Sábado 27 Abril 2024

‘Skincare’, cuestión de saúde? : “Hai que remarcar a diferenza entre dermatoloxía e cosmética”

O experto Juan García Gavín apunta que aínda unha gran parte da poboación cre que o coidado da pel provén do mero interés estético

Ácido hialurónico, vitamina C e retinol, ingredientes básicos que a industria cosmética presenta como cóctel infalible contra o envellecemento cutáneo. Novidosos produtos, froito de avanzadas técnicas, poboan os andeis dos comercios, enchen páxinas e minutos de medios tradicionais e atopan seu “Dorado” no mundo online. Pero, que se agocha tralo márketing dos tratamentos antienvellecemento? O dermatólogo Juan García Gavín cre que, deixando á marxe as estratexias mercadotécnicas máis ou menos celebrativas, os avances científicos e lexislativos no sector ofrecen unha enorme seguridade e fiabilidade, mentres que anima a botar unha ollada á nosa pel dende o enfoque que corresponde: coma unha cuestión de saúde. Ademais, na era do “skincare”, cre necesario “remarcar a diferenza entre dermatoloxía e cosmética”.

A procura das fontes da eterna xuventude discorre en paralelo á historia da humanidade. Desde beber ou mergullarse en augas con presuntas propiedades curativas ata experimentar con fórmulas alquímicas para dar co elixir da vida, todas as grandes civilizacións trataron de achegarse a ese prometedor estado ligado ao desexo de inmortalidade. Con ese mesmo obxectivo, o ser humano leva empregando aceites, perfumes e tinturas desde tempos inmemoriais. Pero, que di a ciencia contemporánea sobre esa arela en ocultar, adiar, ou incluso deter, os signos visibles dun proceso tan natural e inelutable como o envellecemento? Responde isto a unha mera aspiración estética

Publicidade

Juan García Gavín, doutor pola USC en Mediciña e Cirurxía, con especialidade en Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, di que máis alá de modas, o coidado da pel debe ser encadrado no eido da saúde. E malia que se congratula de que a dermatoloxía viva “un momento doce”, considera que neste senso aínda queda camiño por percorrer. Gavín, que ten cultivado a súa actividade en case tódalas áreas da especialidade, tanto desde a práctica clínica como desde a investigación, opina que segue vixente a crenza popular de que prestarlle atención á nosa pel, en especial á da cute, é unha frivolidade de simple natureza estética. E afirma que aínda que a sociedade está lonxe da época dos seus avós e pais, contrarios a botar calqueira afeite para protexerse dos raios do sol, hai traballo de sensibilización por facer neste campo. 

A pel, en correlación directa co cerebro

O dermatólogo, que exerce a súa actividade na súa clínica privada en Vigo, afirma que non debemos esquecer que “a pel, o órgano máis extenso do corpo humano, precisa duns coidados determinados para manterse nun estado saudable, como calqueira outro órgano”. Ademáis, puntualiza, o feito de que sexa visible deriva en que teña unha correlación directa co cerebro, pois manifesta de maneira moi evidente o estado de saúde dunha persoa. “De feito, o ser humano está preparado para iso, podemos distinguir inmediatamente a un enfermo a través da súa pel” e así tratar de evitar, de modo instintivo, un posible contaxio. 

Que sabemos en particular deses produtos aparentemente prodixiosos que ofrecen solucións contra o envellecemento? Do mesmo modo que é preciso marcar a diferencia entre o que move ao consumidor a acudir a determinados tratamentos, sexa isto atender a un problema de saúde ou dar resposta a un mero interese estético (o que no gremio se denomina “función satisfactiva”), o dermatólogo indica que é necesario subliñar en primeiro lugar a liña que divide a cosmética da dermatoloxía. A última, como rama da mediciña que é, procura ter un impacto directo na saúde da pel, máis alá de que a súa aplicación poida ter un resultado estético (o que, por outra banda, pode impactar positivamente na saúde mental). Gavín afirma porén, que malia esta fronteira, tanto a industria cosmética como as institucións comparten o interese de que o todo o que circule no mercado sexa sometido aos máximos controis de seguridade e eficacia. 

