José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Para o investigador José Tubío divulgar ciencia debería ser unha obriga na súa profesión. Comunicar os avances científicos ten beneficios por partida doble: para as persoas, por posuír información verificada e actualizada, e para a propia ciencia, posto que os gobernos investirán unha partida maior se a sociedade así o esixe. Tubío lidera un dos subgrupos da iniciativa PANCANCER, un dos proxectos de xenómica do cancro más importantes do mundo. Combina o seu labor de investigación na USC coa divulgación dos progresos, pero tamén de todo aquilo que aínda está por facer, como a descompensación respecto a outros países polo déficit de investimento en ciencia, e a dureza e o lado máis humano de afrontar unha enfermidade como o cancro.

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, falamos con José Tubío de divulgación, cancro, fartura social e cambio climático.

—Segundo a Rede Española de Rexistro do Cancro, antes de que remate 2023 España alcanzará a cifra de 297.000 novos casos. Sitúao como un dos países da Unión Europea menos afectados. Que estamos facendo ben?

—Non creo que haxa unha diferenza significativa co resto de países europeos, si que a hai co resto de países do mundo. Temos unha das poboacións máis envellecidas de Europa e polo tanto cabería de esperar que o cancro tivera unha incidencia máis alta aquí. Sabemos que os tipos de cancro que son máis frecuentes en España tamén o son noutros países occidentais. Estamos baixo os efectos dos mesmos axentes. Os cancros víricos, como a hepatite ou o virus do papiloma, son moi comúns en África, aquí non o son tanto. Isto débese a unhas melloras na salubridade e na asistencia de vacinas. Hai cousas que estivemos facendo ben, como a prevención. Fixéronse moi boas campañas sobre os raios solares e os cribados para a diagnose temperá en determinados tumores: mamografías, colonoscopias, test de detección de sangue en feces, revisión dos lunares… Houbo un investimento en tratamentos. É un éxito de todos. Hoxe en día podemos curar máis dun 50% de todos os tumores.

España debe triplicar o investimento en ciencia

Que é entón o que estamos facendo mal?

—Tardamos moito tempo en poñer en marcha determinados cribados que poden ser importantes, e aínda temos un déficit importante para detectar de maneira precoz o cancro de pulmón. En Estados Unidos hai máis de 10 anos que isto xa se instaurou. Estamos perdendo moito nesa cuestión. Sobre a lei antitabaco, por exemplo, non estamos sendo suficientemente agresivos. Hai unha lei que non se está cumprindo. De erradicar o tabaco, aparecerían un 30% menos de tumores malignos. Estamos facendo moi mal ao investir en investigación por debaixo da media europea. Temos que triplicar a partida, especialmente en cancro se se quere chegar a un punto no que esta enfermidade sexa moito máis minoritaria.

—Pois ao final non aprendemos moito da pandemia.

—Temos memoria a curto prazo. Xa ninguén se lembra. O que nos quedou é que algunha xente segue levando máscara. Agora fálase máis da amnistía en Cataluña que da ciencia. É moi triste que en toda a campaña non se falara de investigación. Nos debates electorais só se mencionou unha vez a palabra, pero estaba incluso mal orientada. É un problema da sociedade tamén, porque non lle esixe aos políticos. Estamos igual que antes da pandemia no relativo á investigación. É coma se non pasase nada.

—Por que cre que a sociedade non valora suficientemente a ciencia?

—Reflexionei moito sobre isto. Non nos fixamos obxectivos, estamos máis preocupados a curto prazo. Non nos damos de conta de que cando temos un móbil na man é porque hai desenvolvemento científico. Non somos conscientes de que o que está movendo o mundo, o que nos está facendo progresar como sociedade son as consecuencias do investimento en investigación. E isto fainos ser unha sociedade moito mellor. En España arrastramos un problema cultural dende cincocentos anos. Períodos como o franquismo mantivéronnos moi afastados.

—Antes falaba dos cribados. Son realmente efectivos? Hai bastante polémica co de cancro de pulmón.

—Unha vez que se instauran é porque son realmente efectivos. O que pasa é que xente ten medo a ter esa información, ou é que tampoco chega. É curioso, pero na propia era do dixital, da información, este tipo de cuestións non alcanzan á poboación. Se fixéramos un tipo de publicidade máis profesional seguramente todo funcionaría moito mellor. Hai que dicir tamén que a palabra cancro é tabú.

