A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde, unha data sinalada pola Organización Mundial da Saúde para concienciar á poboación sobre a importancia de coidarse física e mentalmente para lograr levar unha vida saudable. Ao abeiro deste efeméride, desde a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo acaba de lanzarse unha serie de podcast cos que promover a prevención das enfermidades cardiovasculares, resaltar a importancia da saúde cardiovascular feminina e impulsar a adopción de hábitos saudables entre a poboación galega.

O primeiro podcast publicouse este luns e nos vindeiros días iranse publicando diferentes episodios nos que se abordarán múltiples temáticas relacionadas coa saúde cardiovascular, un dos grandes desafíos aos que se enfronta a sanidade galega, con estatísticas que amosan taxas de mortalidade máis altas en mulleres ca en homes. As diferentes pezas estarán protagonizados por especialistas de distintas áreas relacionadas coa diagnose, seguimento de patoloxías cardiovasculares, así como a prevención e a promoción de hábitos saudables entre a poboación galega, onde a prevalencia e mortalidade deste tipo de enfermidades é moi alta.

Publicidade

A primeira peza, xa dispoñible na canle de YouTube da UCC+i, céntrase na aplicación da Intelixencia Artificial na análise de datos cardíacos e está protagonizada por Xosé Antón Vila Sobrino, docente na Escola Superior de Enxeñaría Informática e investigador no Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada (LIA2) da UVigo.

O xornalista Gabriel Fuentes e o profesor Xosé Antón Vila Sobrino, protagonista do primeiro podcast da serie. Foto: UVigo

Tras este primeiro episodio virán outros nos que se contará coa participación, entre outros, dos investigadores Juan José Crespo Sabarís, doutor pola Universidade de Vigo e médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria no Centro de Saúde de Bembrive; Artemio Mojón Ojea, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e  investigador de atlanTTic,de Diana Valverde, investigadora principal no Laboratorio de Enfermidades Raras do CINBIO; Federico Mallo Ferrer, director do equipo do Laboratorio de Endocrinoloxía, LabEndo; Javier Prieto Troncoso, investigador en Endocrinoloxía e Fisioloxía do Exercicio e o fisioterapeuta Hugo Ogando Berea, alumno de doutoramento da UVigo, entre outros.

Publicidade

Charlas en colexios e institutos

Ademais dos podcast levaranse tamén a cabo charlas en centros educativos de primaria e secundaria co obxectivo de concienciar á mocidade sobre a importancia de coidar a saúde cardiovascular desde unha idade temperá. Estas charlas contarán coa participación de investigadores e investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo que responderán preguntas para promover estilos de vida saudables entre o alumnado, facendo especial fincapé nos principais factores de risco: hipertensión arterial, tabaquismo, diabetes, colesterol alto, sobrepeso, obesidade, estrés e sedentarismo. 

Para a realización destas actividades, inseridas no Plan Anual de Actividades Ciencia de Ida e Volta, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.


 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A astrofísica Begoña Vila é investida doutora honoris causa pola UVigo

A enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA foi recoñecida pola súa contribución á exploración do Universo

Do mar ao microscopio: a tecnoloxía punteira en Vigo para entender o que pasa no océano

Un equipo de 40 investigadores estuda como poden afectar as plantas de Zostera e o aumento da temperatura do mar nos ecosistemas mariños

Investigadores galegos revelan como o ADN conta a historia da supervivencia das especies

As ferramentas usadas no estudo permiten estimar os tamaños das poboacións de forma máis precisa para determinar o seu nivel de risco

Un equipo galego sinala Ozempic como aliado para previr doenzas cardiovasculares

A semaglutida, un fármaco antidiabético, mellora a sensibilidade á insulina e reduce os depósitos de graxa arredor do miocardio