Volven saltar as alarmas en China: unha misteriosa neumonía infantil está saturando os hospitais da capital, Pekín, e da provincia de Liaoning, situada ao norte do país. A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa solicitou oficialmente ao xigante asiático información detallada sobre o aumento de enfermidades respiratorias e, máis concretamente, os casos de neumonía en nenos. O organismo internacional tomou esta decisión despois de que o Programa de Moniterio das Enfermidades Emerxentes, ProMED, dependente da Sociedade Internacional de Enfermidades Infecciosas, dese a voz de alarma. O informe publicado este martes alertaba dun “gromo xeneralizado dunha enfermidade respiratoria non diagnosticada en varias zonas de China”, dado que os principais focos detectáronse en Pekín e Liaoning, separadas por 800 quilómetros. “Non está claro cando comezou este gromo, xa que sería inusual que tantos nenos se viran afectados tan rapidamente”, trasladan fontes de ProMED.
O aumento da incidencia de enfermidades respiratorias en China xa se notificara o 13 de novembro, nunha rolda de prensa da Comisión Nacional de Saúde chinesa. Dende mediados de outubro, o norte de China vén detectando un incremento de doenzas respiratorias en comparación co mesmo período de hai tres anos. As autoridades atribúen este aumento á finalización das restricións da covid e á circulación de patóxenos coñecidos como o da gripe, o virus respiratorio sincitial (VRS), o propio SARS-CoV-2 e a bacteria Mycoplasma pneumoniae, que provoca unha infección común que adoita afectar os nenos de menos idade, segundo expón a OMS. Ese día, as autoridades chinesas instaron a mellorar a vixilancia epidemiolóxica. Porén, menos de 20 días despois, ProMED publicou un informe alertando do aumento de casos dunha “neumonía non diagnosticada en nenos no norte de China”. Segundo confirma a OMS en nota de prensa, de momento non se sabe se están asociados ao aumento xeral de enfermidades infecciosas respiratorias que notificaron as autoridades chinesas ou son sucesos independentes.
Segundo a información que proporciona ProMED, “os hospitais infantís de Beijing, Liaoning e outros lugares víronse abrumados por nenos enfermos, e as escolas e as clases estiveron ao borde da suspensión”. Os testemuños que recolle ProMED no seu informe describen os síntomas comúns desta neumonía descoñecida: non dá tos pero si febre alta; e “moitos” dos doentes están desenvolvendo nódulos pulmonares. Seguindo as declaracións que recolle o programa da Sociedade Internacional de Enfermidades Infecciosas: “Non só todos os estudantes están enfermos, senón que os profesores tamén están infectados con neumonía”. “Os pacientes teñen que esperar en fila durante dúas horas, todos estamos no departamento de emerxencias e non hai clínicas ambulatorias xerais”, di un membro do persoal do Hospital Central de Dalian, situado na provincia de Liaoning.
Os expertos asóciano á fin das restricións covid
A falta de que a OMS investigue pormenorizadamente o aumento de infeccións respiratorias en China, especialmente as que afectan a menores, non se poderá sacar conclusións precipitadas. Non obstante, os expertos españois instan á calma e concordan que o escenario encaixa co levantamento das restricións covid. Os nenos, nesta situación, son os máis afectados porque non estiveron expostos a patóxenos comúns como a gripe e o VRS, entre outros. “Pode ser que China estea experimentando unha situación epidemiolóxica parecida á que vivimos nós o outono-inverno pasado”, di o pediatra Quique Bassat, tamén epidemiólogo do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal) en declaracións recollidas no Science Media Centre (SMC) España. Unha hipótese semellante á do epidemiólogo Salvador Peiró, quen cre que a información aínda non é suficiente como para valorar o risco global, “se o hai, que é improbable”.
“Tendo en conta as estritas medidas restritivas fronte á covid que se levantaron en China hai relativamente pouco, non é de estrañar que, ao enfrontarse ao primeiro inverno sen elas, aumenten en xeral todas as infeccións respiratorias causadas tanto por virus como por bacterias”, di a viróloga do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC Sonia Zúñiga. A experta, coa que concordan Peiró e Bassat, engade que “non é extraño” que o maior número destes casos se dea en nenos, dado que a súa inmunidade previa é menor que a doutros segmentos da poboación, dado que non estiveron expostos a estes patóxenos. “Era esperable que este outono tiveran unha repunta de infeccións respiratorias de todo tipo, como sucedeu na maioría dos países”, engade Peiró, tamén investigador da Fundación para o fomento da investigación sanitaria e biomédica da Comunidade Valenciana (FISABIO) en declaracións recollidas no SMC España.
A estas palabras súmase a voz de Adrián Hugo Aginagalde, especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública na Academia das Ciencias de Bilbao. “Os gromos de neumonías atípicas en menores de idade non son infrecuentes no noso medio. E nun contexto de incremento de casos de VRS, a situación descrita parece responder a patróns previamente xa observados”, apunta no SMC España. Aginagalde achega unha posible hipótese do que está a suceder en China, dado que as infeccións bacterianas causadas por mycroplasma “son máis difíciles de confirmar”. “Ao ser neumonías leves que non requiren hospitalización, trátanse como neumonías adquiridas na comunidade cuxo diagnóstico é clínico e co apoio da radiografía, sen precisar a confirmación microbiolóxica”, apunta a o experto. Porén, tanto el, como Zúñiga, Peiró e Basset instan a esperar información máis detallada e concluínte, e loan a “rápida” iniciativa da OMS para investigar a situación chinesa.