seus pais non se fían del e contrólano.
Tamén pode supoñer unha violación da intimidade ou privacidade dos menores.
Educar, non estigmatizar
En lugar de estigmarizar as citadas aplicacións, é posible enfocarse na educación e un uso responsable destas ferramentas. No contexto da seguridade da mocidade e nenez, estas aplicacións poden traer consigo unha axuda non desdeñable, pero resulta fundamental comprender como utilizalas de maneira ética. Para iso, debemos coidar:
- A comunicación. Antes de instalar unha destas aplicacións é crucial manter unha conversación aberta cos menores, explicándolles para que se utilizará e establecendo uns límites.
- O consentimento. Resulta fundamental negociar co menor o seu consentimento para ser xeolocalizado; isto fomentará a confianza e a responsabilidade.
- A privacidade. Respectar a privacidade é esencial; utilizar a aplicación só cando sexa necesario, é dicir, se hai indicios de risco potencial ou perigo.
- A educación. Alertar os menores sobre a seguridade dixital e as ameazas na rede é un aspecto crucial. A xeolocalización é unha ferramenta máis no seu arsenal de seguridade en canto ás novas formas de relacionarse que ofrece a sociedade conectada.
O difícil equilibrio entre privacidade e seguridade
Nun mundo onde a información persoal se converteu nun activo valioso, xorde a pregunta de se o seguimento constante a través destas aplicacións é unha invasión da privacidade dos nosos fillos e fillas.
A era dixital redefiniu a privacidade en formas que non imaxinariamos hai unhas décadas. A información persoal compártese en liña a diario e as persoas deben ser cada vez máis conscientes da súa pegada dixital desde a nenez.
A xeolocalización pode ampliar este debate ético ao dar lugar a preguntas sobre o control e a propiedade da información de localización: De quen son os datos da miña localización? Poden usalo libremente terceiras partes? Sabemos o que aceptamos cando instalamos unha aplicación? Lemos a letra pequena?
Antes de instalar
É importante que tomemos conciencia da nosa responsabilidade como usuarios informados á hora de instalar unha aplicación de xeolocalización e consentir o tratamento dos nosos datos.
Por unha banda, debemos analizar en que país e como se almacenarán os datos e que repercusión ten o lugar de almacenamento sobre a privacidade, o acceso e a transferencia de datos para diversos fins. Por outra banda, é importante coñecer en detalle a capacidade do sistema operativo do noso terminal para axustar e, no seu caso, bloquear o acceso das aplicacións aos datos de xeolocalización.
Cando se pulsa “aceptar todo” estamos a ceder todos os nosos datos, caendo no risco de ataques externos ás empresas que os almacenan. É a nosa responsabilidade saber que ocorre cos nosos datos (e os dos nosos achegados) e como podemos bloquear as aplicacións dos nosos móbiles chegado o caso.
Sempre con consentimento
Na procura dun equilibrio entre a protección dos fillos e o respecto pola súa privacidade, os adultos temos a misión de ensinar os riscos e as recompensas da tecnoloxía, e as maneiras de protexer a privacidade en liña. E para iso nada mellor que empezar connosco mesmos: as aplicacións de xeolocalización violan a intimidade dos menores, polo que é necesario contar co consentimento do menor.
Neste último aspecto hai discrepancias, posto que o propio móbil pode considerarse propiedade material dos pais e o Código Civil en España establece, por exemplo, que se poden administrar os bens dun menor.
Aínda así, a lexislación especifica que un menor ten “dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe” (Art. 1 da Lei Orgánica 1/1982) e que “a patria potestade exercerase sempre en beneficio dos fillos, de acordo coa súa personalidade” (Art. 154 do Código Civil).
As aplicacións de xeolocalización deben de cumprir, por descontado, cunha regulación esixente neste terreo. Os desarrolladores de aplicacións e as empresas que as ofrecen deben asumir a responsabilidade de protexer a privacidade dos usuarios, e garantir o respecto das leis de privacidade existentes sobre dos datos de localización.
Sen culpar a tecnoloxía, nin criticar o desexo lexítimo dos proxenitores de protexer os menores, débese buscar un consenso entre ambos que promova a utilización destas ferramentas de maneira ética e responsable.
*Pedro Arias Sánchez é catedrático de Xeotecnoloxías da Universidade de Vigo. Henrique Lorenzo é catedrático de Enxeñaría Cartográfica da Universidade de Vigo. Joaquín Martínez Sánchez é profesor de Sistemas de Información Xeográfica da Universidade de Vigo.
Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.