—A poboación recibe moitos inputs sobre o cancro, tamén. Percibe fartura? É moi común escoitar o dito popular: “Todo é canceríxeno”.

—Algo que non é certo. Estes mes vou iniciar unha campaña coa Sociedade Española Contra o Cancro en colexios para nenos e adolescentes. Comezo o 30 de novembro. A primeira é na Coruña e informaremos aos rapaces sobre hábitos saudables para evitar o cancro. Porque realmente o cancro pódese chegar a evitar. Son eles os que están a tempo de mellorar as estatístitas.

O cancro pódese chegar a evitar

—De feito, o cancro en xente nova está aumentado exponencialmente.

—Si, pero as estatísticas son perigosas. O que fixemos realmente nos últimos anos foi mellorar as estratexias para diagnosticar o cancro. Cada vez se diagnostica máis cedo porque os programas están funcionando, temos técnicas máis resolutivas. Estas probas son moi accesibles e a poboación adiántase. Tamén melloramos na exposición a axentes nocivos. O aire de hoxe en día está moi limpo en comparación co da revolución industrial. A diferenza é que o acceso e a dispoñibilidade de médicos e técnicas para diagnosticar o cancro son mellores.

—Ou sexa, difúndese máis a mensaxe agria sobre as mortes por cancro que as boas estatísticas sobre a curación e os avances. Estamos orientando mal a comunicación.

—Fíxate que en ningún momento falamos de tratamentos. Temos apenas unhas cantas ducias de tratamentos efectivos. Cada un vai dirixido a unha mutación en concreto. Coñécense 2.869 mutacións que causan cancro. Quédannos máis de 2.600 mutacións para as cales non hai tratamento. Isto cada vez vai máis rápido pero hai un prazo de tempo: hai que deseñalos, probalos, teñen que ser aprobados. Onde realmente hai que facer fincapé é na prevención e no diagnóstico temperá. Isto está nas nosas mans. As asociacións contra o cancro están insistindo moito no tabaco. Agora están de moda os vapers. Isto terá consecuencias. É realmente un problema que hai que frear, o quid da cuestión é o desenvolvemento de tecnoloxías para diagnosticar precozmente o cancro.

—Que importancia lle das á divulgación científica?

—Estou nun momento no que penso que teño que devolverlle á sociedade o que me deu a min. O que fago en investigación do cancro pode ter efectos dentro de vinte anos. Penso que podo colaborar na divulgación. Transmitir esperanza, avances, pero tamén preocupación por como se están facendo as cousas. A divulgación é moi importante neste eido. Non todo o mundo está formado, pero debería ser unha obriga. Eu recibín críticas por estar nos medios. Hai científicos que non son conscientes da importancia de comunicar o que facemos. Primeiro, es ti o que está divulgando os teus propios resultados. Sen filtros. Comunicar a ciencia vainos permitir que á sociedade lle xere interés, a mocidade pode sentirse atraída para dedicarse á ciencia. Non se está explotando suficiente no noso país. Non fai falta profesionalizarse, pero todos os científicos deberían ter a obriga de comunicar en campañas de divulgación. Os científicos tiñan que saír á rúa, como antes facían os predicadores. Debería existir nos centros un departamento de comunicación. Non se lle dá o peso que merece.

Están desaparecendo especies biolóxicas que ao mellor botan nos seus xenes a solución de enfermidades

—Nas últimas semanas houbo algúns encontros de oncólogos e sociedade en Galicia. Que conclusións sacou?

—A Coruña agora mesmo é o centro neurálxico de investigación contra o cancro en España. Houbo actos moi emotivos, houbo moita xente, incluso Luz Casal. Participamos investigadores e non investigadores en encontros onde se discutía a un nivel que todos podían entender. Saquei como conclusión a importancia de facer eses actos dirixidos á sociedade, porque poucas veces a xente ten a oportunidade de poder estar tan preto dos investigadores. O cancro é unha enfermidade devastadora a todos os niveis. Todo ese proceso esnaquízate psicolóxicamente. A xente que vai a estes encontros está marcada dalgunha maneira polo cancro. Todo iso une moito. Cando pasan estes encontros, somos unha familia. É o lado bo do cancro. Todos pasamos polo mesmo e hai sentimento de unión.

—E xa nos congresos de oncoloxía, onde só se xunta a comunidade científica, que lugar ocupa o cambio climático?

—Agora mesmo teño nas mismas mans un libro que se chama Antes de que a natureza morra. É dos anos oitenta e xa nel se falaba de todas estas cuestións, algunhas xa se solucionaron, como o burato da capa de ozono, que está recuperada en gran medida. O cambio climático ten un impacto brutal a uns niveis que non vemos. Están desaparecendo especies biolóxicas, hai secas tremendas no mundo que causan morte e destrución, pragas… É algo imparable, e estamos chegando a un punto no que non hai retorno. Para chegar á situación anterior, necesitamos centos de miles de anos. Ás veces asustámonos por se Vladímir Putin apreta un botón vermello, pero realmente xa se apretou un botón vermello hai moito tempo. O cambio climático está correlacionado con determinadas enfermidades. Non é algo que preocupe como debería porque a xente ve cambios no clima de maneira gradual. As correntes mariñas están cambiando e iso non se pode recuperar. O cambio climático debería ser prioritario. O que se trata é de coidar ao planeta e coidarnos nós, pero tamén a outras especies. Están desaparecendo especies biolóxicas que ao mellor botan nos seus xenes a solución a enfermidades no futuro.

—Con estes datos, como manexades os científicos a ecoansiedade?

—Eu son moi ecoansioso. Tamén peco de pensar a curto prazo, pero intento ser consecuente coas miñas accións. Temos que preocuparnos do que podemos facer como individuos, aínda que eu podo facer moitos esforzos para levar unha vida sostíbel pero despois hai xente que está collendo voos privados. Aquí hai que tocar a regulación. Estamos limitados polo que fagan os demais, igual que o cancro. De nada vale que na miña casa non se fume se noutro lugares estamos respirando fume de tabaco doutras persoas. Non se trata de ser radical con estas persoas, pero si que se poden poñer ao seu alcance solucións e procurar que no futuro non exista. O ideal sería levar unha vida o máis natural posible, porque si que é verdade que parte das nosas afeccións e enfermidades son consecuencia do tipo de vida que levamos, pero sobre todo de como cambiou a nosa forma de vida nos últimos cen anos. O noso organismo non tivo tempo de poderse adaptar a eses cambios. Como na alimentación: invertimos a pirámide alimentaria. Un dos cambios máis importantes produciuse cando os humanos máis primitivos baixaron das árbores, se adentraron na sabana e comezaron a alimentarse do tétano dos ósos. Iso supuxo na dieta un cambio moi importante no noso cerebro que durou centos de miles de anos. Nós invertimos a pirámide alimentario en cen, non houbo tempo para que o noso corpo se adaptase. Co cambio climático é o mesmo. Algo tan brusco ten consecuencias na saúde e xa as está tendo.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Bos días , os sigo dende hai tempo porque éncantame a Ciencia e ademáis teño un fillo investigador e un gran divulgador científico , e pareceúme un articulazo o de José Tubío , oxalá neste país , a o que a Ciencia lle importa moi poco , desgraciadamente , houbese máis xente divulgando e se dedicaran mais medios a Investigación porque é ” a mellor inversión , sin Ciencia non hai futuro ” , e a mi personalmente a amnistía ou os diversos realities me importan 0. Un saudo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Santiago acolle en febreiro un evento sobre as tendencias de investigación en IA e saúde

O encontro celebrarase os días 19 e 20 de febreiro e conten un programa cheo de actividades para profesionais do sector

Un novo tratamento para un cancro de fígado non operable mellora o prognóstico dos doentes

O procedemento combina a quimioterapia e a redución do fluxo do sangue no órgano con dous

Un cangrexo de mil caras chamado cancro

O médico grego Hipócrates ideou o termo 'karkinos', que fai referencia ao animal mariño, e da que deriva o nome da segunda causa de morte no mundo

2025 é o Ano da Ciencia e da Tecnoloxía Cuánticas: que son e para que serven

As dúas disciplinas parten da física cuántica, que se encarga do estudo da materia a escalas espaciais moi pequenas