Tendencias actuais nos produtos anti-envellecemento

Marcada esta liña, o que está claro é que sexa para o seu uso farmacolóxico ou cosmético, a investigación científica está dando grandes pasos na fabricación de produtos para a rexeneración da pel. É o caso do retinol, un composto derivado da vitamina A que leva máis de trinta anos empregándose, inicialmente para tratar a acne e hoxe como ingrediente de produtos para a prevención e tratamento de manchas e enrugas. O doutor Gavín, membro da xunta directiva da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, confirma que o retinol pode contribuír á renovación celular e a mellorar o aspecto da capa exterior da pel. Iso sí, apunta que o seu uso debe ser supervisado por un profesional. Destaca tamén os potenciais beneficios do ácido hialurónico, outro dos produtos máis demandados nos últimos anos polas súas propiedades hidratantes e rexenerativas. Ámbolos dous compostos axudan na produción de coláxeno, ao igual que a vitamina C, un antioxidante cada vez máis presente nos tratamentos anti-envellecemento.  

Os tres compostos citados son producidos polo noso organismo de modo natural. Unha boa alimentación e unha moderada exposición ao sol (coa axeitada protección solar) é a base dunha pel saludable. Pero, tal e como temos asumido que a nosa dentadura require dunha rutina diaria de limpeza, manter a nosa cute en bo estado precisa de determinados coidados externos. E aí é onde se establece o punto de partida segundo Gavín. Dende un enfoque dermatolóxico, limpeza, protección solar e hidratación con vitamina C son esenciais nunha rutina diaria de coidado facial. Partindo de ahí, tanto o acceso á dermatoloxía clínica ou estética coma o recurso ao variado mundo da cosmética depende da concorrencia entre economía doméstica, gustos persoais e modas. 

Que hai de natural nun cosmético procesado?

E falando de modas. “Natural”, “non tóxico”, “sen parabenos” ou “libre de crueldade animal” son algunhas das etiquetas en auxe. Pero, que hai de “natural” nun cosmético que foi procesado e envasado? Como apunta Gavín, non existe nada cen por cen natural, a non ser que apliques directamente sobre a pel un anaco da túa planta de aloe vera. Aínda que cada vez máis produtos cosméticos deriven de fontes naturais, a maioría dos seus compostos son sintéticos. Debe isto alarmarnos? O dermatólogo sostén que non, porque os controis nese sentido son férreos, e indica que a clave está na formulación deses compostos e na concentración das súas distintas substancias, que ademais é o que vai distinguir entre un fármaco e un produto cosmético. 

Con respecto ao asunto da toxicidade, apunta que os tóxicos máis potentes que existen no mundo son de orixe natural. É o caso da botulina, empregada nas infiltracións de bótox, “un neuromodulador que modula á baixa as accións do músculo”. Este composto emprégase en tratamentos contra a distonía, contracturas provocadas por xestos adquiridos. En moitos casos, os usuarios de bótox non buscan só un resultado estético, senón unha mellora na función do órgano. Algúns alpinistas, por exemplo, adquiren unha expresión de cello engurrado permanente debido ás horas de exposición á luz do sol. Hai estudios, di Gavín, que amosan como a aplicación da toxina mellorou o estado anímico de persoas con depresión, pola simple relaxación do ceno automático de enfado co que vivían ata daquela. 

En Europa o uso de ingredientes potencialmente tóxicos nos produtos cosméticos está sometido a unha estricta regulación. No ano 2009 a UE prohibiu o uso de arsénico, chumbo e outras substancias na súa elaboración, e no 2013 fixo o propio no que se refire á experimentación con animais. Dende entón, a lexislación na materia seguiu evolucionando á calor dos tempos ata converter a cosmética nun sector “sumamente garantista”, o que para el “é algo lóxico se temos en conta que estes produtos son de venda libre, non suxeitos a prescrición”. Afortunadamente, segundo Gavín, nos últimos anos estase a producir “unha converxencia entre as modas, o que a lexislación permite e o que a ciencia avala”. E iso, en definitiva, leva a unha maior sensibilización sobre a necesidade de darlle á nosa pel a atención que merece. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sarampelo rexorde con forza en Europa: que podemos facer?

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de As autoridades sanitarias portuguesas confirmaron un novo caso de...

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...

Pesticidas e párkinson: unha conexión fóra de toda dúbida

Diferentes estudos realizados demostran que ata dez insecticidas, funxicidas e herbicidas producen danos neuronais asociados a esta doenza.