X = Gciencia

A protagonista das matemáticas en moitos problemas comezamos chamándoa X. Sendo a incógnita, coñecemos que ten que verificar, como se relaciona con outros datos ou parámetros do modelo e, o obxectivo do problema, é achar ou aproximar a nosa protagonista. Fai dez anos as persoas que soñaron Gciencia sabían o problema que estaban a formular e hoxe, parabenizamos a valía de Gciencia.

Despexar a incógnita é asociala aos valores que representa: á X do seu aniversario e á visibilidade que lle deu ás achegas e ás persoas da ciencia. En suma, a identidade consciente do título quere salientar que X é igual a dez anos de comunicación da Ciencia en Galego.

Publicidade

Este soño fíxose realidade ao coidar con detalle e rigor, desde fíos precisos que relataron a viaxe épica de Domingo Fontán, ata achegas recentes, premios e entrevistas a moitas persoas que partillamos coñecementos, emocións, vocacións e o talento das persoas refuxiadas. Procurar na súa web á USC, ao Consello da Cultura Galega, á Real Academia Galega de Ciencias, nomes de colegas e o meu propio, lévame a mergullarme nos artigos, nos retratos de colegas e mozos e mozas de Estalmat-Galicia… e como corolario activa a morriña do vivido e aprendido e sobre todo a gratitude por estes X anos.

Achar Gciencia cada día é poder ver de preto estrelas, co telescopio do xornalimo da divulgación

A igualdade que está no título tamén salienta a equidade que buscamos na ciencia, comezando pola semente de vocacións, para que con maior información a mocidade decida con maior liberdade. E sempre, polo 11F, o día da nena e a muller na ciencia, Gciencia puxo o foco e a letra, propiciando encontros. Gardo unha fonda pegada do Teatro de Pontevedra deste ano, agradecendo ao Concello tamén o fondo compromiso co acto, pola contorna propiciada e o valioso fluxo de preguntas xerado polo alumnado de ensino medio que tan activamente participou. Considero que, ademais de partillar espellos científicos, ao empregar o galego e minorar distancias seleccionando a mellor das frecuencias, a nosa lingua, as persoas que dan vida a Gciencia xeran xornalistas de todas as idades que proxectan a curiosidade con intelixentes preguntas como as súas.

Publicidade

A existencia de Gciencia tamén creou a conCiencia, a todos os niveis, da importancia de profesionalizar a comunicación científica e asemade reforzou o compromiso que algunhas persoas activamos fai tempo, non só de facer ciencia, senón tamén de partillala sumando a divulgación ás nosas encomendas. A sociedade que nos financia debe coñecer que facemos, como reverte na contorna e cales son os tempos precisos para que agrome a ciencia sementada.

Grazas a todas as persoas que fai X anos soñaron este valioso proxecto, achar Gciencia cada día é poder ver de preto estrelas, co telescopio do xornalimo da divulgación, que levan emitindo luz desde hai moitos anos. Grazas Gciencia por ser unha estrela máis no firmamento científico en galego!

Elena Vázquez Cendón
Elena Vázquez Cendón
Decana da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE