Sábado 27 Abril 2024

Uns 4.000 pasos diarios alcanzan para mellorar a saúde

Un estudo internacional demostra que canto máis se camiña, menor é o risco de morte, aínda que apenas se dean 3.967 pasos cada día

O número de pasos que hai que camiñar cada día para empezar a ver beneficios para a saúde é menor do que se pensaba, segundo un estudo que avalía o resultado de 17 análises diferentes de todo o mundo realizados ata o momento.

Entre as conclusións do artigo, publicado hoxe na revista European Journal of Preventive Cardiology, destácase que camiñar polo menos 3.967 pasos ao día empeza a reducir o risco de morrer por calquera causa, e que 2.337 pasos ao día diminúen o risco de morrer por enfermidades cardiovasculares.

Publicidade

Os investigadores, dirixidos polo cardiólogo da Universidade de Lodz (Polonia), Maciej Banach, examinaron a actividade física de 226.889 persoas, para confirmar que canto máis se camiña, maiores son os beneficios para a saúde.

Así, o risco de morrer por calquera causa ou por enfermidade cardiovascular diminúe significativamente con cada 500 a 1.000 pasos adicionais que se camiñan. Un aumento de 1.000 pasos diarios asociouse a unha redución do 15% do risco de morrer por calquera causa, e ligada ao corazón e á circulación sanguínea.

Banach —tamén profesor da Facultade de Medicina da Universidade Johns Hopkins— afirma que o seu estudo constata que estas melloras na saúde aplícanse “tanto a homes como a mulleres, independentemente da idade e de se se vive nunha rexión tépeda, subtropical ou subpolar do mundo, ou nunha rexión con variación de climas”.

“Ata o de agora non estaba claro cal era o número óptimo de pasos, tanto no que se refire aos puntos de corte a partir dos cales podemos empezar a ver beneficios para a saúde, como ao límite superior, se o hai”

Ibadete Bytyçi

Os científicos calcularon, ademais, que mesmo se as persoas camiñaban ata 20.000 pasos ao día, os beneficios para a saúde seguían aumentando.

Neste sentido, o autor principal Ibadete Bytyçi, do Centro Clínico Universitario de Kósovo, en Pristina (Kósovo) sostén que, “ata o de agora, non estaba claro cal era o número óptimo de pasos, tanto no que se refire aos puntos de corte a partir dos cales podemos empezar a ver beneficios para a saúde, como ao límite superior, se o hai, e o papel que isto desempeña na saúde das persoas”.

No seu criterio, os datos dispoñibles sobre recontos de pasos ata 20.000 ao día eran limitados, polo que “estes resultados deben confirmarse en grupos máis amplos de persoas”. Existen probas fidedignas de que un estilo de vida sedentario pode contribuír a un aumento das enfermidades cardiovasculares e a unha vida máis curta.

Os estudos demostraron que a actividade física insuficiente afecta a máis dunha cuarta parte da poboación mundial. Hai máis mulleres que homes (32% fronte a 23%), e a poboación dos países con ingresos máis altos en comparación coa dos países con ingresos baixos (37% fronte a 16%) que non se moven o suficiente.

Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), a falta de actividade física é a cuarta causa de morte máis frecuente no mundo, con 3,2 millóns de decesos ao ano relacionados co sedentarismo. A pandemia de Covid-19 tamén provocou unha redución da actividade física, e os niveis de actividade non se recuperaron, dous anos despois da mesma.

Personalizar cambios no estilo de vida

Esta metaanálise conseguiu analizar, así mesmo, se existen diferenzas en función da idade, o sexo ou o lugar do mundo no que se vive, en base a un seguimento dos participantes durante un tempo medio de sete anos. Cabe sinalar que a idade media era de 64 anos e o 49 % dos participantes eran mulleres.

Nas persoas de 60 anos ou máis, a magnitude da redución do risco de morte foi menor que a observada nas persoas menores de 60 anos.

Nos adultos maiores, observouse unha redución do risco do 42% nos que camiñaban entre 6.000 e 10.000 pasos ao día, mentres que nos adultos máis novos que camiñaban entre 7.000 e 13.000 pasos ao día observouse unha redución do risco do 49%. Banach destaca o feito de que, nun mundo no que se dispón de fármacos cada vez máis avanzados para tratar afeccións específicas como as cardiovasculares, tamén se debe “facer fincapé en que os cambios no estilo de vida, incluída a dieta e o exercicio poderían ser polo menos tan eficaces ou mesmo máis para reducir o risco cardiovascular e prolongar a vida”.

En opinión do catedrático de Cardioloxía, “aínda necesitamos bos estudos para investigar se estes beneficios poden existir para tipos intensos de esforzo, como correr maratóns e os desafíos Iron Man, e en diferentes poboacións de distintas idades, e con diversos problemas de saúde asociados”. Con todo, admite, que “do mesmo xeito que cos tratamentos farmacolóxicos, parece que sempre debemos pensar en personalizar os cambios no estilo de vida”.

Entre as limitacións da investigación, os autores lembran que se trata dun estudo observacional, polo que non pode demostrar que o aumento do número de pasos cause a redución do risco de morte, senón soamente que esta actividade está “asociada” a esa diminución.

Por último, o impacto do reconto de pasos non se comprobou en persoas con distintas enfermidades, xa que, en xeral, todos os participantes estaban sans cando entraron nos estudos. Tampouco se tiveron en conta diferencias de raza e nivel socioeconómico, nin os métodos para contar os pasos, que poden non ser idénticos en todos os estudos incluídos nesta metaanálise.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que diferenciar entre dermatoloxía e cosmética"

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas